Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
25-01-2011

PP e PSOE fichan pola oligarquía

Aznar e González tan só son a ponta do iceberg

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS


Esta é a secuencia dos feitos,

- O 15 de novembro "El Rei" recebe ao máis granado da cúpula empresarial que lle da traslado das súas propostas para "refundar España".

- O sábado 27 de novembro o Presidente do Goberno español reúnese cos representantes das 37 grandes empresas españolas para "escoitar os seus pontos de vista e as súas propostas sobre a situación da economía".


- O 3 de decembro o goberno aproba un novo paquete de medidas económicas na que se introducen reformas fiscais regresivas, a privatización dos aeroportos e das lotarías, ao tempo que se decide non prorrogar a prestación de 426 euros para parados de longa duración.


- O 17 de decembro Felípe González pasa a ser conselleiro independente de Gas Natural. Cobrará 126.000 Euros ao ano. (21 millóns das antigas pesetas).


- O 27 de decembro, o Goberno aproba a maior subida da luz nos últimos 28 anos.


- O 11 de Xaneiro transcende aos meios de comunicación que Endesa vén de contratar como asesor externo da compañía a José María Aznar. Soldo: 200.000 Euros/ano (máis de 33 millóns de pesetas).


Para que teñan o cadro completo, José María Aznar ademais é conselleiro de News Corporation, o imperio mediático do magnate australiano Rupert Murdoch, polo que declarou ingresos de 171.000 Euros en 2010 (28.400.000 ptas) e asesor de Doheny Global, un grupo norteamericano con intereses no sector enerxético e inmobiliario (non constan os seus emolumentos).

E enumerados os feitos, permítanme que formule varias perguntas:

- Non é ilustrativo do que está a acontecer que desde as dúas reunións de novembro se endurecesen aínda moito máis as medidas e o discurso do Goberno e do PP?. Basta con comparar as propostas dos grandes oligarcas co que agora se nos anuncia: unha reforma dura do sistema de pensións, unha nova OPA sobre as caixas de aforro, e o  inicio da ofensiva contra o Estado autonómico.

- É presentábel que líderes que nos pretenden convencer da necesidade de  "asumir sacrificios" para superar a difícil situación da economía, cobren ao mesmo tempo estas retribucións por "asesorar" a empresas privadas? Por certo, empresas que non teñen problema en pagar estas retribucións despois de ditar unha forte suba das tarifas eléctricas seica para paliar o "déficit tarifario".

- É tolerábel que estes señores compatibilicen o cobro destas retribucións  co desfrute das prerrogativas que, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, están estipuladas para os ex-Presidentes? Ou que poñan a súa axenda de contactos e ás súas influencias, adquiridas no exercicio da súas responsabilidades públicas, ao servizo de intereses privados?

- É admisíbel que un Goberno Aznar fose quen privatizase Endesa, e agora o próprio Aznar se lucre desta empresa en conceito de cobro de servizos prestados?

Aznar e González tan só son a ponta do iceberg. A lista de antigos membros do Goberno español fichados por grandes empresas é inabarcábel: Rodrigo Rato Cajamadrid, Eduardo Zaplana Telefónica, Jordi Sevilla Price Waterhouse, Javier Solana Acciona, Josep Piqúe  Vueling, Rafael Arias Salgado Carrefour, .....

Como resaltaba recentemente nun artigo Xosé Mexuto " Xa nin se gardan as formas. A crise estase levando por diante o adxectivo formal desta democracia. Non son demócratas, son plutócratas".

E precisamente isto é o que explica a arremetida contra os autogobernos. A crise está sendo aproveitada para transferir renda das clases traballadoras ao gran capital, para acentuar as desigualdades sociais, para concentrar aínda máis a riqueza e o poder económico. E un poder económico concentrado precisa de concentración de poder político. Precisa dun poder político único e fortemente  tutelado, que impoña o seu programa.