Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
12-12-2010

Utilizan os cartos públicos que deberan ir dirixidos á actividade produtiva no medio rural, para intentar apañar todas as presas de votos

O impulso impulsor de Feixóo

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO


Antonte o alcalde nacionalista de Manzaneda, David Rodríguez, denunciaba o abandono que sofre a cidadanía do seu concello por mor das políticas do Partido Popular. Baseaba a súa denuncia en tres eixos fundamentais: a carencia de servizos sociais para atender unha poboación moi avellentada, sendo sufragados os existentes, como a Residencia da 3ª Idade, en exclusiva con fondos municipais malia ser unha competencia exclusiva da Xunta de Galiza; a ausencia de políticas de apoio aos sectores produtivos, referido neste caso ao abandono da política de valorización do monte e de prevención de incendios e a diminución de apoio á actividade agrogandeira e finalmente na decimonónica rede de accesos viarios.

As mesmas afirmacións ben seguro poderían ser aplicábeis a moitos outros lugares da nosa nación con situacións económicas, demográficas e sociais similares que ven como desde a chegada ao Goberno do Partido Popular se volve ás políticas de abandono do rural, non só no plano produtivo senón tamén dos servizos educativos, sanitarios, sociais, de infraestruturas dos que gozan os seus habitantes, nunha deriva que o único que lle depare é converterse nun “parque temático” para uso e desfrute de turistas e urbanitas.

Logo de poñer en marcha hai máis dun ano con grande rebumbio mediático e propagandístico dos chamados Plan Impulsa Lugo e Impulsa Ourense, que baixo obxectivos tan ambiciosos como rematar coa Galiza das dúas velocidades, impulsar investimentos nos concellos máis deprimidos, fomentar o seu despegue económico e social, o tempo veu demostrar que se trataba só dunha operación cosmética tan propias do Sr. Núñez Feijóo, que non supuxo ningunha liña de actuación novidosa, que non comportou consignacións orzamentarias ad hoc e a día de hoxe non se coñece ningunha iniciativa que ao abeiro destes plans teña promovido algunha actividade produtiva xeradora de emprego e de riqueza nos concellos do rural.

Isto que podería parecer unha afirmación tendenciosa e interesada dunha militante nacionalista ven de ser corroborado polo propio Partido Popular. A maior constatación do engano e do fracaso dos Plans Impulsa Lugo e Impulsa Ourense é que o Sr. Núñez Feixóo coa súa improvisación habitual se viu na obriga de iniciar unha nova campaña propagandística para tentar narcotizar a milleiros de galegas e galegos fronte ás próximas eleccións municipais.

Desta volta o lema publicitario da campaña é ben máis ambicioso e elocuente: Plan Impulsa Galicia Interior. Soubemos del grazas a unha emenda que o Partido Popular formula aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2011 e que propón detraer máis de 23 millóns de euros de axudas aos labregos e gandeiros para modernización e diversificación da súa actividade produtiva, unha cuestión polo que se ve a ollos do PP ben menor, para destinalos a ese novo plan impulsor. Plan impulsor do que non constan nin obxectivos, nin destinatarios, nin definición de accións, por non ser quen de definir o Partido Popular non foi quen nin de definir a súa dimensión territorial, non souberon explicitar que entenden por Galiza interior.

Esta emenda, que xunto con outras tres presentadas polo Partido Popular aos Orzamentos da Consellaría do Medio Rural, foi aprobada coa súa maioría non así as presentadas polo Bloque Nacionalista Galego, que ningunha atopou un só argumento do partido do Goberno para ser considerada realista nin útil para o país. Nin dotar un plan de apoio aos produtores do sector lácteo, nin protexer os núcleos rurais fronte aos incendios forestais, nin impulsar a continuación das concentracións parcelarias xa iniciadas e con demostrado interese agrogandeiro, nin implementar un plan mobilidade de terreos agrarios e forestais improdutivos, nin unha política de valorización integral do monte, nin dotar aos habitantes do rural de infraestruturas e servizos básicos para mellorar a súa calidade de vida,.. mereceron a consideración do Goberno da Xunta de seren acaídas á realidade produtiva da nosa nación nin aos intereses das persoas que viven no e do rural.

Porén o que si ficou claro é que este novo “impulso impulsor” do Sr. Núñez Feixóo ten un só obxectivo: utilizar os cartos públicos, que deberan ir dirixidos á actividade produtiva no medio rural, para intentar apañar todas as presas de votos que poidan nos concellos do “interior” que, por certo, queda menos pailán que rural.