Tanto o franquismo e post-franquismo, como a esquerda española, que non querían recoñecer o carácter nacional de Galiza nin moito menos a súa situación de dependencia dentro do Estado Español, emprendíana coa ú, como se fose o seu inimigo principal. Fose coa represión aberta, fose coa chufla, no fondo era recoñecerlle á ú unha importancia que, aparentemente, non tiña. A súa única transcendencia consistía en ser unha forza nacionalista inquebrantábel, sen titubeos nin vacilacións no seus postulados nacionalistas.
Sen votos non hai capacidade para transformar a realidade, para levar adiante os programas políticos elaborados desde unha concepción estratéxica da acción política, pero tamén é certo que sen principios, e sen actuacións consecuentes, non hai identidade e sen esta non se sobrevive nun contexto dominado pola poderosa mediática ao servizo do pensamento único. Dito todo isto, constatamos que a historia organizativa e estratéxica do BNG defínese pola adaptación programática e discursiva a un contexto hostil pero mantendo sempre os principios e a súa posición como forza nacionalista e de esquerdas. A identidade organizativa é claramente a clave para non rematar absorbidos polo sistema.
Hoxe temos na Galiza un goberno autónomo empeñado na aniquilación material de Galiza e do pobo galego como comunidade social diferenciada. A súa obsesión españolizadora prohibe o uso do galego en determinadas áreas do sistema educativo público e expúlsao dos procesos selectivos para o acceso á administración, defende a imposición das touradas e do flamenco, ou cercea a capacidade produtiva do país e a súa riqueza en beneficio de intereses alleos. Promove a miseria, a inxustiza e a exclusión social. E fan todo isto no nome, seica, do "galeguismo" e da "liberdade".
Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.