03:34 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-10-2010

A conmemoración do 6 de outubro convértese nunha reivindicación da presenza do galego en Twitter

Rechouchiando polo galego

Valorar (12)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



O pasado 6 de outubro cumpríronse 103 anos do primeiro discurso político pronunciado integramente en galego. Foi no ano de 1907 e na vila de Betanzos onde o escritor Manuel Lugrís Freire, en nome do recén creado sindicato Solidaridad Gallega, defendeu diante do seu auditorio a forza do asociacionismo como método mais efectivo de resistencia ao caciquismo. Co gallo desta efeméride, o colectivo Radiofusión de radios municipais galegas e GalegoLab, rede social cooperativa para a desenvolvemento de accións en prol da lingua galega, convocaron ás persoas usuarias de Twitter a identificaren os chíos (ou tweets, isto é, as mensaxes curtas transmitidas vía Twitter) escritos ese día, entre as 16 e as 17 horas, coa etiqueta (o hashtag) #galega, como medio de visibilizar e prestixiar o noso idioma na twittesfera. 

A iniciativa foi seguida por preto de 300 twitteiros, que lograron colocar o hashtag #galega como o tema do momento durante esa hora en España, e como o quinto hashtag do día, con máis de 1.300 tweets. En total, ao longo de toda a xornada do mércores, o número de chíos coa etiqueta foi de 1.597 e o número de twitteiros participantes máis de 350. Entre as mensaxes enviadas houbo de todo, como en botica, desde os máis militantes aos máis lúdicos, mais talvez as propostas máis relevantes que se fixeron foron, por un lado, a de institucionalizar o día 6 de outubro como Día da Reivindicación Pública da Lingua Galega e, por outro, a de utilizar a etiqueta #galega como símbolo de identidade permanente da twittesfera galega. Se se ten curiosidade, pódese contrastar aquí en tempo real o uso desta etiqueta identitaria na twittesfera. 

Seica as persoas tecnoescépticas considerarán que visibilizar a presenza do galego en Twitter é un obxectivo de pouco calado. Porén, para poder valorar esta acción na súa xusta medida, cómpre ter en conta que twitter.com é arestora a novena páxina máis visitada do mundo, con máis de 28 millóns mensuais de visitantes distintos. Sen ter chegado aos catro anos de existencia, Twitter é xa unha rede de comunicación clave no mundo contemporáneo, utilizada por políticos, xornalistas, empresas e particulares como medio público de expresión individual, para a influencia social e como camiño de acceso ao coñecemento de toda a comunidade. Ademais, o crecemento da súa base de usuarios parece imparábel, achegándose cada vez máis ao público máis xeralista e menos tecnófilo, e aspirando a acadar un nivel de uso semellante ao atinxido por Facebook ou por YouTube. 

Con este volume de uso actual e mais co seu previsíbel crecemento, debería quedar demostrada a importancia de visibilizar o galego en Twitter, e tamén a de contar coa tradución desta ferramenta na nosa lingua. Existen iniciativas en marcha para lograr unha localización da web de Twitter en lingua galega, aínda que as expectativas de conseguilo a curto prazo non son demasiado optimistas. Hai que dicir, ademais, que o proceso de tradución polo que opta Twitter non está exento de sombras. Twitter, seguindo o ronsel de Google e de Facebook, deixa nas mans de usuarios voluntarios a tradución das súas páxinas. Non paga polo traballo, senón que tira proveito sen rubor da militancia lingüística desinteresada dos voluntarios. Deste modo, a actuación da empresa aforra un investimento en tradución sen renunciar a mellorar o seu servizo cunha localización que, con toda probabilidade, lle vai supor uns beneficios. Un negocio redondo para un sector empresarial formado por buscadores e redes sociais na web, acostumado a presentarse ante os seus usuarios como se fosen ONG de interese público, máis que como empresas de servizos que se prestan a cambio da cesión de datos persoais e da inxesta de publicidade altamente personalizada. Por suposto que se precisa unha tradución galega de Twitter e que cómpre pular por ela. Con todo, sería de esperar que esta encarga de tradución fose a parar a mans de profesionais da localización de páxinas web ao galego que recibisen por ela unha remuneración digna.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña