16:29 Martes, 26 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-11-2010

A pianista e gaiteira galega Cristina Pato actuou o pasado 28 de outubro no WOMEX, a feira de World music máis importante do mundo

Cristina Pato e o PP

Valorar (52)

XAVIER CAMPOS LÓPEZ



A pianista e gaiteira galega Cristina Pato actuou o pasado 28 de outubro no WOMEX, a feira de World music máis importante do mundo, que nesta edición, por segundo ano consecutivo, se celebra en Copenhague. A noticia é, sen dúbida, boa para a música e a cultura galega. Sempre o é cando un artista de noso está presente en eventos e proxectos internacionais, porque dalgunha maneira a súa presenza neles fai visíbel e transmite aos alí presentes a realidade viva e vizosa da nosa cultura propia.

Xunto con Cristina Pato -escollida por Sounds from Spain, con motivo da volta á mesma de Galician Tunes-, estivo tamén neste evento unha das nosas máis importantes e recoñecidas creadoras, Mercedes Peón, que foi seleccionada directamente pola organización internacional do WOMEX.

Do punto de vista da estratexia de singularización comercial e cultural no espazo da world music, a nova integración de Galician Tunes en Sounds from Spain non resulta acertada. Dificilmente se pode dar a coñecer a natureza e o perfil das propostas musicais galegas de world music cando, ao lado e baixo a mesma marca, no mesmo escenario, estarán basicamente artistas de flamenco ou flamenco-fusión. Os tópicos, sabémolo, funcionan, e neste caso funcionan en detrimento noso. Se os responsábeis desta decisión queren xogar ao despiste, conseguirano. Os case tres anos de traballo específico que se fixera con Womex, cun discurso atractivo, claro e coherente, son subordinados por non sabemos que intereses comerciais ou por imaxinamos cales imposicións ideolóxicas.

Do punto de vista ético, a escolla de Cristina Pato a través de Galician Tunes / SFS suscita, máis alá dos comentarios off the record tan propios da nosa realidade cultural, algunha reflexión. Persoalmente, a de que é unha persoa afortunada. Se o BNG fose o PP e Ana Pontón fose López Chaves (non me teñas en conta, Ana, a comparación!) neste momento Cristina Pato debería estar preocupada. Porque se dá a circunstancia de que, para alén de amiga persoal do conselleiro Roberto Varela desde os tempos novaiorquinos, a empresa para a que grava e coa edita os seus discos, Zouma Records, é a empresa do actual director da AGADIC, Juan Carlos Fasero, tamén amigo persoal seu. E xa se sabe que a xente é mal pensada e non acredita en casualidades.

Por sorte para ela, porén, o BNG non fará disto un espectáculo lamentábel de acusacións sen fundamento -aos que o ínclito performer vigués nos tiña tan afeitos- nin enlamará a traxectoria artística de Cristina Pato -solvente, recoñecida e con méritos de sobra para representar a música galega en Womex- para denunciar a política cultural do PP. Mais si parece necesario sinalar, tamén nesta ocasión, que non todos somos iguais, e desde logo que uns e outros actuamos de formas ben diferentes.

As hemerotecas poden falar da actitude insultante e propia da caza de bruxas que tivo o PP cos creadores galegos participantes na Feira Internacional do Libro da Habana, ou coa daquela directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, ou cos artistas que participaran no seu día en actos da plataforma Nunca Máis. O desprezo que o PP ten pola cultura galega fíxose durante a lexislatura pasada máis agresivo e visíbel que nunca, aínda a sabendas de que calumniaba sen argumentos, motivos nin probas. O minte que algo queda foi elevado a táctica de cabeceira, a ladaíña insultante en única capacidade retórica. O PP non dubidou nunca en atacar aos artistas para facer dano á xestión política. Estou seguro de que tampouco dubidaría hoxe. O BNG, obviamente, nin fixo nin fará nunca tal cousa.

Cristina Pato, Mercedes Peón, Marful, Berrogüetto, Fía na Roca, ... os nosos artistas teñen talento e calidade para conquistar Womex e calquera outro mercado internacional, e contan co noso máximo respecto, apoio e cariño. Todos e todas. Que ninguén vexa, pois, nas miñas palabras intencións ocultas nin críticas veladas. A crítica que fago é unha e é clara: hai quen actuou sempre con respecto na defensa e promoción da nosa cultura e hai quen nin tivo onte nin ten hoxe respecto algún pola mesma e polos seus creadores. É bo que conste, e que se saiba -e saiban- que non o imos calar.

Polo demais, dúas observacións a modo de peche:

Un. Na páxina web da AGADIC pódense baixar as liñas de traballo dos anos 2007 e 2008, correspondentes á súa creación e posta en marcha, mais é imposíbel coñecer nada sobre as actuais. Incapacidade, falta de transparencia ou ambas á vez? A aparente inanidade governante agocha, no fondo, prácticas especialmente daniñas para a madureza dos sectores culturais. Os esforzos da lexislatura pasada para promover a vertebración dos mesmos e a definición de políticas globais foron substituídos polos "pasa polo meu despacho", a igualdade de oportunidades polo silenciamento dos considerados desafectos, os plan anuais de traballo -presentados e discutidos cos sectores- pola improvisación constante, irresponsábel, frívola.

Dous. No Womex 2008, en Sevilla, a Consellaría de Cultura e a AGADIC promoveron através de Galician Tunes a realización dun concerto de artistas galegos, que obtivo un amplo suceso na feira. Os artistas eran Xosé Manuel Budiño, Narf (co Aló Irmao!) e Mutenrohi. Este último, o grupo do actual director da AGADIC e xa daquela concelleiro do PP en Arnoia, Fasero. Nunca foi isto un elemento condicionante para nada, na etapa do BNG. Oxalá puidesemos ter hoxe a certeza de que o comportamento  dos actuais governantes está a ser o mesmo.


1 2 seguinte

[07-11-2010 22:36] paz comentou:

Os que coñecemos a Xavier sabemos ben o que pensa e polo que loita. Ninguén nos ten que vir contar o que fixo ou o que fai pola nosa cultura.
Que lástima que haxa quen sempre cae na descalificación persoal para xustificar determinadas cousas!

Biquiños Xavi

[04-11-2010 18:35] Xavier Campos comentou:

@Louro, non concordo en absoluto coa diagnose que fai do perfil que transladaba Galician Tunes cara o exterior, e que quedou reflectido nos diversos materiais e procesos de divulgación que fixemos -cos artistas propios e cos responsábeis políticos, xornalistas, sectores musicais, etc doutros territorios-. Presentámonos sempre como unha nación con cultura e lingua propia e cunha ampla diversidade e calidade no ámbito musical. Aconséllolle a leitura ou consulta dos moitos materiais que se fixeron naquela época.Sobre a referencia a Irlanda, Escocia e demais non podo dicir nada, porque descoñezo o motivo polo que a fai.

@joseba, se vostede leu o artigo con calma fóra da raiba que semella posuílo non entendo de onde conclúe que o meu texto é "sectario" e que difamo a ninguén. En ningún momento fago ningún tipo de insinuación nin acusación cara J.C.Fasero, a quen coñezo, respecto e que, por certo, participou nos procesos de creación de Galician Tunes. Todo o que digo no artigo penso que é bastante obxectivable, e poderiamos discutilo se vostede concretase os puntos cos que está en desacordo e non se parapetase no anonimanto -absurdo, polo demais, en vista de que semella informado do meu paso pola AGADIC e a Consellaría-. Lamento comunicarlle que penso que a súa reacción é simple mala conciencia, vostede saberá por que. "Pues le recuerdo que el también se dedicaba a lo mismo". Eu non me dediquei á política nin tiven nunca unha empresa, así que non sei a que se refire. Semella vostede confundir as críticas á actuación política coas valoracións persoais que me merecen as persoas citadas. Persoalmente non levo ao terreo persoal o que son lexítimas críticas sobre unha acción política que considero nefasta para a cultura galega, e especialmente grave e desacougante polo feito de estar encabezada, nalgúns casos, por persoas que estiveron vinculadas á propia produción cultural do noso país. Repítollo de novo, amigo joseba: "A crítica que fago é unha e é clara: hai quen actuou sempre con respecto na defensa e promoción da nosa cultura e hai quen nin tivo onte nin ten hoxe respecto algún pola mesma e polos seus creadores. É bo que conste, e que se saiba -e saiban- que non o imos calar.". Nós, o BNG, non.

saúdos

[02-11-2010 21:36] Joseba comentou:

Me parece increible el comentario sectario que hace el señor Xabier Campos cuando él fue jefe de gabinete de Agadic. Maxime si tenemos en cuenta que poco iba por alli, ya que, básicamente estaba en la Consellería. Por otra parte, debe saber que el señor Fasero se desizo de su empresa al aceptar el cargo y que también dejó el grupo en el que tocaba. Patetico pais es el que desea el señor Xavier Campos cuando un artista tiene que dejar su oficio si se quiere dedicar a la política, porque eso ya implica un posible indicio de corrupcion. Pues le recuerdo que el también se dedicaba a lo mismo. Por favor, dejen de difamar y piensen en todo el mal que han causado a la cultura gallega

[02-11-2010 18:36] anton gonzalez comentou:

Zouma records era de Fasero pero xa non o é. Vendeuna pouco despois de tomar posesión do cargo que ocupa na Xunta previa subvención de 50.000€ a empresa por parte da Consellería de cultura.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña