22:48 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-10-2010

Susana Villarán presentouse como unha das candidatas con menos posibilidades de gañar a alcaldía de Lima

Perú, tempo de escolla

Valorar (18)

XURXO MARTIZ CRESPO


Susana Villarán, alcaldesa eleita de Lima.


A elección de Susana Villarán por Fuerza Social  como alcaldesa de Lima encabezando a lista dunha coalición de esquerda[1], acendeu outra vez as alarmas entre o poder económico-político do Perú, que albisca un repunte da esquerda nas eleccións presidenciais de 2011 que beneficiarían a Ollanta Humala.  

Susana Villarán presentouse como unha das candidatas con menos posibilidades de gañar a  alcaldía de Lima, pois o fixo no último momento despois do abandono do favorito, Alex Kouri, e loitando contra a ubicua candidata demócrata-cristiá Lourdes Flores, que antes fora candidata presidencial.

Desde a revolución peruana do xeneral do Exército de Terra[2] Juan Velasco Alvarado, de carácter nacionalista-indixenista-socialista en 1968[3], o pobo peruano non tivo a oportunidade de saír do discurso neoliberal e viviu mergullado no que poderíamos chamar as tres décadas "democráticas" máis infames e represivas de Latinoamérica entre 1980 e 2010, moito máis infames que as de Arxentina, Chile ou Brasil porque, a diferenza destas, a guerra sucia e a violación sistemática dos dereitos humanos realizouse ao abeiro de réximes "democráticos".

Desde a volta á democracia nos 80 co democráta-cristián Fernando Belaúnde Terry até a guerra civil aberta contra a guerrilla de Sendero Luminoso e o Movimiento Revolucionario Tupac Amaru, o pobo peruano viviu na democracia o que non vivira nunca durante as ditaduras militares do século XX. A hiperinflación, o terrorismo de Estado e da guerrilla, a violación sistemática e impune dos dereitos humanos por parte das Forzas Armadas peruanas, a corrupción xeneralizada e a impunidade da súa clase dirixente, a fuxida do delincuente e ex-presidente Alan García, a venda do país, antes de gañar as eleccións, aos financiadores da campaña electoral de Mario Vargas Llosa, o autogolpe de Estado de Fujimori, a chantaxe e compra dos medios de comunicación como política de Estado por parte do Goberno de Fujimori-Montesinos... e a falsa promesa indixenista de Alejandro Toledo, o presidente con menos popularidade na historia democrática do Perú, até chegar as eleccións que gaña Alan García, unha vez prescritos os seus delitos, contra o candidato Ollanta Humala, estigmatizado polos medios como "enviado de Chávez" por ter un discurso coherente e revolucionario nun país que aínda, por contaminación mediática,  relaciona a esquerda política coa loita de Sendero Luminoso e coa atomización dos numerosos partidos da esquerda peruana.

Na historia do pensamento marxista, Perú, da man de José Carlos Mariátegui, representa unha das fontes máis importantes de teoría e praxe, polas súas análises e pola actualidade e vixencia destas. Mariátegui deixou unha escola e un camiño sempre transitado pola esquerda peruana que, aínda que ás veces moi debilitada, chegou incluso até a Igrexa Católica, co pensamento do xesuíta peruano Gustavo Gutiérrez baixo o nome xenérico de Teoloxía da Liberación, en que se instaba o pobo miserábel e oprimido a tomar conciencia da súa situación e as causas desta e  instaba a Igrexa que padecía con ese pobo a axudalo no camiño da liberación terreal.  

A historia recente do Perú é a loita dun status quo, beneficioso para as clases dominantes, contra as sempre emerxentes ideas revolucionarias, grupos armados, relixiosos e populares que estiveron sempre a piques de tomar o poder e que lograron facelo durante o goberno de Velasco Alvarado (1968-1975) e durante o goberno na alcaldía de Lima do avogado-sindicalista Alfonso Barrantes Lingán baixo o nome de Izquierda Unida, goberno en que participou a hoxe electa alcaldesa de Lima Susana Villarán; así, a esquerda peruana chegou a ter o maior número de votos de toda Latinoamérica. Este momento de máxima forza e votos na esquerda peruana coincidiu coa guerra civil de Sendero Luminoso, o MRTA contra o Estado, razón pola que Barrantes decidiu que non era o momento para a súa postulación e entrada na presidencia do Perú.

A "esperanza branca" da dereita peruana ante o desastre dos seus gobernos pasou por presentar personaxes mediáticos sen experiencia nin currículo político como candidatos. Mario Vargas Llosa foi un deles. A súa derrota tiña relación cos valores que representaba e a vitoria de Fujimori, outro completo descoñecido na política, veu da man de ser o candidato non oficial.

A actual "esperanza branca"

Se hai un perdedor nestas eleccións municipais gañadas "sorpresivamente" pola esquerda peruana é Alan García. As presidenciais de 2011 colócano no dilema de apoiar a filla de Fujimori, Keiko Sofía, ou incluso o inefábel ex-presidente Alejandro Toledo.

Quenta motores na carreira presidencial, para manter a esperanza da dereita branca no poder outro ser inefábel: o ex-ministro de minaría de Fernando Belaúnde, Pedro Pablo Kuczynski, PPK.

Na recente campaña municipal, PPK saíu á palestra moitas veces, unha delas o 25 de setembro de 2010 no xornal limeño Correo, e en todos os media ao seu alcance (é dicir, TODOS) pontificando verbo os perigos da elección de Susana Villarán. Segundo PPK, os capitais internacionais que realizan investimentos no Perú molestaríanse ante un xiro á esquerda dos poderes públicos peruanos. Así, chantaxeando os peruanos, a dereita do país leva anos predicando que o desenvolvemento e a estabilidade do Perú dependen da aceptación, por parte dos capitais internacionais, dos gobernantes do país. É algo así como acudir ás urnas en Perú e elixir o candidato que gusta nos mercados financeiros internacionais, na Telefónica española ou en Repsol.

Este pensamento mercantilista e utilitario frustrou a elección de Ollanta Humala como presidente do Perú e permitiu que gañara un ex-prófugo da Xustiza cuxos delitos prescribiran, chamado Alan García.

[1] Entre eles Patria Roja, antigo Partido Comunista del Perú.
[2] No Perú a Escola de Oficiais do Exército de Terra está conformada por mestizos e indíxenas. Un requisito, non escrito, para entrar como cadete na Academia Naval ou de Aviación é ser de raza branca.
[3] Deposto por un golpe de Estado en agosto de 1975 polo xeneral Morales Bermúdez.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña