03:40 Mércores, 01 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-10-2010

O independentismo vasco puxo nas mans do imperialismo español unha pataca quente escapandoselle a auga entre os dedos

Otegi está no cárcere como decisión dun goberno socialista

Valorar (24)

RAÚL RÍO DÍAZ



O título non é meu, é a tradución literal do que dixo o secretario de Organización do PSN, José Luís Izco, o que demostra o grado de descomposición que hai nos poderes do Estado e reflexa claramente o lamazal xurídico no que vivimos inmersos. Con esta corrupción institucional non é de estrañar que cada vez que a sociedade vasca dá pasos firmes, e cada vez máis razoables, na procura dun escenario de paz e democracia, o imperialismo español perde os nervios, fai da capa un saio e contesta con máis represión na súa intención de crear a maior dor posible e provocar a rotura dun proceso que xa é irreversible. A estratexia do Estado é tan torpe que fai o efecto contrario ao que pretende. Prohibiron as dúas manifestacións do día once de setembro, a primeira convocada pola iniciativa popular Adierazi EH baixo o lema "Todos os dereitos para todas as persoas en Euskal Herria" e a segunda por corenta e dous partidos e organizacións polo dereito a manifestarse. Como dicía o editorial do "Diario de Noticias" de Gipuzkoa "O feito de que se fixera unha convocatoria reivindicando o exercicio de saír en manifestación e o de asociación evidencia as claras o nivel de degradación que alcanzou a garantía dos dereitos básicos entre a cidadanía vasca". Todo o contrario do que afirmaba o portavoz do PSE-EE, José Antonio Pastor ao dicir que "non se pode poñer en dúbida a calidade do noso sistema democrático".

Con tantas prohibicións, utilizando como argumento que se adhería a ela xente da esquerda abertzale fixo que a do pasado día 2 xa lles parecera moito prohibir e a que incluso apoiou o PNV para non quedar en fora de xogo. Sumáronse todas as forzas abertzales, o que fixo que fora mais numerosa que si non mediaran as prohibicións anteriores, aínda que despois Urkullu (que non estivo) fixo unhas declaracións en contra dos convocadores por cederlle a palabra a Adierazi EH ao final da manifestación. Por aquí dise que o PNV xoga con dúas barallas e mentres Egíbar se manifesta en Bilbao Urkullu merenda na Moncloa.

Como o Estado non conta con razóns nin argumentos de peso para enfrontarse a un proceso verdadeiramente democrático tenta, por medio de Ares e Rubalcaba, que teñen barra libre, de boicotealo con todo tipo de provocacións. Non poden permitir que o acordo independentista que selaron EA e a esquerda abertzale no pazo Euskalduna aglutine cada vez mais forzas políticas, organizacións sindicais e sociais como xa está a suceder. Así o pasado vintecinco de setembro a esquerda abertzale, EA, Aralar, AB (Esquerda Unida), Alternatiba, varias organizacións sindicais e axentes sociais impulsaron o chamado Acordo de Gernika para un escenario de paz e diálogo político.

O cinco de setembro ETA saca un comunicado no que confirma o seu compromiso coa busca de unha solución democrática para o conflito, dicindo que xa fai uns meses tomou a decisión de non levar a cabo accións armadas ofensivas, que deu pasos importante e que pensa dar máis nese sentido, facendo un chamamento ao pobo vasco para que se implique e continúe a loita para derruír o muro da negación e dar pasos irreversibles no camiño da liberdade. A resposta do Ministerio do interior foi unha redada e a detención de nove persoas acusadas de ser de Ekin sen explicar que tipo de delitos cometeron. O auto fala de textos de xa fai doce anos e duns supostos papeis incautados en 2008 ao militante de ETA Xabier López Peña, o que dá pe a pregunta: ¿Porque agora? Ninguén pode crer que "estes arrestos non teñen nada que ver co novo escenario" como afirma Rubalcaba (excusatio non petita, accusatio manifesta), pero si para provocar e demostrar que "o Estado non está en tregua" como di Ares.

Despois de que ETA declarara un alto ao fogo permanente e verificable por observadores internacionais e se firmara o Acordo de Gernika, o Estado contesta detendo a sete membros de Askapena, organización internacionalista que participou con brigadas de voluntarios en moitos países de Latinoamérica, África e Asia, creando escolas, hospitais etc. Foi fundada en 1987 e dende aquela levou a cabo unha actividade pública recoñecida por todos e coñecida incluso polo propio Ministerio de Interior. Acúsaos de ser o aparato de ETA para internacionalizar o conflito. Non queren que se saiba a verdade do que está acontecendo en Euskadi; da falta de democracia, de xustiza e do sufrimento que provoca unha represión indiscriminada. Ningún de estes detidos denunciou torturas e dixeron que o trato foi normal, encontra da afirmación oficial de que teñen orden da organización de denuncialas sempre. ¿Será que non son de ETA? ¿Si antes era Xaki a organización internacional de ETA, a que se dedicaba Askapena?

Coa intención de encerellar todo, internacionalizar o conflito por medio da mentira e dicirlle ao mundo canto malvado hai por aí, deteñen a Carlos Besance e Xabier Atristain, que xa fora extraditado por Francia o sete de abril e posto en liberdade a continuación pola Audiencia Nacional, afirmando que dixeran diante do xuíz (cando aínda estaban incomunicados nas mans da Garda Civil) que foran adestrados en Venezuela polo funcionario e refuxiado vasco, Arturo Cubillas, para implicar a Hugo Chávez e a revolución Bolivariana e asegurando que "os detidos de ETA nunca menten cando declaran", ao que o embaixador deste país contestou que, ou era mentira a declaración dos detidos ou que esas declaracións foran obtidas baixo tortura. Aínda que un queira pensar ben, isto último parece máis verosímil en vista da recente condena que lle impuxo a UE ao Estado por non investigar as torturas ao preso Mikel San Argimiro e a actitude dos seus representantes, que cando lles preguntan por ese tema queren negociar antes os términos da entrevista. Ao pasar diante do xuíz, denunciaron as torturas e negaron as acusacións e o adestramento no país americano. Como dixeron antes, que os detidos de ETA nunca menten cando declaran, eu estou seguro que no caso das torturas dixeron a verdade. As irregularidades foron tantas que até o avogado de oficio de un deles se negou a firmar a declaración. Despois os acusadores preferiron botar terra sobre o asunto e non lles gustou nada que o propio Cubillas solicitara ao Ministerio fiscal venezolano que investigue esa acusación, porque pode desmontar a mentira e confirmar as torturas.

Argumentan que ETA da eses pasos porque está moi debilitada e que declara a tregua para ganar tempo e rearmarse. Eu non sei si estará debilitada ou non, pero argumentar iso por parte do Ministerio de Interior para xustificar a súa inactividade parece incitala a que cometa atentados porque prefire que siga a violencia que darlle unha saída ao conflito nun escenario de paz e democracia. Quizais sexa certo que ETA está debilitada, pero o que si está claro é que o independentismo vasco puxo nas mans do imperialismo español unha pataca quente, e aos que conforman o bloque do "Non" escápaselles a auga entre os dedos. Terán a forza que dá o exercer o monopolio da violencia, pero esa forza non pode vencer a razón nin a decisión deste pobo por acadar a liberdade e a democracia, xa que, como din eles mesmos, coa violencia non se poden conseguir obxectivos políticos.


[26-10-2010 17:11] Roberto López (Cerdido) comentou:

É certo, non debemos enganarnos. O nacionalismo galego non debe aplaudir(como non o fai) as políticas e accións ilegais, fio-ilegais ou que simplesmente afeen ou poñan en dúbida o respecto do estado polos dereitos humanos. E pola mesma razón, non debe deixar a máis mínima dúbida respecto do seu rexeitamento da negativa actitude da ETA e doutras organizacións, que tanto mal están a facer ao proprio nacionalismo, vasco e galego.

[25-10-2010 20:31] Miguel comentou:

Quen actua sobre as organización armadas non é unha xustiza inocua, senón o Ministerio de Xuistiza español, con toda a súa carga nacionalista española. Non nos enganemos. Non aceptar os métodos violentos desas organizacións nin implica aplaudir as accións da Xustiza Española. Ë un erro para un nacionalista galego aplaudir as accións do Ministerio do Interior e de Xustiza Españoles.

[16-10-2010 16:05] Roberto López (Cerdido) comentou:

Non sei se as forzas de seguridade do estado torturan ou non aos detidos por delitos de terrorismo. Pero lembro hai uns anos(coido que nos noventa) un artigo da imprensa no que recollian as declaración dun oficial da Garda Civil, que tildaba de cobarde a un suposto activista da ETA, que mexara por se ao facerlle crer que ian guindalo pola porta dun helicóptero en vo, cando en realidade estaba nunha furgoneta. Pode que haxa quen pense que isto non é tortura, e quen mesmo a xustifica en base a necesidades de seguridade do estado.
En calqueira caso, polas referencias que teño, no meu trato como cidadán coa Policía e a Garda Civil e atraverso da imprensa e das declaración dos políticos que ao longo dos anos ocuparon postos de responsabilidade na seguridade do estado, non me cabe outra opinión que: a tortura, a mentira, a manipulación da información, entre outras, son ferramentas usadas polo Estado, co beneplacito dos partidos españolistas maioritarios.
E dende logo o tema do terrorismo, xa de ETA, xa do EGPGC, xa de RG, tenlle dado moi bos réditos eleitorais tanto ao PP coma ao PSOE, como para que se decanten por unha solución dos conflictos, que por outra banda obrigarialles a ter que afrontar a cara descuberta o verdadeiro problema de fondo, o "dereito de autodeterminación dos povos que integran o Estado español".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña