23:48 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-10-2010

Persecución e morte dun rebelde galego

Pedro de Bolaño

Valorar (34)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



O perigoso de ler datos históricos en Internet é que nunca sabes se o que estás a ler é certo ou non. Así me aconteceu cando mirando unha páxina que falaba da historia de Galiza leo, horrorizado nese intre, que o día 17 de decembro de 1483, na praza da catedral de Mondoñedo son axustizados Pedro Pardo de Cela, o seu neto político, para outros fillo, Pedro de Miranda, e Pedro Fernández de Bolaño. Afirman na citada páxina web que ese día morría a rebelión da nobreza galega encabezada polos tres grandes Pedros de Galiza. Nin ese día morre a revolta galega, que continuou, nin Pedro de Bolaño atopou a morte nesa praza.

Descoñezo cando é a primeira vez que se fala dos tres Pedros de Galiza, tal vez debamos este apelativo ao historiador don Xosé Villaamil e Castro quen escribe un artigo titulado El Mariscal Pardo de Cela, no Semanario Pintoresco Español, do 22 de febreiro de 1857, no que, aparte de tratar, dunha maneira oficialista, a figura do Mariscal aborda, moi superficialmente a figura de Pedro Bolaño e menciona tan só a figura do nobre local Pedro de Miranda. Afirma que o citado Mariscal era primo de ambos e que os tres "eran conocidos como los tres Pedros de Galicia". Con posterioridade vaise incorporar a esta tríade petrista a Pedro de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, que desbanca a Pedro de Miranda. Se tivese que facer unha tríade petrista aparte de Pardo de Cela e Soutomaior eu colocaría nela a Pedro Álvarez de Osorio, o vello conde de Lemos. Estes tres encabezaron revoltas contra o poder central e os tres morreron a consecuencia dos seus actos, o primeiro degolado, o segundo supostamente envelenado e o terceiro de morte natural.

Agora debemos falar de Pedro Fernández de Bolaño, nobre que foi xenro do Mariscal, que non perdeu a vida na praza mindoniense. Sabemos que no ano 1491 redactará o seu testamento, algo que sería imposible de ter morto no ano 1483, e que o fará na cidade de Lugo, sendo soterrado no convento de Santo Domingo desta cidade, na mesma sepultura onde se atopan seu pai e seu avó.

Pedro de Bolaño era fillo de Fernán Díaz de Rivadeneira, o vello, e María Maior de Vaamonde. Por liña paterna recibe o vínculo da Casa forte de Torés, ademais dos cotos de Baleira e Cela e as terras de Balboa e Cancelada e pola materna a Sucesión de Burela.

Se lle facemos caso a Vasco Aponte o pai de Pedro de Bolaño, Fernán Díaz era capaz de reunir entorno a el 50 cabaleiros e 1500 peóns, cantidade que nunca alcanzará o seu fillo, ao que o mesmo historiador lle dá un poder de convocatoria de 30 cabaleiros e 700 peóns, sen embargo Aponte cifra o poder de convocatoria do tándem Pardo de Cela - Bolaño en 100 escudeiros e 5000 peóns, polo que estamos a falar dunha forza bastante considerable para só dous nobres.

Cando os reis Fernando e Isabel comecen a campaña de acoso e derribo do Mariscal, expulsión de Viveiro, retirada de prebendas e ascenso a cargos importantes dos inimigos políticos de Pedro Pardo; os membros da súa familia tamén experimentarán este acoso. Tal é o caso de Pedro Fernández de Bolaño, xenro do Mariscal tralo seu casamento con Beatriz de Castro.

García Oro na súa obra "Viveiro e a familia dos Pardo de Cela", afirma que trala morte do Mariscal a ira dos Reis Católicos centrouse no seu xenro, Pedro de Bolaño, xa que este apoiaba militarmente a don Rodrigo Osorio, conde de Lemos, que estaba en loita contra o poder central.

Se ben é certa esta afirmación, tamén o é, que a ira dos Reis Católicos e dos poderes eclesiásticos da Mariña xa tiñan comezada esta campaña de acoso contra Pedro de Bolaño moito antes da morte do Mariscal. Campaña que se complementa ca que o poder central estaba a dirixir contra Pardo de Cela.

Viramos anteriormente como a nai de Pedro Bolaño, dona Maior Vaamonde, era dona da Sucesión de Burela (un compendio de fincas, con sede central en Burela, que se distribúen polos actuais concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz e que pasaba de pais a fillos nunha soa peza) que deixará ao seu irmán o cóengo Martín Vázquez de Vaamonde o 24 de outubro de 1470. Trala morte do cóengo a Sucesión pasa ao primoxénito de dona Maior, Pedro Bolaño. Pero pasa nun momento en que a campaña contra o Mariscal está no seu punto álxido e así vemos como en 1482, un 30 de outubro, o alcalde maior do bispado de Mondoñedo, García de la Parra, a pedimento do Cabido mindoniense, dita unha sentencia pola cal se obrigaba a Pedro Bolaño a "desenbargue et desocupe la dicha Suçesion de Burela con todos los benefiçios padronalgos de las casas vinas et herdades molinos et molineras", danlle para levar a cabo esta desocupación un prazo de cinco días. Non o fixo e dous anos despois, o 2 de novembro de 1484, a Real Chancelería de Valladolid ordénalle que devolva ao Cabido a citada Sucesión e que pague as cargas que os preitos tiñan ocasionado. O día 19 de marzo de 1485, os cóengos mindonienses toman posesión da citada Sucesión, feito que ratificarán os reis Fernando e Isabel nunha carta escrita en Santiago de Compostela o 5 de outubro de 1486 pola cal se ordena que ninguén ocupe ao Cabido as terras da Sucesión de Burela, tento en conta que nin Pedro Bolaño nin a súa dona, Beatriz de Castro, aceptaban a sentencia firmada en Valladolid. Todo foi papel mollado e no testamento de Pedro Bolaño noméase como herdeira da Sucesión de Burela á súa filla Maior, polo tanto estas propiedades nunca deixaron de pertencer a este nobre galego.

Non era este o único campo no que o atacaron os Reis Católicos, xa que para mantelo lonxe de Galiza ordenaron a súa reclusión na cidade de Astorga, a onde fora citado no ano 1483. Lonxe de acatar o poder real, Pedro de Bolaño entrará en Galiza cada vez que un asunto o requira. Esta actitude de insolencia e desacato provoca que no ano 1486, o da visita Real para comprobar in situ o estado da pacificación, sexa conminado a presentarse ante Fernando e Isabel para responder pola súa actitude.

Pedro Bolaño foi un cabaleiro hábil cas armas, tal e como demostrou xunto ao seu sogro na toma de Pontevedra ou xunto ao conde de Lemos na toma de Ponferrada, pero foi moito máis hábil no mundo da política, pois de xulgado en xulgado, e sen acatar nunca as ordes recibidas de instancias superiores, conseguiu non perder a vida e manter a herdanza que lle correspondía. Labor que completará o seu fillo don Fernán Díaz de Ribadeneira conseguindo recuperar todas as propiedades, que con malos usos, lle foran expropiadas a seu pai.

¿Loitou Pedro Bolaño polos intereses propios ou polos de Galiza? Penso que por ambos un pouco, o que non cabe ningunha dúbida é que foi un galego rebelde ata o día en que morreu e que non aceptou, en ningún momento, as ordes que os reis casteláns lle querían impor, porque el sabía que no mesmo intre en que claudicase, en que bicase o anel real e cumprise cas ordes recibidas a loita por manter a Galiza, a súa terra, lonxe da órbita castelá, remataría. El sabía que cando el se rendese a loita pola independencia desaparecería, tal e como pasou trala súa morte.


[13-10-2010 12:02] Anselmo López Carreira comentou:

Excelente artigo e moi atinado en todo. Eu tamén creo que o Bolaño loitaba a un tempo por si e por Galicia; non porque el fose un "patriota", cousa imposible nas coordenadas mentas da época, senón sinxelamente porque o resultado obxectivo da súa propia loita era ese, xa que a opción dos Reis Católicos era enormemente lesiva para o país.
Por certo (en resposta a un comentario), o de "labregos escravizados polo poder feudal" é un tópico que non se sostén.

[12-10-2010 03:00] Rebeldes con dereito a pernada comentou:

Penso que todo moi ben excepto o último parágrafo. É evidente que loitaría polos intereses propios, polos da familia, polo apelido e polas súas propiedades que incluían ás masas de labregos escravizados polo poder feudal. O concepto de Galiza entendido como pobo, como cidadanía, como nación, non era o que defendían os señores feudais senón que participaban de bandos, de loitas intestinas, de roubos e saqueos, entre os propios aristócratas. Uns serían de Juana e outros de Isabel (simplificando moito) segundo lles fose na feira.

Ollar o pasado aplicando conceptos políticos actuais é un exercicio errado ao meu parecer. E por outra banda baldío porque en definitiva para afirmarse na vontade de crear hoxe un estado propio -poñamos por caso- non fai falla ningunha buscar esencias nin predestinacións no pasado.

O pasado foi como foi, e de buscar referencias eu quedaríame con calquera labrego famento anónimo que se cagaba nos Reis Católicos, no Papa, no Pardo de Cela e no Pedro Bolaño.

[11-10-2010 08:00] Dimitrow comentou:

Sr Fernández Pacios: pareceme de sumo interese o seu artigo, mesmamente oportuno, a fin de clarexar as dúbidas que chegan ate hoxe e divulgar a figura deste rebelde galego, como moi atinadamente o define, supoño que pola influencia do noso benquerido González López. Constame, abondame coa lectura do artigo e a referencia ao testamento, de que lle sobra información e reudición para fornecernos máis dados deste noso compatritota. Gostariamos de que completara este tema, a comenzar polo cerco de Lugo e tamén pola lealdade que o Bolaño segue a manter cos Castro na oposición aos Reises Católicos . Obrigado polo seu artigo

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña