21:08 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-10-2010

A concesióna Fraga o Premio Otero Pedraio nunha decisión cargada de intencionalidade política que pretende abrir novos camiños na españolización de Galiza

Don Ramón e Fraga

Valorar (33)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



A medio dunha decisión de dubidosa legalidade e que racha co consenso concédenlle a Fraga o Premio Otero Pedraio nunha decisión cargada de intencionalidade política que pretende abrir novos camiños na españolización de Galiza. A decisión do xurado do Premio Otero Pedraio de conceder o mesmo, a proposta do Presidente da Deputación de Pontevedra, a Manuel Fraga, lonxe dunha casualidade ou da suposta inocencia da decisión, está cargada de intencionalidade política, informa de xeito meridiano do particular libro de estilo e dos obxectivos da reacción en Galiza e exemplifica a perfección o comportamento e a actitude de "certas elites" e institucións do País.

A comezar é curioso que se presente nos medios de comunicación, segundo a información fornecida polo gabinete de prensa do organismo provincial de Pontevedra, como unánime un acordo, que non contou cun voto favorábel, o do representante nacionalista da Deputación de Lugo no xuri. O exercicio de manipulación, pretende presentarnos o que é un auténtico escándalo para amplos sectores da nosa sociedade como algo normal para os "dirixentes" do País, situando fora da racionalidade ou como suxeitos "fanatizados" aos discrepantes coa distinción para Fraga. A seguir acúdese a trécolas legais para invalidar outras candidaturas presentadas ou que se puideran presentar, sen cuestionar a ilegalidade da proposta de Louzán, formulada fora de prazo e que polo tanto estaba a incumprir as bases do Premio. A tecnocracia, aquelo que atinadamente Althusser definiu como o economicismo dos tempos presentes, xoga cada día un papel máis central como acompañante activo das decisións gobernativas sobre todo para enchelas de neutralidade e vendéndonolas a sociedade valeiras de calquera tipo de contido ideolóxico. En definitiva nin unánime nin legal, que máis dá?. A confusión está creada, cicelase a frustración nos sectores máis críticos, provocase a desafección sobre  as organizacións e persoas que as representan e orientase a participación no espacio público a formas que non alteran/inciden nas estruturas reais de poder.

A designación de Manuel Fraga significa un xiro de 180 graos no procedemento de elección así como no perfil do galardoado. Ao longo de todos estes anos de existencia do premio Otero Pedraio buscábase o consenso, mesmamente os prazos que se marcaban nas bases  eran para facilitar o acordo, nesta ocasión o camiño seguido polos autores e defensores da proposta do de Vilalba ía na dirección contraria. O receitario aplicado polos populares non é novo, porque facerse forte é confrontar, avanzar implica agudizar no conflito, isto é os espazos comúns son cercados onde se reclúe o pensamento débil que non se dá librado da dúbida. A hexemonía só se consegue actuando sen complexos, poñendo e valor o que é singular e definitorio do teu corpo doutrinal, facéndolle xestos aos propios para fidelizalos, situarse a ofensiva para que os adversarios recúen, formulando propostas sen fisuras para que o de enfronte dubide, en definitiva no camiño da hexemonía non hai lugar para os consensos, e aínda máis sen aspirar a ser hexemónicos non hai máis  camiño que o do cemiterio. Porén para determinar a fondura desta decisión abonda con comparar o curriculum de Fraga cos galardoados noutras edicións, na medida que isto deixa claro que se pretende construír un novo modelo de galego simbol. Isto é ao PP de xa non lle é instrumental o home/muller galega no modelo de Piñeiro, o seu home/muller galega e aqueloutro arquetipado por Unamuno e Maetzu. Así pretenden desfigurar aqueles elementos que nos singularizan, o galego como vehículo de expresión, fronte aqueles que nos uniforman, o español e tan galego como o idioma propio. Ao mesmo tempo tempo redefinise o concepto de compromiso con Galiza, aquel que serve ao seu país por riba de todo, substituíndo por aqueloutro de servir a España e servir a Galiza. O galego fetén xa non é aquel, que adica a Galiza unha toda unha vida, na contra é o "español triunfador" que despois de dimitir como galego adica aos seus o tempo que lle deixa a grande empresa española. Isto é pretendese que a cultura galega apareza como unha apéndice da española para que Galiza se visualice e os galegos nos vexamos como unha mera extensión/sucursal de España que a maiores non nos valemos por nos.

Algúns dos galegos e galegas que se senten agredidos por esta decisión teñen canalizado boa parte da súa carraxe a organismos e institucións públicas que nada teñen a ver coa anfitrioa ou con aqueloutras de marcado cariz reaccionario. Non imos ser nos quen aspiremos a temperala, sen embargo, sería bo que analizaramos as dependencias e as peaxes ás que están sometidas así como as dificultades cada día maiores por parte de determinadas fraccións da nosa sociedade para confrontarse. Sorprende, molesta e enfurece que institucións como a Universidade de Vigo apoiara esta decisión. Descoñecemos se a posición alí mantida pola súa representante é a titulo individual, en calquera caso o seu reitorado débelle unha explicación a sociedade galega. Outro tanto agardamos da Academia, que non pode pasar por alto a aldraxe que se comete co seu académico máis veterano, hoxe co seu nome unido a Fraga. Sabemos  que a confrontación sempre é dura, que vivimos momentos que convidan a posicións acomodaticias, que hai quen pensa que o camiño máis curto é o máis rápido, pero as batallas cando son xustas, aínda que  se perdan, sempre merecen a pena. Outra cousa seríamos se tiveramos un pouco, só un pouco daquel alto sentido da dignidade da que fixo gala Don Ramón, loitando contra o franquismo na clandestinidade, firme como un varal en galego na Homenaxe a Lamas, lembrando en letra aos amigos fusilados nos 50, solidario na loita cos labregos de Castrelo...

Don Ramón, o de verdade, volve a compartir, ironías do destino, espazo con Fraga, reunidos de novo por un galego a española, está vez Louzán de Ribadumia, fai 52 anos anos, Lobo Montero, o Xeneral franquista  parente do Caudillo. Era 1958, o Centro Galego de Madrid conmemoraba o matrimonio de Rosalía e Murguía, alí naquela toupeira de franquistas, o de Trasalba en galego falou de Rosalía nun discurso cargado de patriotismo, onde a cada frase facíase presente Castelao. O acto fechouno Manuel Fraga enfurecido coa intervención de Don Ramón, non atinando o Ministro de Franco a dicir máis que estas frases: "Ahora cada uno a lo suyo. Desde que en España manda nuestro invicto Caudillo, en Galicia ya no existen viudas de vivos ni muertos". A intervención deste comezou a ser pateada, primeiro por Bautista Álvarez, despois por outros membros de Brais Pinto presentes, tamén por Ben-Cho-Shey. Non quedaba outra que patear, que protestar, que confrontar. Aquelo non quedou en pataleta, seguiu e tomou forma na terra e no tempo.


[28-10-2010 10:02] Michun comentou:

É incríbel que a estas alturas se lle dea un premio de carácter galego ó responsable do asasinato de Xulián Grimau, a alguén para quen a principal meta na súa vida foi esmagar calquera arela de patriotismo dos galegos.

[22-10-2010 19:33] Adrián Solovio comentou:

"Os galegos son listos, traballadores, dados. Bolen moito na España. Non saben rexer postos directivos. España quizas estea botada a perder polos galegos. Pois son como mordomos nas casas grandes deixadas polos señores. Sempre subalternos con mando. Os señores vellos que pasean polas alamedas de Burgos, de Toledo, de Salamanca, de Medina, non gobernan porque non queren. Vivem un soño estático de señores e deixan mandar ós homes listos, de negociado, de antesala, criados nos concellos de Galicia". Otero Pedraio em "Arredor de Si" (1930).Perfeita definição dos políticos nascidos na Galiza e que exercem na villa y corte de Madrid, é dizer no cortelho madrilenho (Fraga Iribarne, Xosé Blanco, Elena Salgado, Rajoy), por citar os mais recentes.

[22-10-2010 18:54] Xosé M Gorís comentou:

As institucións,a Universidade de Vigo,a Real Academia son parte do pobo galego,velaí a necesidade dunha aclaración por parte destas institucións,precisamos saber se os representantes destas institucións concordan no premio a este franquista recauchutado,e se así é que nos expliquen cales son os valores para tal distinción que eles atopan en tal personaxe,lembremos que actuando en nome destas institucións actúan en nome das galegas e dos galegos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña