21:54 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-10-2010

Algo estaremos facendo mal, cando agochamos ou non damos valor ao que, por diferentes causas, temos a sorte de ser bos ou de facelo ben

As cunchas do mexillón

Valorar (8)

ALEXANDRE SIEIRA ALMALLO



Este ano tiven a sorte de facer unha escapadiña polo norte de Francia e o sul de Bélxica,  entre París e Bruxelas. Estiven polo interior e pola costa, por zonas máis e menos turísticas. Foi unha semana viaxando nun coche alugado, sen nada predeterminado, nin lugares a visitar nin establecementos para parar. Por suposto non tiven ningún problema para ir resolvendo dia a dia as zonas a visitar, ou onde parar a comer e a durmir. Pero non é este un espazo para comentar as vacacións.Abrín hoxe o artigo con ese escenario para suliñar o espazo físico polo que andiven e para facer fincapé no importancia que dan nesas zonas aos seus productos alimentarios., especialmente aos mexillóns, aínda que non soamente a eles.

No interior de Francia loitan nos restaurantes coas ofertas de viandas coa carne de vacún como estrela, pero xa chegando á costa e en toda a banda fronteiriza con Bélxica -ata Bruxelas-, o rei indiscutible e o Sr. Mexillón.Con diferentes receitas ou ao vapor, pero sempre ao natural,  resulta ser un prato omnipresente e consumido por turistas e nacionais.Estiven pola costa, como xa dixen antes e non vin polígonos de bateas como temos aquí. Imaxino que será porque o mar non é tan tranquilo como aquí e serán nas rochas onde teñan a produción propia, a que haberá que sumar o que ven de Italia e de Galiza.

Tiñan un producto de base e o complementan con producto doutras zonas (fai aproximadamente un mes, as autoridades francesas detiveron no norte de Francia, un trailer cargado con mexillón galego xa que dicían que tiña a toxina que o fai perigoso para a saúde).Resulta curioso que no centro de Bruxelas, as veiras da Grand Place, o que máis se consuma nos restaurantes, sexan os típicos "potes de mexillóns ao vapor". Nesa cidade tan "política e funcionarial", tan lustrosa e multicultural, os reis culinarios son os "humildes mexillóns".

Se tiveran a materia prima que temos nos, xa sexan de Boiro, de Muros, de Cambados ou de Sada, estarian pensando en conquistar fronteiras co seu producto en fresco.

E namentres na nosa terra, nas cidades, aos rapaces venlle a imaxe dunha lata de aluminio cando se fala de mexillóns.

Algo estaremos facendo mal, cando agochamos ou non damos valor ao que ,por diferentes causas, temos a sorte de ser bos ou de facelo ben.

A oferta dos nosos restaurantes é moi ampla, e son restaurantes recoñecidos pola súa calidade e variedade, pero reflexionando co que vin neses días de viaxe, paréceme que teñen unha oferta distante da zona onde están asentados. Teñen, na maioría dos casos unha oferta de productos que pouco teñen que ver coa zona onde están asentados. Son, parecen ser, neutras, insípidas, globalizadas, en fin, sen personalidade.

Non me decatara da forza que pode ter (eu experimenteino) crer na forza do teu, tamén no que atines aos productos alimentarios.

Eses centroeuropeos, que teñen uns mexillóns que non son nin a  metade de bos que os nosos, ofrécenllos aos visitantes como algo extraordinario e louban as súas características e bondades de todo tipo. Pero claro está que os ofrecen tamén nos restaurantes da Grand Place de Bruxelas ou nos que están ao carón do río en Bruxas, as zonas turísticas por excelencia de Bélxica.

Tristemente non vexo ese esforzo en Compostela onde vivo. Falta artellar esforzos para que a xente que ven a visitar Galiza leve no seu corazón, na súa cabeza e tamén no seu estómago, unha imaxe do que é Galiza.Temos que facer o esforzo de dar a coñecer aos que veñen, e tamén os de aquí, as extraordinarias capacidades que se teñen acadado en determinados procesos productivos.

E temos que aprender a loitar por eles, a dignificalos e a non agochalos. O exemplo do mexillón e un de outros moitos que se poden poñer.

É humilde, efectivamente non é caro para as súas virtudes como alimento, pero falta darlle o dignidade que merece, non escondendo dentro dun envase de aluminio, onde perde a súa carta de natureza e pode ser falseado.

Eu pensaba cando miraba os potes de mexillóns nas rúas que ían ata a fonte do moneco mexón, que unha rede de mesóns-mexilloeiras en Galiza e nas grandes cidades españolas podían ser uns magníficos canles de venda dos nosos productos agropecuarios populares (viño, mexillón, pementiños, peixes, queixos,...), na que somos grandes e bos productores. Pensaba por qué non somos quen de pechar o círculo, e deixamos que a parte máis rendible do proceso productivo (a venda ao cliente final) quede en mans dos que non teñen nada que ver co noso país ou que non o senten como tal.

Que fai falta para que podamos crer en nos mesmos, nas nosas capacidades, para que desterremos eses complexos que nos atan e non nos deixan explorar novas vías, camiños non trillados, asumindo o risco de equivocarnos, pero ca forza de saber que loitando co que temos, co que somos, é a única posibilidade que temos de triunfar como individuos e como pobo.

[14-10-2010 08:07] Abelardo del Caño comentou:

Qué fai falta? Política, moita política... pero do País, da nosa. Podes ter madeira de empresario, podes ter boas ideas, poder ter espiritu emprendedor, se non tes respaldo financieiro, non tes nada. E a banca do País, é do País nominalmente, pero realmente ten a ollada posta en outras galaxias. Por non falar do papel que podería ter o Goberno Galego promocionando (que non subvencionando) o noso producto, e ensinando os hosteleiros do País a vender con calidade (cousa que dende a Consellería nunca se fixo) xa que é moito millor gastar os cartos no Papa de Roma... Falta política, pero da Nosa. Por certo parabéns polo teu artigo!!

[13-10-2010 14:13] Lobo comentou:

Parabens, polo artigo, corraboro a informacion e ainda añadiria algo, non teñen comparacion os nosos mexilons cos franceses, son moito mais pequechos estes, quen lle dera producilos en cantidade e calidade, pero pasa esto con todo, cos queixos, co viño, ca vitela, cos chourizos, o dito non lle temos que envexar nada a naide, so fai falla ter confianza nas nosas capacidades,

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña