17:58 Xoves, 08 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-11-2010

Os nosos gobernantes consideran o gasto como instrumento para “impulsar a redistribución da riqueza e lograr a equidade”

Lei de Augas e Política Impositiva

Valorar (13)

XOSÉ MAGARIÑOS MACEIRAS



Toda política pública en materia de impostos ten que estar orientada a cubrir os servizos públicos e a redistribución da riqueza, pero a realidade dinos que a inversión das administracións públicas en materia de saneamento está máis orientada a satisfacer as necesidades das construtoras que a dotar dun eficaz servizo de saneamento á poboación.

Hai uns días escribía Manuel Soto Castiñeira neste mesmo lugar dous bos artigos que analizaban, dende un punto de vista ambiental, o que vai supoñer a lei de Augas que o Partido Popular pretende levar a cabo. O actual artigo tamén pretende analizar a mencionada lei, pero non desde unha perspectiva ambiental, senón económica (aínda sen ser, nin moito menos, un experto no tema); en concreto, vou tratar de dar a miña opinión sobre as políticas impositivas e a súa incidencia nos cidadáns comentando tres aspectos desta lei:

Un primeiro detalle a ter en conta, e que xa apuntou o autor antes citado, é que esta lei ten como finalidade ampliar o negocio da auga, xa que, até agora, había unha cantidade importante dela que era, por así dicilo, gratuíta (se ben é necesario remarcar que, por moita cantidade de auga que haxa nun lugar, os cidadáns deben facer fronte, se queren chegar a ela, a importantes gastos e a un esforzo físico considerable); esta "gratuidade" impedía que se puidese privatizar ningún tipo de servizos relacionado co subministro ou cobro de augas (entre outros motivos, porque non se daban). Agora ben, unha vez universalizado o canon (imposto) e separado dun servizo que a administración ofrece ao cidadán, todas as augas pasarán a ser susceptibles de algún tipo de cobro pola súa posible utilización. Noutras palabras, a auga pasa a ser un negocio.

O segundo aspecto está vinculado ao cobro do canon, e dos impostos en xeral, e o posterior uso do montante recadado (ou o que é o mesmo, a política de inversións en infraestruturas de subministro e saneamento a que teoricamente se van dedicar as "ganancias"). Neste aspecto debemos indicar que, teoricamente, toda política pública en materia de impostos ten que estar orientada a cubrir os servizos públicos e a redistribución da riqueza, pero a realidade dinos que a inversión das administracións públicas en materia de saneamento está máis orientada a satisfacer as necesidades das construtoras que a dotar dun eficaz servizo de saneamento á poboación. Esta afirmación é facilmente comprobable se observamos os sistemas de depuración elixidos na maior parte do país, que se revelan como ineficientes e que, en contrapartida, presentan uns custos de construción e mantemento elevados; unha posible solución sería a utilización, sobre todo no rural, de sistemas máis acaídos nosa realidade, como poderían ser os baseados na lagunaxe ou nos filtros verdes. Á vista desta realidade poderiamos concluír que o sistema impositivo só serve para aumentar o gasto da administración e solucionarlle os problemas ao capital e non para proporcionarlle á cidadanía un servizo eficiente, completo, seguro e económico.

O último punto que me gustaría analizar ten que ver coa política de prezos, a política de recuperación de custos á que fai referencia a Directiva Marco da Auga da Unión Europea e que é na que se escuda o PP para poder universalizar o cobro amparándose nos custes ambientais do uso da auga; neste aspecto coincido co autor xa citado en que é un mecanismo que non pode ser obviado, é mais, cada cal debe de pagar polos servizos que recibe das administracións públicas: neste caso concreto referímonos ao servizo da auga, de subministración e saneamento. Até aquí todo é correcto, o problema xorde cando se lles pretende cobrar a determinados cidadáns por un servizo que non reciben, e cando o montante recadado non vai repercutir no seu beneficio, senón que vai encher as contas de resultados de empresas que non teñen nada que ver con eles. Por outra banda, o sistema de tarifas dos que si temos servizo de auga debería buscar a redución do consumo (é dicir, deberíase pagar segundo o que se consumise) e para iso cómpre eliminar o volume mínimo que temos que pagar todos e todas os abonados (utilicémolo ou non) e substituílo por un recibo composto de dúas partes: unha fixa vinculada ao custe da construción e mantemento da infraestrutura hidráulica (que evidentemente teríamos que pagar todos os que contásemos cun servizo municipal de augas) e unha variábel, e progresiva, asociada á cantidade de auga que consumamos, quen máis consume máis paga.

A conclusión de todo o que levamos descrito nas liñas anteriores é que os nosos gobernantes consideran o gasto como instrumento para "impulsar a redistribución da riqueza e lograr a equidade", pero a miña particular lectura da realidade é que "están máis interesados en administrar saqueando ou saquear administrando"; como dicía  Ruben Cela nestas mesmas páxinas "os orzamentos dun estado non enganan. Con independencia de que estean máis ou menos maquillados, do seu nivel de enfarragosidade e ortodoxia contábel, os orzamentos dun estado destilan, polos catro costados, a ideoloxía de quen os promove".


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña