20:29 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-10-2010

Cabería lembrar a Carvalho. Cabería recordar que é ser nacionalista

Carvalho na Estrada, e por todas as estradas da nación

Valorar (17)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO


Inauguración da Praca conmemorativa a Ricardo Carvalho Calero na Rúa Loureiros (Lugo). 28-10-2010


Quizais haxa que vencer o pudor de lembrar a propia experiencia para falar de Carvalho Calero. Mais na confianza que aquela foi compartida por moitos mozos nos que deixou fonda pegada, cabería falar da recepción de Carvalho. Non só da súa obra senón da súa figura, do impacto que causaba que acudira aos Institutos máis humildes, como o meu, ou ás asociacións culturais máis marxinadas, como a miña. Lembrar aqueles premios das letras entregados da súa man aos alumnos do hoxe IES M. Garcia Barros, naquelas estrañas sesións promovidas por un incansable Paco Rodríguez. E digo estrañas porque rachaba a rutina dun ensino de costas á sociedade, unha burbulla na que outra volta o queren recluír.

É certo que na nosa ollada adolescente Carvalho non pegaba entre aqueles "esfarrapados" que andabamos con el polos dignos aínda que precarios espazos nos que se movía a sociabilidade nacionalista. A súa elegancia e a súa solemnidade á beira dos nosos vaqueiros e camisas por fóra. Por iso nos sorprendía a veces que aceptase os nosos convites. Pronto nos acostumamos a el. Por iso hoxe, no seu centenraio, o botamos de menos.


O problema da beleza da súa oratoria era que aqueles máis novos tiñamos problemas por fixar o seu contido. Esquemáticos como eramos, urxentistas, e quizais un pouco dogmáticos, tivemos que exercitar a ximnasia mental de seguir as súas barrocas conferencias, e quizais co tempo, iso máis que os datos que aportaba, fixo de nós que foramos algo máis nacionalistas.

Aínda que cabería dicir que ou se é ou non se é. Mais as gradacións están ben cando un fai balance dun proceso porque un non nace nacionalista. Dicía Simone de Beauvoir cunha frase moi contundente e polémica: non se nace muller, faise. Pois que dicir do nacionalismo: vilipendiado e mesmo criminalizado naqueles anos. Non era doado chegar a ser nacionalista daquela, hoxe quizais é máis difícil seguir séndoo. Pero estamos falando dun momento decisivo no que un "galeguista histórico", como se dicía daquela, no canto de estar inserido na mecánica do poder (pois estes cotizábanse moito para dar lexitimidade ao proceso de reforma), estaba cos que berraban "Galiza Nación. Autodeterminación".

Non achego nada novo sobre este aspecto de Carvalho abordado por outros compañeiros: a dignidade, a disidencia, a autenticidade. Seguramente moitos lembran tamén aquelas colaboracións coa asociación cultural universitaria "O Eixo", con ERGA, cos Comités. Tamén a súa presencia valente no Congreso de Ourense de AGAL. Se ben daquela é certo quizais non valorabamos a súa integridade como se merecía pois naquela mocidade temperán non acreditabamos en que un nacionalista puidera facer outra cousa, parecíanos inconcibible que puidera vender a alma por un cargo. Considerábamos consubstancial ao ideario a entrega xenerosa e militante. Os seus ex-compañeiros do PG, logo en filas de forzas alleas, non computaban xa como nacionalistas. Que se podería agardar deles? Se nin sequera son leais ao mínimo principio desta ideoloxía que é o da auto-organización.

Pola outra banda, co tempo, vendo como o independentismo galego se converteu na outra cara do españolismo para evadirse da realidade e renunciar ao compromiso co proceso de liberación nacional, coa construción de estruturas propias que dean resposta aos problemas do país, e mesmo apreciando como ambos os dous, independentismo e españolismo, chegan no campo sindical e político numerosas veces a confluír orgánicamente (candidaturas únicas), entendemos porque desertan tamén do termo nacionalista. Unha denominación que Carvalho ostentaba con orgullo.

Josep-Lluís Carod-Rovira di que el non é nacionalista, que é independentista. Dalgún xeito pode comprenderse a súa postura no seu país. Alí hai unha vontade que está a ser negada, e así, poñendo o acento niso, explota a contradición de que se chame democracia a algo que non permite que un pobo realice os seus desexos. Comprensible, máis discutible: Así lles vai aos cataláns ao pairo da historia coa súa flutuante vontade que nunca é recollida en textos estruturais do Estado. O que resulta surrealista é a asimilación colonial coa que se copia eses discursos nun país no que o primeiro que destruíron -mesmo antes que a súa lingua e cultura que ainda non o lograron- foi a súa vontade.

"Que queiran, que non, Galiza é unha nación". Non se pode prescindir da vontade dos cidadáns máis non se pode eliminar a realidade polo desexo dunha xeración á cal queren desterritorializar. A realidade virtual non se come. E ademais - como di Carvalho no vídeo que acompañamos- "moitas veces o pobo necesita que se traballe para el de forma que se rompa unha serie de prexuizos aos que el mesmo está atado como consecuencia da historia da cultura galega".

Nós daquela disfrutamos de discursos propios como os seus, aínda que tamén había bastante papanatismo cara o vasco (compre distinguir entre solidariedade e fascinación deslocalizadora). Un discurso propio que en Carvalho era algo máis que palabras, eran feitos. El fixo posible un entronque cunha xeración separaba por un abismo de represión e asi facilitou retomar a palabra desta, e mesmo repetir o dito.


Nós, no noso pequeno concello da Estrada, tivemos novas, grazas a el, dos escritores de xeracións anteriores que foron silenciados e perseguidos por ter empregado a súa pluma en Galego. Conseguimos resucitar naquel 14 de decembro de 1987 aquelas obras malditas e esquecidas desde os trobadores até "Ken Keirades". Da súa man, naquelas memorables xornadas tomamos conciencia do propio, puxemos os pés na Terra e logo, co tempo, fixemos o que puidemos para chegar a ser nacionalistas, e ao final,  moitos acabamos conseguíndoo. E seguramente el axudou a iso.


[01-11-2010 23:19] da Cal comentou:

"Coruñes" a incultura é muito atrevida. Um conselho; preocupa-te por te formar. A linguística é uma ciência sobre a que te aconselho que trabalhes e onde o Professor Carvalho Calero era uma figura de primeiro nível e outra coisa são as opiniões apriorísticas e cheias de prejuízo como as que ti vertes no teu comentário. A trabalhar um pouquinho, há que ler mais antes de atirar-se a falar ou a escrever, como neste caso.

[30-10-2010 14:23] Roberto López (Cerdido) comentou:

O apuntamento de Coruñes vén a darlle toda a razón a iste artigo. Que Carvalho Calero empregase para a escrita do galego a grafía galego-portuguesa non implica que se sentira portugues e non galego. Pero iste comentario, de Coruñes, se parece indicar que hai moitos que necesitan apoios externos para se reafirmar identitariamente. Eu non son nacionalista para ser diferente, son nacionalista porque son diferente. Non teño falta de ser portugués para non ser español, porque non son español porque son galego. E o da normativa da escrita é unha cuestión temporal que xa se subsanará acaidamente co tempo.

[30-10-2010 11:17] Goris Cuinha comentou:

Mais eu considero dende unha óptica Independentista que non se pode ofrecer +por-,se adaptamos o nacionalismo a vontade actual da cidadanía para teoricamente acadar mais apoio corres o risco de cada dia ter que rebaixar as túas pretensións o depender desa mesma cidadanía,e lembremos a inmensa carga de información que chega a cidadanía dos inimigos do nacionalismo.Ser independentista significa non ponher en rebaixas o que Galiza precisa para se desenrolar coma nación:cultural,economicamente e en tódolos terreos que compete recuperar para a nosa terra.
Asimilación é mesturar nacionalismo/galeguismoexionalismo,nun intento de diluír un discurso para adaptalo a unha sociedade,o independentismo é manter un discurso e tentar chegar con el a esa sociedade.Dende logo eu non me dou por vencido.

[30-10-2010 01:11] Coruñes comentou:

Carvalho Calero sería nacionalista portugués, non hai que confundir a nosa lingua coa portuguesa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña