11:54 Luns, 27 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-11-2010

O Nobel, como moitos outros premios, non deixa de ser parte dunha campaña publicitaria de creación de modelos

Vargas llosa. O circo mediático do nobel

Valorar (19)

ROSA BUGALLO VECIÑO


Mario Vargas LLosa


A editorial Alfaguara, Prisa, edita a súa última obra "El sueño del celta" cunha tirada de máis de 250.000 exemplares. A verdade e a pluma ?

Os premio Nobel outórgase en Suecia, cada ano dende 1901 a: "persoas que fixeran investigacións sobresaíntes, inventando técnicas ou equipamento revolucionario ou aportasen contribucións notables á sociedade". No caso do Nobel de Literatura se lle outorgara á obra máis sobresaínte de tendencia idealista.

A Vargas Llosa o motivo foi: "a súa cartografía de estruturas de poder e as súas mordaces imaxes da resistencia individual, sublevación e derrota, na súa obra". Máis por outra banda o señor Vargas foi eloxiado pola súa defensa persoal do individuo fronte a todo totalitarismo de calquera sector político"...

Polo seu aspecto intelectual, a arte, como todo linguaxe, é un instrumento de comunicación, mentres que polo seu aspecto afectivo a súa misión esencial consiste en expresar o ser do propio autor, revelar a súa personalidade estética. Mais é aí onde comeza a confusión entre estética e ética. A creación artística rebela a personalidade ética do autor? Sí, no imaxinario colectivo. Tendemos a trasladar os atributos éticos dunha obra á personalidade do autor, así sucede co Nobel e con outros premios: Planeta, Asturias... apoiados polos medios de comunicación colaboran alimentando a visión da arte como unha representación do artista.

O xeito de situarnos -ética e socialmente no mundo- non ten porque coincidir coa técnica nin coa estética fronte á obra. A arte non rebela a personalidade ética do autor agás este teña a valentía de espirse ante a sociedade e instrumentalizar a súa obra para amosar os seus ideais, valores, xuízos... que o forman como individuo político. Pensemos en autores como Saramago, Márquez ou Cortazar. Estes dous últimos, xunto a Carlos Fuentes e o propio Vargas, foron os protagonistas do boom da literatura latinoamericana caracterizada por unha clara implicación política e social: "os precusores da verdade á pluma". Vargas separouse do grupo, abrazando o ideario liberal de dereita e enemistándose co resto do grupo. O autor manifestábase ética e socialmente en contra dos principios que reflexa a súa obra.

O propio Vargas distingue a obra, a ficción, do discurso social do autor. "A literatura nace da confluencia da imaxinación e ilusión". E se ben, a obra de Vargas é imprescindible e necesaria (La ciudad y los perros, La fiesta del chivo, La guerra del fin del mundo) tanto dende un punto de vista estético como ético, non podo dicir o mesmo do Vargas individuo. É o claro exemplo de intelectual debilitado; "El ser humano es el abismo donde los contrarios se funden"... afirmaba o propio Vargas e no seu caso, o contrario da súa obra é el. Tomemos como exemplo "La ciudad y los perros". A obra é unha crítica ao sistema militar, as atrocidades que se cometen nos cuarteis, os valores que se defenden. O Vargas individuo defendeu a invasión e agresión de Irak, non protestou polas agresións aos pobos amazónicos, non defendeu as súas liberdades, non criticou a presenza de bases militares norteamericanas no Perú...

A editorial Alfaguara, Prisa, edita a súa última obra "El sueño del celta" cunha tirada de máis de 250.000 exemplares.

A cultura clásica tiña como finalidade elevar o ser humano, as industrias culturais dedícanse a distraelo, porque canto máis medra a masificación, maior é a sede publica dunha referencia individual é para iso é vital o papel publicitario dos novos ídolos. O Nobel, como moitos outros premios, non deixa de ser parte dunha campaña publicitaria de creación de modelos. Exitosa, sen dúbida, ao autor atribúenselle os valores e xuízos expostos na súa obra e automaticamente pasa a formar parte do grupo de privilexiados lexitimados pola moral que reflexa na súa escrita aínda que o individuo político, o personaxe real manifeste un pensamento totalmente contrario. Aínda que a súa práctica social sexa a dun farsante manipulador simpatizante de réximes fascista e totalitarios como o é Vargas contara con total inmunidade crítica. A quen eloxiaron na entregas dos premios "pola súa defensa do individuo fronte a todo totalitarismo de calquera sector político? Que pretendía Rivas cando afirmou que a concepción do Novel a Vargas é unha demostración de que o mapa da xeopolítica non elimina a literatura?

Como diría o outro: o medo, neste caso, a covardía, é libre

Enamais...

1 2 seguinte

[05-11-2010 09:46] Jofre comentou:

Para ClaraQ: Foi un pracer conversar contigo. É difícil atopar reflexións tan sutís e enriquecedoras como a túa por eiquí. Unha aperta camarada.

[04-11-2010 18:10] ClaraQ comentou:

Para Jofre:
Grazas por te tomares a molestia de respostar. Ás veces as persoas chegamos a un certo "fartazgo", respecto de posturas pouco ou nada produtivas e consistentes en xulgar negativa e inxustamente os comportamentos dos demais, sen pararse a pensar (e actuar) nas causas obxectivas que os xeran. O meu comentario foi, pois, un "arrouto" frente a esa fartura para ver se paramos XA!. Polo demais, Vargas Llosa resúltame un personaxe impresentábel por múltiples motivos obxectivos e obxectivábeis.
Un saúdo

[04-11-2010 12:21] Jofre comentou:

Para ClaraQ: Afortunadamente, hai de todo na viña... Dende logo, co meu comentario non tentaba caer no cainismo, e criticar de xeito debastador a disidencia ou a crítica intelectual, nada máis lonxe da miña intención, e moito menos caer na inxenuidade de pensar que todo o que milita en partidos de esquerda renuncia ao seu "eu" para traballar desinteresadamente polo ben común "no que o eu está insertado". O meu pobre comentario enlaza, coa dicotomía que fai a Rosa entre a "obra" do autor (en concreto) e a súa labor "intelectual" como xenerador de pensamento. Eu non comparto as devastadora críticas de Mario Vargas Yosa lanza dende as páxinas de El Pais; sendo respetables e moi enriquecedor lelas, non as comparto. Dende a miña pobreza intelectual; nada compardo coa túa (e non é ironía), teño unha cousa clara, e é que de pouco serve (para o ben común) ter grandes ideas, se un non fai nada por polas en práctica, se voltan pouco cribles se un non demostra que podan ser executables; esa e a praxe da que falo. O compromiso co que un/unha cre, e moi respetado por mín. E estou seguro de que si que tes xeito de coparticipar, agora mesmo o acabas de facer entrando a debater, algo tan pouco usual en este foro. Grazas polo teu interese no meu comentario.

[03-11-2010 21:26] ClaraQ comentou:

Jofre, Como din por aí: "Hai de todo na viña do señor ...". En todo caso, coido que para manter e mellorar unha organización cómpre fuxir de prexuízos e de visións parciais, interesadas -e intereseiras- e estereotipadas a mantenta para xustificar non poucas incapacidades. Efectivamente, haberá persoas que, absurdamente, se recrean no ego (ti non?, pensao); outras haberá que estean instaladas nun eventual éxito ( de que "éxito" falas?); e outras -tamén haberá- que proclaman pór a "súa vida" ao servizo do ben común (torpe e incríbel grandilocuencia), cando no que realmente pensan é no seu bandullo. Así mesmo, haberá que perciba como vulgar o que ti chamas "praxe" (que praxe?, a que obedece? ao "accionalismo" polo "accionalismo", sen máis?). Entrar nas motivacións da conducta de compañeiros e compañeiros é un pésimo, inútil e destrutivo labor político (a non ser que se persiga o isolamento propio e o abandono dos demais). Tamén hai quen non está disposto a asumir acríticamente a mobilización pola mobilización e tampouco asume a condición de seguidista de calquer teoría (se a houber) non nada da necesaria participación. Por último, penso que non convén esquecer que moitas teorías nas que cismaron algunhas persoas ao longo da historia, serviron para criar unha conciencia social que conseguíu mudar a realidade (por certo, esas persoas merecían, decote, desprezativas expresións como os da "atalaia", ou "os que viven na súa torre de marfín", ... O meu lema é pensar para actuar. Sempre colectivamente. Mais o que ocorre é que algúns e algunhas non atopamos o medio para a co-participación. Será incapacidade nosa? . Quizais ...
Un saúdo e menos maniqueismo e cainismo embrutecedor

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña