Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-11-2010

Ironicamente existe un servizo chamado “atención ao paciente”, faltan médicos pero temos burócratas de sobra

Si a Sanidade Pública, non a privatización

ROCÍO GARRIDO CARAMÉS

Pintura de Joseph Pérez


Non hai moitos anos podiamos presumir de que tiñamos unha sanidade pública máis ou menos boa, inclusive con expertos especialistas recoñecidos a nivel mundial. Unha sanidade a cal todos podemos acceder sen distincións de clase económica. Por iso me facía gracia que ao hospital 12 de Outubro de Madrid lle chamasen "si lo se no vengo" porque a xestión dese hospital é un total desastre e inda por  riba non che queda máis remedio que ir cando a cousa pinta mal.

Pero nos últimos dous anos a sanidade pública estase deteriorando a pasos axigantados e inda por riba queren implantar o modelo de xestión dos hospitais que teñen en Valencia e en Madrid, modelos semiprivados nos que os servizos básicos moitas veces non se achegan os mínimos legais nin por asomo.

Hai non tanto tempo parecía que o único problema eran as listas de espera, listas de espera que non se viron reducidas senón todo o contrario aumentadas a tal nivel que mesmo a un paciente crónico cunha medicación que lle van subindo a dose cada 6 meses o especialista lle di que volva en agosto, aos 6 meses, e vai coller cita e lle dan para marzo do ano seguinte, chega agosto e faise a reclamación pertinente e che din que vai ser difícil xa que entre as vacacións, que si bota un mes en planta e non consulta e o retraso que leva estamos en novembro e a única solución é colapsar as urxencias. Ironicamente existe un servizo chamado "atención ao paciente", faltan médicos pero temos burócratas de sobra.

Co colapso das urxencias temos os corredores cheos de camas e mentres para darche un resultado ou facerche unha proba que require 5 minutos votas horas porque non chega o persoal. Pero a realidade é que non se lle renova aos médicos e o persoal sanitario, a inestabilidade laboral dentro do SERGAS disparase a niveis alarmantes pero quen sofre as consecuencias son os pacientes.

Todo se basea nunha falta de interese por parte dos responsables, e logo tópaste casos nos que che din que a túa operación non será feita ata dentro de 8 meses, claro que si queres que cha deriven a unha clínica concertada privada en 3 meses podes estar operado. E según do que sexa e despois de moito valorar decides ir a privada e resulta que quen te opera vai ser o que é xefe de servizo no público. Casualidade? NON, intereses económicos? SI

Non se pode estar desviando partidas orzamentarias a entidades privadas para realizar servizos que se poden facer nun hospital público e cun custe moito menor, pero claro compensa mais pagar os convenios con esas entidades privadas en vez de investir en persoal e en formación.

A poboación de Galiza cada día se avellenta máis e os nosos maiores teñen as pensións máis baixas de todo o estado español co cal non se poden permitir o luxo de ir a consultas privadas tendo unha sanidade pública, maiores que non entenden de burocracia pero si de enfermidades, de ver como o pouco de sufrir un accidente cardiovascular que require rehabilitación inmediata para unha melloría senón protestas podes estar en lista de espera 3 ou 4 meses e o mellor para daquela o que precisa non é un fisioterapeuta senón un enterrador, e que se agrave esta situación debese a que o gasto sanitario público por habitante é o mais baixo da EU (15º posto), sen contar Grecia e que nos orzamentos da Xunta de Galiza dos anos 2010 e 2011 o recorte en gasto sanitario supera os 220 millóns de euros.

Por iso, vai sendo hora que sigamos reclamando unha sanidade pública como nos merecemos e con máis forza que nunca, sanidade que contribuímos todos a tela cos nosos impostos e a cal non podemos permitir que empresas alleas e que so saben de números se apropien de servizos que ben xestionados por un ente público poden ofrecer o mellor dos servizos. Servizos os que esperemos ter que recorrer canto máis tarde mellor pero que a volta da esquina podemos necesitalos e como pacientes e usuarios temos as nosas obrigas pero que non se esquecen dos nosos dereitos. So temos unha vida e polo tanto non debemos permitir que xoguen coa nosa saúde para logo poder ter un titular de prensa dicindo que o aforro no gasto sanitario creceu pero obvian nese titular mencionar que este aforro e grazas a que non se prestan os servizos que se viñan prestando anteriormente.