01:22 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-10-2010

Bernardo Máiz é unha destas persoas ás que o país lle debe un merecido recoñecemento

Bernardo Máiz: a Historia como compañeira

Valorar (20)

DIONISIO PEREIRA


Bernardo Máiz


Nun recente número especial de "Le Monde Diplomatique" adicado á "Histoire critique du XXe siècle", o seu director Serge Halimi titulaba o Editorial "Avoir pour soi l´histoire", pedindo prestada unha frase da filósofa antifascista Simone Weil que, de xeito heterodoxo e nada literal, eu traduciría como "Ter a historia como compañeira". A cousa viña a conto porque, tras certificar que 65 anos despois do remate da contenda a Unión Soviética case que fora substituída polos EEUU na memoria dos franceses e francesas respecto da nación que máis aportara á derrota dos nazis na IIª Guerra Mundial, o xornalista enfatizaba que o bando victorioso na "guerra fría" tamén gañara a confrontación das memorias: máis unha vez, Historia (e, canda ela, unha morea de historiadores e historiadoras gañada para a causa do "mellor mundo dos posíbeis") e Poder camiñaban xuntas.

Consciente da potencial belixerancia da "memoria dos vencidos", emprazada a contrapé do discurso cotiá que celebra en tempo real, máis tamén coa ollada posta no retrovisor, a victoria inapelable da democracia liberal e o do capitalismo mundializado (eis, o "sistema"), Halimi precisaba a continuación que Simone Weil, militante da Fronte Popular gala no tempo da Guerra Civil española, entendía que "avoir pour soi l´histoire" representaba algo vital para os desposuídos, pois sen a lembranza dos cegadores intres de rebeldía nos que pouco faltou para mudar o rumbo da Humanidade, estaban condenados a "apertar os dentes. Aguantar. Como un nadador sobre a auga. Tan só coa perspectiva de nadar seguido até a morte".

Por eiquí sabemos moito da historia dos vencedores, dictada polo franquismo asasino, polo imperial españolismo cuarteleiro, máis tamén polo "sistema" triunfante, ás veces en boa compaña coas dúas pestes sobraditas e aínda fedorentas. Historia dos vencedores, que segue a campar polos seus respectos cos tópicos de sempre (labregos incultos, mariñeiros individualistas, topónimos que "fueron así de toda la vida", galeg@s submis@s, roxos petardistas, língua miserenta de aldea...), cos mitos de sempre (o Apóstolo e a súa "casual" reinvención por parte do Arcebispo Payá alá por 1878 e aceptada hoxendía sen chío por todo quisque...), e coas ocultacións de sempre, co medo metido no corpo para non desmentir a historia oficial de tal ou cal empresario "pai dos obreiros", enriquecido a mantenta tras o golpe militar; de tal ou cal alcalde falanxista cuberto de sangue ate os xeonllos, pero que "trouxo" o teléfono, o alumeado dos rueiros e ata, se nos descoidamos, reparteu as primeiras pensións en solemnes actos oficiais inmortalizados en fotografías que, arestora, se compilan en bempensantes historias gráficas de tal ou cal Concello pero que, e non por casualidade, nunca dan fé de vida daqueles e daquelas que se atreveron a cuestionar a marxinación que aturaba o común das xentes, e así pasou o que lles pasou...

Para rastrexar o que Benjamin describe como a memoria esnaquizada e ciscada nas ruínas que o devalar da Humanidade adoecida deixou polo (noso) mundo adiante, precisáronse dende a chamada Transición historiadores e historiadoras identificados co país, coas súas capas populares e co seu tempo; homes e mulleres que entenderan a Historia como unha boa compañeira, que transmitira mensaxes esperanzadas para toda a xente oprimida, eiquí e agora. Persoas xenerosas, arredadas de inútiles bizantinismos académicos, capaces durante anos de facer kilómetros e kilómetros para atender a chamada de pequenas pero teimudas asociacións culturais e veciñais de toda parte, sen máis recompensa que algunha que outra cervexa e, por riba de todo, o calor e o recoñecemento da veciñanza. Persoas comprometidas, que tomaron partido fuxindo dunha calculada e hipócrita obxectividade, pero que, por iso mesmo, foron autocríticas e rigorosas coas súas fontes, cos seus métodos e co seu discurso achegado e dirixido aos que o franquismo condenaba noutrora e o "sistema" condena agora, a ter por todo horizonte existencial "apertar os dentes".

Bernardo Máiz é unha destas persoas, ás que o país debe un merecido recoñecemento: historiador e activista; conferenciante e mitineiro, a un tempo; "na misa e repicando"; sempre guerrilleiro, en suma. Coas súas colaboracións na "Gran Enciclopedia Gallega" de fins dos 70 e co seu libro pioneiro "Galicia na IIª República e baixo o franquismo", editado en 1988, cábelle a Bernardo a honra de ser o primeiro que investigou na Galiza sobre a Guerra Civil e a represión franquista. Case tres décadas despois, segue a pé do canón debruzado nun monte de iniciativas e inquedanzas, convencido de que a investigación da Historia, lonxe de ser un fin en sí mesma, é unha boa compañeira para as xeiras individuais e colectivas que arelan máis liberdade e máis xustiza.

Por iso, a Asociación Galega de Historiadores vaille facer o día 16 unha rexa e sentida homenaxe. Por que, na urxente confrontación coas memorias hexemónicas propiciadas e moitas veces impostas polos epígonos do fin da Historia; porque, na inaprazable restitución da Historia e da Memoria ás persoas e os pobos que se consideran oprimidos, cada vez son máis necesarios combativos historiadores e belixerantes mestres de cidadanía como Bernardo.

Longa vida, compañeiro.

[17-10-2010 22:11] Antonio Das mortes comentou:

Moito obrigado, e saude e bon navegar para ambolos dous!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña