02:02 Venres, 03 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-10-2010

De como Carmiña a Vacaloura ten máis sentidiño que un Papa

Ratzinger e a liberdade de expresión

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER



Na súa recente visita oficial ao Reino Unido como xefe do Estado do Vaticano á petición da Raíña como cabeza do Estado teocrático británico, un dos valores que loou o Papa Bieito XVI na súa alocución pronunciada en Westminster dirixida á 'sociedade civil' foi o da 'liberdade de expresión'.

Pola miña parte, teño que dicir que non erixo a 'liberdade' en valor abstracto, trazo identitario apropiado pola (ultra)dereita que tantas liberdades lle negou á Galiza e segue a lle negar hoxe, senón que a concibo como un dereito que se debe exercer con responsabilidade, isto é, baseando as opinións vertidas en feitos obxectivábeis no canto de falaces crenzas non contrastadas.

Discrepo, pois, neste particular con Peter Thatchell, coorganizador da protesta, cando afirmou ante as 15.000 persoas reunidas en Londres na protesta contra a visita do pontífice: "Como demócrata que son, defendo o dereito do Papa Bieito XVI a expresar a súas opinións".

Por un lado, por moito que se encha a boca da consigna 'somos libres', a liberdade e a súa expresión son unha falacia en termos absolutos: a lexislación, pola súa natureza, coarta as liberdades individuais e colectivas, ao existiren leis que limitan expresamente a liberdade de expresión en determinadas circunstancias, como no caso da difamación. O dilema é non só filosófico e legal, senón eminentemente práctico: fronte á liberade de as mulleres disporen libremente dos seus corpos, @s predicador@s da COPE opoñen os supostos 'dereitos' dos fetos (que non existen como tal na lexislación vixente), impondo á sociedade unha visión teoloxizada da vida segundo a cal só deus pode quitar a vida.

Valla tamén como ilustración da natureza relativa do exercicio da liberdade de expresión no país que acolleu o Papa nesta ocasión que prohibe a entrada a Fred Phelps, pastor da Igrexa Baptista de Westboro, e a súa filla, que basean as súas ensinanzas no odio ás persoas homosexuais, ao considerar que "[poderían estar] implicados en actos inaceptábeis que incitan ao odio e que poderían levar á violencia entre as diferentes comunidades dentro do Reino Unido.". E non é, desde logo, que me pareza mal que se lexisle para evitar que persoeiros deste calibre espallen as súas mentiras cargadas de odio, senón que se aplique unha outra vara de medir no caso do Papa, cuxa visita custou os seus 12 millóns de libras collidas alegremente das arcas públicas en plena época de 'austeridade' económica, cos correspondentes recortes de gastos nos servizos públicos...


Manifestación contra a visita do Papa. Londres, outubro de 2010


Son moitos os motivos para o Papa ser declarado persona non grata nos Estados que se proclaman democráticos, baluartes da tolerancia e do progreso. Non desdicir o Cardeal López Trujillo cando afirma que os preservativos deixan pasar o VIH ou seguir afirmando na súa recente visita a Camerún, onde case o 16% da poboación está infectada, con 82.000 mortes en 2005, que "non se pode solucionar o problema da SIDA coa distribución de preservativos [...]. Ao contrario, o seu uso agrava o problema" é máis que o simple exercicio irresponsábel da liberdade de expresión. Son verbas moralmente tan reprensíbeis e inadmisíbeis do que 'expresarse libremente' ao incitar directamente ao xenocidio, encaixando coas proclamas tipificadas como reprobábeis nas recomendacións do Consello de Europa aprobadas en 1997.

Nun exercicio de responsabilidade civil tamén cabe preguntarse se son estes os 'valores' retrógrados e abertamente perigosos que se inculcan nas aulas dos colexios públicos e privados a través das clases de adoutrinamento católico en nome da 'liberdade relixiosa' e da 'liberdade de expresión'.

Ao chegar á África, Bieito XVI proclamou que: "Un cristián nunca pode ficar calado". Porén, iso é exactamente o que el mesmo fixo, primeiro como Prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe e logo como Papa, cando, ao longo de moitas décadas, cubriu de silencio os abusos sexuais a menores por sacerdotes até que finalmente a presión da opinión pública o obrigou a pedir desculpas formais. Neste sentido, a frase lapidaria de Jean de La Bruyère vella de máis de case cinco séculos é máis que acaída: "É unha enorme desgraza non ser quen de falar ben, mais tamén o é non saber calar".

Para despexar calquera dúbida ao respecto1: defendo, como non pode ser menos, a liberdade intelectual, mais sempre sometida na súa expresión ao contraste cos dados obxectivamente avaliados, o que implica unha liberdade de acceso á información que o Papa nega a grande parte dos seus fieis. Como di o refrán: cada un/ha pode facer do seu cu un pandeiro. Mais nunca se debería consentir que quen sexa que for con estas súas crenzas tente propagar impunemente calquera dogma que estiver baseado na ignorancia e que tiver como consecuencia da súa aplicación práctica fomentar o odio, a discriminación e a morte.

Non hai que tolerar o intolerábel: hai que combatelo, veña de quen viñer, sobre todo das persoas máis poderosas e influentes. De non ser así, non viviremos en auténtica liberdade, senón sob o xugo da ignorancia e da mentira.


Nota 1: "[...] os uso de preservativos reduce o risco de contaxio polo VIH [...] en 90% segundo investigacións levadas a cabo ao longo dos últimos 15 anos. [...] Declaracións ignorantes que parten do desexo de evitar que a xente manteña relación sexuais fan que organismos como a OMS [...] non poidan facer chegar os preservativos a aquela xente que si vai manter relacións sexuais [...]", The Pope Is Wrong about Condoms and AIDS.


1 2 seguinte

[03-11-2010 19:16] Santo Laico comentou:

E o BNG que fai a prol do laicismo? Nada, calarse, como sempre.
Aínda que á base do BNG queira laicismo como non os cargos institucionais bloqueiros pensan que esta loita pode ser conflitiva non fan nada. Así pasa sempre no BNG: os cargos institucionais crense donos de por vida dos seus postos, mesmo en contra do sentir da base da organización.
Despois piden colaboración para pegar cartaces... He-he-he.

[29-10-2010 17:51] Unha palabra comentou:

http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/global/contidosovasovasova_1655.html?uri=/BNG/global/seccions/busqueda/index.html

[29-10-2010 15:53] Xosé Olveira comentou:

E por que o BNG non di unha palabra sobre o despilfarro de cartos que se comenterá con esta visita, nun momento en que se recortan orzamentos e se reducen os servizos sociais??? Tamén temos que calar???

[28-10-2010 20:19] Andrew comentou:

A maor parte das relixións deberían tomar exemplo da "Alegoría da Caverna", saír fóra e probar cousas novas. Deixar de lidiar contra ciencia nalguns temas que hoxe en día son triviais para toda a humanidade. Poden discutir sobre cousas que a ciencia non probou aínda, pero non deberían convencer á xente de que faga o contrario ó "correcto", sabendo á influencia que teñen sobre ela. Pero na relixion que conduce Bieito XVI, é moi probable que nunca cambie nada: nunca terán un sistema democrático no que voten os fieis, as mulleres nunca prosperarán nos cargos con poder, nunca admitirán que o amor non coñece de sexos... Unha institución que non practica "a liberdade" en moitos ámbitos (expresión, elección), carece de criterio para xulgar "tales liberdades" (dende o meu punto de vista).

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña