15:41 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-02-2010

Reflexións para avanzar na necesaria clarificación conceptual

Sobre o galeguismo

Feijóo durante ondiscurso de entrega das Medallas Castelao

Valorar (23)

MANUEL ANXO FERNÁNDEZ BAZ


Feijóo durante o discurso de entrega das Medallas Castelao


A alegría na utilización dos conceptos converteuse nunha práctica habitual que xenera situacións verdadeiramente chocantes, derivando no que en ciencia política se denomina estiramento conceptual, que non é outra cousa que aumentar a extensión do termo eliminando atributos definitorios.

Un dos conceptos que ten sido, e segue sendo, obxecto de manipulación (no sentido estrito do termo) é o de galeguismo, de tal xeito que se converteu en arma arroxadiza nunha sorte de concurso sobre quen é o máis galeguista (na liña da sección daquel programa da TVG "Air Galicia").

Antes de nada, é preciso subliñar que o galeguismo político xorde nos anos 30 do século XX ligado a un partido nidiamente nacionalista, o Partido Galeguista de Bóveda e Castelao, que defendía, esencialmente, a recuperación da dignidade de Galiza como nación.

O confusionismo comeza despois da guerra civil española cando xorde a distinción entre cultura e política, unha diferenciación interesada que na práctica supuña unha excisión do nacionalismo galego. Así, cando se produce a reforma política nos anos setenta, van pasar a un primeiro plano os denominados "galeguistas históricos" que, maioritariamente, aínda que non exclusivamente, vanse incorporar ás candidaturas dos partidos españolistas. O "galeguismo histórico" vai ser utilizado como contraposición ao nacionalismo no marco da lexitimación de proxectos políticos que nada, nada, tiñan a ver co que se pretendía escenificar. Así se manifestou ás primeiras de cambio na elaboración do Estatuto de Autonomía e, pouco despois, no recurso de inconstitucionalidade promovido polo PSOE a propósito da Lei de Normalización Lingüística (ante algo moi sintomático como a obriga de coñecer o idioma).

Así as cousas, coa irrupción de Manuel Fraga na política galega, o concepto de galeguismo acada o seu esplendor, poñéndose de "moda" tal e como hoxe se pretende empregar. Agora ben, unha cousa é a moda (puro marquetin) e outra a realidade. O galeguismo pasou a ser un elemento definidor do Partido Popular, e calou na sociedade. Mais o efecto que tivo no PP evidénciase cando se producen conflitos internos, nos que o galeguismo é utilizado para marcar un determinado perfil, normalmente asociado a maneiras de facer política que, de seguro, explican o comportamento do electorado (máis que o galeguismo).

O contexto no que pasa a un primeiro plano a utilización expresa do concepto é o do ascenso electoral do BNG, e polo tanto dunha forza política nidiamente nacionalista. A partir dese momento a utilización do termo foi unha constante nas intervencións públicas do PP, nomeadamente nas épocas electorais. A percepción de que funcionaba como reclamo electoral baleirouno de contido e converteuno nun concepto que xa nada tiña a ver coa súa orixe.

Hoxe, nunha Galiza sen a figura de Don Manuel, fágome as seguintes preguntas: os galeguistas son aqueles que utilizan o galego en función das circunstancias? Ou son aqueles que defenden o galego por principio? Son aqueles que viven en Galiza? Ou son aqueles que defenden Galiza?

Se a resposta é positiva para todas as preguntas, entón podemos establecer un paralelismo entre galeguista e galego converténdoos en sinónimos, e, desta maneira, acabouse o conto. Un termo que non se pode obxectivizar e que depende da utilización que se lle queira dar é, realmente, inútil.

Os nacionalistas galegos son aqueles que consideran que Galiza é unha nación e como tal ten unha serie de dereitos, nomeadamente o da verdadeira autonomía política e, consecuentemente, financieira.

Os nacionalistas españois son aqueles que consideran que España é unha nación, máis ou menos descentralizada, pero unha nación. Dentro da cal as relacións políticas están supeditadas á centralidade da mesma.

Aos nacionalistas españois tamén se lles chama españolistas, entón, e coa mesma, aos nacionalistas galegos deberíaselles chamar galeguistas. O que falla nesta relación é que moitos que exercen na práctica de españolistas autodenomínanse galeguistas, mentras que para os nacionalistas galegos o contrario sería unha contradición que anularía a súa condición.

Xa que logo, o galeguismo funciona como un comodín que rememora o éxito do "galego coma ti" pero, claro, sempre relacionado con algo moi tanxíbel: o voto.

A impunidade social na malversación dos conceptos deriva, ineludibelmente, dunha cultura política colonizada na que os referentes están difuminados nunha espiral na que a dialéctica deixa paso ao individualismo máis destrutivo.

E mentras tanto, aos galegos e galegas, sexamos galeguistas ou non, non nos queda outra que soportar a cicloxénese explosiva...O importante é o adxectivo e non o sustantivo, pois este último é esencialmente o termo científico utilizado na meteoroloxía para referirse ás borrascas de toda a vida.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña