Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-02-2011

Editorial Santillana do Grupo PRISA perdeu o mercado boliviano e venezolano

PRISA en Bolivia e Venezuela: a voz do ex-amo

XURXO MARTIZ CRESPO


O lema do canciño da RCA ante o gramófono era: "A voz do seu amo". Grupos de comunicación españois adoptaron a mesma actitude cos países latinoamericanos e cos seus gobernos, os cales consideran cans dos seus gramófonos. Os principais oligopolios españois da comunicación, Vocento, Planeta  e PRISA, levan anos mercando emisoras de radio, importantísimo medio en Latinoamérica, xornais e participacións en televisións locais en Latinoamérica e no mundo hispano dos Estados Unidos.

PRISA, baixo o nome de Unión Radio, ten a principal rede de emisoras de Latinoamérica, 400,  sumadas ás que ten no Estado español.

Amparado na falsa lenda progresista de El País, este xornal fixo e fai moito máis dano que os media tradicionais da dereita española como El Mundo, La Razón ou ABC, que non posúen a súa credibilidade entre a autodefinida "esquerda progresista" española.

Pero os intereses de PRISA bateron cos intereses de Chávez e Morales, que decidiron librar unha batalla de ideas e de formación de conciencias para facer a revolución, e para esa batalla era, e é, imprescindíbel a educación e a reformulación dos contidos dos libros de texto.

Editorial Santillana do Grupo PRISA perdeu o mercado boliviano e venezolano. No caso venezolano, a súa presenza diminúe cada vez máis. Aínda así puidéronlle enchufar ao Ministerio de Cultura unha edición de millóns de exemplares, conmemorativa de El Quijote, que viña cun limiar de Vargas Llosa para o mercado español falante. O daquela ministro de Cultura, Farruco Sesto, exixiulle á editorial que o quitara e puxera un de Saramago. 

Santillana entrou en Bolivia en 1994 coa reforma educativa, financiada polo Banco Mundial, do presidente Gonzalo Sánchez de Lozada. Este personaxe, que residiu toda a súa vida nos Estados Unidos e falaba español con dificultade, foi a peza principal para que Santillana elaborara textos oficiais para o ensino en Bolivia e gañase unha cota de mercado que antes non tiña, con contidos eurocentristas e nesgados.

O presidente Evo Morales rematou con esa vasalaxe alegando que até hai pouco Bolivia era un estado colonial no cal as leis viñan de fóra e que a editorial Santillana representaba unha forma de impor colonialmente a formación dos estudantes bolivianos. 

El País de Madrid, considerado en Bolivia como un xornal da "dereita", comezou unha guerra contra o goberno de Bolivia que aínda mantén. A visión que tanto en Bolivia coma en Venezuela se ten dos chamados media "progresistas" españois é inexplicábel para moitos que no Estado español se autodefinen como de esquerda malia non entenderen os procesos de transformación en Latinoamérica; seica por seren vítimas do mesmo ensino colonial e dos mesmos medios que Bolivia e Venezuela decidiron rexeitar.