19:22 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-10-2010

O PP universaliza o pago do Canon da Auga

A pinga que colma o vaso

Valorar (16)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Nos próximos días o Partido Popular aprobará en solitario a Lei de Augas de Galiza, que gravará o uso potencial ou real da auga. Actualmente xa existe un imposto sobre o consumo de auga: o Canon de Saneamento. O PP cámbialle o nome, chamaralle Canon da Auga, e universaliza o pago deste imposto indirecto.

Por unha banda, os que xa pagaban agora, van a pagar máis. Por exemplo: unha vivenda dunha persoa, cun consumo medio de 6 metros cúbicos/mes pagará un 122% máis ao mes; se é de dúas persoas, cun consumo medio de 10 metros cúbicos/mes pagará un 60% máis; se é de tres, cun consumo medio de 14 metros cúbicos, pagará un 33% máis; etc. E por outra banda, todos os galegos e galegas que vivan no rural empezarán a pagar este novo imposto. Até agora estaban exentos xa que coa actual lei o canon quedaba restrinxido aos núcleos de poboación de máis de 2.000 habitantes, é dicir, a práctica totalidade do rural galego, agás que teña subministro público de auga, quedaba excluído.

En resumidas contas: os do PP, que presumen de ser dos que baixan os impostos, universalizan o pago dun imposto polo consumo real ou potencial da auga que bebemos e utilizamos para a nosa vida cotiá. Un imposto que ten como único fin recadar máis cartos, facendo pagar máis a quen menos auga consume, no canto de aplicarllo, e cobrarllo, ás grandes industrias que, como ENCE, consumen máis auga que todos os concellos da ría de Pontevedra (Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu), e tamén contamina máis que todos eles.

Mais, o que non contaba o PP era co rexeitamento social que esta lei está a provocar na sociedade, sobre todo no rural; pensaban, -coitadiños-, que o rural aceptaría pagar mansamente polo consumo da auga. Mais o BNG, con maior ou menor intensidade, fixo reunións informativas por todo Galiza explicando as repercusións desta Lei, presentou mocións en todos os concellos, e elevou á opinión pública o rexeitamento unánime desta Lei de Augas de todos os galegos e galegas que viven no rural.

A axitación social provocada polo BNG en contra da Lei de Augas tivo as súas consecuencias, xa que provocou que o PP emendara a súa propia lei, mudando e edulcorando algunhas cuestións máis difíciles de dixerir no rural, onde ten un número importante de votos.

Malia todo, o substancial non mudou: todos pagaremos polo uso real ou potencial da auga. O PP mantén a subida abusiva para todos os usuarios de traída públicas, que pode superar o 300% no caso de que vertan a unha depuradora dependente da Xunta de Galiza, xa que se lles aplicaría o Coeficiente de Verquido, un novo canon que crea tamén o PP con esta nova Lei de Augas.

Froito tamén da presión social provocada polo BNG, o PP rebaixou a tarifa a todos os usuarios que teñan traídas propias, que é o que acontece en case todo o rural galego; sen embargo, isto non evita que teñan que pagar; algo ao que non están dispostos os veciños e veciñas do noso rural, por moi baixo que sexa este importe, xa que eles sufragaron cos seus cartos e, en moitos casos, co seu esforzo físico, as traídas e pozos particulares para teren auga na casa, sen que a administración se fixera cargo do custe e moito menos do seu mantemento.

O PP tamén rectificou a obrigatoriedade de instalar contadores, mais déronlle unha volta para chegar ao mesmo punto, isto é, instalar un contador a conta do contribuínte. Por unha banda, aos usuarios que non teñan contador, aplicaráselles a estimación obxectiva, e de seren así, non estarán obrigados a por contador. Sen embargo, o contador será obrigatorio no caso de que Augas de Galiza así o estime oportuno.

Ca Lei de Augas o PP pincha en óso. O rural galego está en pé de guerra contra a Lei de Augas do PP, que non acepta pagar un imposto polo que non recibiu nin vai recibir servizo algún.

Nos últimos 20 anos o rural galego mudou de xeito brutal, e para peor, obviamente. As explotacións gandeiras e agrícolas están desaparecendo paseniñamente do noso rural, o que provoca o abandono de fincas produtivas, deixándoas inútiles para o futuro. Se a iso lle unimos que no rural non hai servizos básicos como o saneamento, traídas públicas de auga, hai dificultades para acceder ás novas tecnoloxías, e mesmo pésimas comunicacións, esta Lei de Augas do PP é a pinga que colma o vaso da paciencia do rural galego.

Por iso, tendo en conta que o PP ten maioría absoluta no Parlamento Galego, a axitación social é clave para evitar, por unha banda, unha subida abusiva dos impostos que gravan o consumo da auga, e por outra evitar que o rural, que non ten servizos de ningún tipo, pague tamén este imposto.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña