A Dirección Xeral de Montes, ven de asinar convenios de colaboración por un montante de 510.000 euros, coas entidades relacionadas co monte, chamadas: AFG, Asefoga, Silvanas e Afri-foga, para levar adiante xornadas e cursos sobre algún aspecto do monte -Os "demócratas", mellor dito e para entendernos mellor, os sectarios do Partido Popular, deixaron fóra de estes convenios as entidades, tamén relacionadas co monte como son: Montegal, Frouma e a Organización Galega de comunidades de montes. Isto é como entende a democracia o Partido Popular.
Cales foron os criterios que usou o Partido Popular para facer esta selección das entidades? Foron, se cadra, criterios de representatividade no sector? Evidentemente non. Ninguén, no seu san xuízo, pode negarlle representatividade a Montegal e a Frouma, dúas entidades de carácter forestal vencelladas a FRUGA e ao SLG repectivamente. Ninguén, agás os sectarios do Partido Popular, pode negarlle representatividade a Organización Galega de Comunidades de Montes -unha organización, na que os seus candidatos e candidatas, gañaron as únicas elecións democráticas que se levou adiante no monte veciñal; as elecións para nomear os representantes das comunidades de montes nos Xurados Provinciais de clasificación de montes veciñais. Por certo, elecións levadas adiante no tempo en que a Consellería de Medio Rural foi dirixida politicamente polo BNG, subsanándose un dos incumprimentos da lei de montes veciñais en man común, actualmente vixente.
Fica claro, xa que logo, que non foron criterios de representatividade. Que criterios foron, entón? Os criterios utilizados por estes "demócratas", por estes sectarios do Partido Popular, empregando cartos de todos os galegos e as galegas, foi o de favorecer as entidades amigas, o de pagar servizos prestados, o de anticipar pagos a servizos vindeiros. Este xeito de actuar ten un nome. Poida que sexa unha palabra vella, que non sexa politicamente correcta, mais reflexa o que de verdade son estes sectarios do Partido Popular: caciquismo.
Resulta curioso, mais non estraño, que as entidades as que unta o Partido Popular con cartos públicos son aquelas que non participaron na manifestación convocada por Nunca Máis, logo da vaga de lumes do verán do 2006, que aplaudiron atá escachar as mans as modificacións da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural que deixa aos montes veciñais nas mans dos especuladores urbanísticos, e a creación das Sociedades de fomento forestal (Sofor), que vén sendo a introdución do capital nos aproveitamentos do monte. Se isto non e pagar servizos prestados, que é?
Resulta chamativo, mais non estraño, que as entidades que favorece o Partido Popular e os cartos de todos os galegos e as galegas , son aquelas que van aplaudir, até coas orellas, a nova lei de montes veciñais en man común que va¡ a elaborar este partido e que ten como obxectivo a privatización das terras comunitarias. Non, non somos adiviños, nen estamos a facer política-ficción. Estas entidades untadas, xa deron o primeiro paso. Ocorreu no último Consello Forestal de Galiza, cando o Conselleiro de Medio Rural, a preguntas de Frouma e da OGCM, contestou que non ía ter en conta o anteproxecto da lei de montes de Galiza elaborado pola Consellería de Medio Rural do goberno do bipartito, para elaborar a nova lei de montes veciñais. As entidades untadas e os cartos de todos os galegos e as galegas, nun exercicio de cinismo político sen medida, aplaudiron ao Conselleiro do Medio Rural, cando non facía, nen un ano, que aprobaran o anteproxecto da lei de montes de Galiza. Se isto non son anticipos por servizos vindeiros; que demo é?
Se cadra, é o momento oportuno para que a oposición parlamentaria solicitase que o Conselleiro de Medio Rural, presentase no Parlamento galego o listado das subvencións dadas por esa consellería ás entidades relacionadas co monte. Por exemplo, o listado dos últimos catro anos do goberno Fraga, os 4 anos do goberno bipartito, e os anos actuais do goberno de Feixóo. Deste xeito, a sociedade galega podería contemplar como nos últimos 4 anos de goberno Fraga só eran subvencionadas as entidades amigas, no goberno bipartito eran subvencionas todas, sen discriminación, e no actual goberno Feixóo, volven ser subvencionadas só as entidades amigas.
Seguramente sería un exercicio que non traería consecuencias políticas. Mais sería interesante para comprobar e estirpe de estes sectarios do PP. Para ollar como se usan os cartos públicos para beneficiar os seus. Para sacarlle a careta e estes "demócatras" do PP. Sería un exercicio interesante aínda que só fose por hixiene democrática.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.