14:41 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-10-2010

O Partido Popular da Coruña, co seu xefe á fronte, o sr. Negreira, volve reincidir nunha ilegalidade flagrante, a pretensión de impoñer o nome castelanizado

O imperio do analfabetismo

Valorar (35)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Adoito engadir á distinción clásica entre analfabetos absolutos e funcionais unha terceira categoría, a dos analfabetos vocacionais. Son aqueles, por exemplo, que porfían en desprezaren a lingua propia deste país, o galego, ou son aqueles varóns que se chufan da súa ignorancia na realización de tarefas domésticas que consideran femininas e, por iso, inferiores. O Partido Popular da Coruña, co seu xefe á fronte, o sr. Negreira, volve reincidir nunha ilegalidade flagrante, a pretensión de impoñer o nome castelanizado, que non castellano, da cidade. Voume permitir recordar algunhas cuestións elementares:

1. "La Coruña" non é o nome castellano da cidade, senón o nome castelanizado a partir do único existente na historia, A Coruña. Tal desfiguración foi común e absoluta a toda a toponimia galega, e non será preciso lembrar os centos de barbaridades que se cometeron con ela e que se manteñen aínda nos nosos apelidos, na nosa onomástica. Vaiamos ao español: "Valladolid" é o nome correcto neste idioma, non "Valadolide", forma que existe en galego. "Raxoi" ou "Feixoo" -góstelles ou non aos seus portadores- son nomes galegos e só galegos, con esta ortofonía e esta ortografía. Que se siga escrebendo "Feijoo" e, en troca, se galeguice "Xetafe", por exemplo, é unha incoherencia plena.

2. Desde 1983, en que se promulgou a Lei de Normalización Lingüística, está clara a cuestión agás para o anterior alcalde da Coruña, actual embaixador no Vaticano e apetente de novos cargos no Estado, e agora, seica, para o aspirante do PP a selo, que se quer envolver nunha bandeira ilegal, ignorante e deformadora a mantenta, esquecendo, quizais, que nunca segundas partes foron boas e que toda a españolización forzada e forzosa imposta por Francisco Vázquez durante case 25 anos non vai volver, por moito que o sr. Negreira se considere herdeiro dinástico dunha monarquía estúpida e antigalega.

3. Ademais da Lei 3/1983, a 5/1988, a 3/1998 (do Estado) ou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, lexislación superior asinada como tal polo Xefe do Estado en 2001, estabelecen claramente o que a lexislación ratifica, a partir, claro está, da realidade histórica. En concreto, a Lei 3/1998 determina que o nome oficial da provincia ‐en cumprimento da boa lóxica‐ é A Coruña, en congruencia co único lugar "real" fisicamente, a cidade que leva este nome. ¿Vai o sr. Negreira emprender unha batalla contra a Xunta, o Estado español, os tribunais de xustiza e a Unión Europea?

4. Galiza, sr. Negreira, é o nome orixinal da nación que vosté nega e eu afirmo. A maior abondamento, é, tamén, forma oficial. De nada. Deixe, por favor, de vestir a toga de fiscal ou de xuíz do que non entende mais condena de antemán.

5. A razón que vosté esgrime non ten nada de lingüística, claro está. Responde á teima por desnaturalizarnos como galegos e de querer converter os coruñeses nun híbrido apendicular do español. Olle para vosté mesmo e os seus apelidos: declaman galeguidade por todos os poros. ¿Non o move á reflexión recordar como, a pesar de centos de anos de asimilación e de españolización, seguimos sendo galegos? ¿Acaso considera válidos os votos, os cartos e as adhesións dos galegos mais non os seus nomes? ¿Qué dualismo patolóxico é ese? ¿É tan pobre a canteira crítica de que dispón ‐en materia de política municipal‐ como para ter que apelar ao máis rancio das desfiguracións e do máis reseso autoodio? Disuada do seu intento. Por moito que queira arrincar A Coruña da Galiza, ela seguirá sendo galega: por xeografía, por historia, por lingua tamén, a pesar dos intentos de a disolver na mistura ilegal.


[19-10-2010 13:40] Marcos Carreira comentou:

Ola a todo o mundo
A min gustariame aportar unha reflexion sobre este tema dende o meu punto de vista en que creo que o mundo do galeguismo caemos nesta tramapa unha e outra vez.
Eu son un firme defesor da nosa cultura,da nosa lingua e creo que este tipo de provocacions do españolismo mais rancio non fan mais que provocar en nos unha resposta que creo que é equivocada e que alimenta ainda mais ese nacionalismo españolista na nosa terra.
O tema e que na Galiza os toponimos son so oficiais en galego, medida que eu estou de acordo xa que ten que ser asi por ser estes os toponimos orixinais xa que o galego e o idioma propio de esta terra .
Pero o que non podemos facer nos dende a lingua ou cultura galega e meternos no que outra lingua ou cultura ten que regular sobre si mesma.
O tema da toponimia e complicada xa que un toponimo pode ter moitas orixes ou varias orixes e tamen moitas traduccions en moitas linguas dependendo da importancia que tivo ese lugar o largo da historia e a adptacion do toponimo orixinal a fonetica ou a sintaxe nesa lingua.
Por tanto hai toponimos que teñen moitas traduccions como e o caso da capital britanica na que oficialmente ou oficiosamente e London e que nos chamamos Londres, pero poñendo un exemplo mais cercano e mais analogo ,A cidade canaria de "Las Palmas" un galego falante vai decir As Palmas nunca vas escoitar ninguen decir: vou a Las Palmas nin vou a Palmas... e o mesmo ocorre co toponimo herculino xa que o o artigo "A" ainda que é parte do toponimo ten un dificil encaixe na sintaxe do castelan suscitando unha traduccion automatica, igual que os fonemas X non existentes no castelan traducindose polo fonema J .
Con isto o que aproveitan os españolista e que os galeguistas digamos que a xente da rua teña que decir :"voi a A Coruña" ou que un de albacete diga que veraneou nas "Rias Baichas" ou que Zara esta en "Arteiso" debemos aceitar con naturalidade certas traduccions igual que nos temos as nosas (Nova Iork, As Palmas,Xaen ,Alacante....)
O que debemos facer ver a xente que vota a estes tipos de candidatos e que son galego falantes e que lle plantexen ao seu candidato cal e a sua postura sobre a lingua a que falan e cal vai ser o seu programa referente a temas de acceso en galego a educaccion ,a xustiza ,a adiministracion na lingua galega

por outra banda creo que temos desgraciadamente moitos asuntos que reivindicar e defender sobre a nosa lingua para que nos paremos nas provocacions de politicuchos de cuarta
A nosa loita e garantizar que o galego teña a presenza e o acceso que se merece na sociedade galega dando garantias para unha educcacion unha xustiza e uns servicios publicos en galego
Que haxa mais presencia do galego nos medios de comunicacion que non se dean lizenzas de televisions autonomicas como Vtelevision ou PopularTv Galicia nas que o galego brilla pola sua ausencia o igual que na prensa escrita.
un saudo e grazas por leer isto

[13-10-2010 19:27] Stalis comentou:

Xa, se razón temola toda. Mais o problema é que iso non chega. Se a expresión da nosa vontade de que a verdade impere vese bloqueada por outra vontade manifestada en votos estamos moi fastidiadas e fastidiados e se nos vai quedar cara de parvos.
Polo tanto sexamos o máis pedagóxicos posibeis e o provoquemos o menor rexeitamento posíbel. Midamos correctamente as nosas forzas antes de dar a batalla.

[09-10-2010 09:47] Abelardo Xosé del Caño Varela comentou:

Graciñas polo teu artigo, os coruñeses temos ben claro cal é o nome da nosa cidade, e si ben é certo que por mor da dictadura colou un tempo aquelo de "LA" todos sabemos ben que non foi pola refinada pedagoxia da mesma, senón da sua represión. O Sr. Negreira que non representa a ningún coruñes, agás, aqueles que teñen a gala celebrar O Rocío na nosa cidade ou as Fallas de tanto en tanto como festa popular ¿? tería que escomenzar a pensar en adulto e plantexar políticas reais que necesita a cidade (zonas verdes, equilibrio industria-ecoloxía... etc..) Grazas unha vez mais M. Pilar

[08-10-2010 20:18] Eu comentou:

Ponse a cantar la la la porque pensa que lle vai dar resultados electorais e así distrae a atención doutros asuntiños que non lle interesa tanto que se fale. Pero a xente xa está bastante casa deste asunto. La Coruña é un invento de Paco Vázquez e catro gatos máis, ademais falando castelán o artigo non se usa, dise Coruña só.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña