10:30 Martes, 07 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-10-2010

Que forte se manifesta o Estado coas nacións periféricas e que miserable e rastreiro é o seu comportamento diante dos verdadeiramente poderosos!

Nacións, estados ou plutocracia transnacional?

Valorar (17)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Os estados débiles ceden a soberanía no exterior, mentres abusan e ofenden ás nacións que o conforman. Entrementres o pobo, coitado, pensa que vota libremente e que o seu estado ten algún poder.

Os estados fortes, o mesmo que as persoas con poder real, manifestan a súa grandeza exercendo a magnanimidade e facendo concesións que, á larga, rematarán beneficiando a uns e a outros, tanto aos que as reciben como aos que as conceden. Pola contra, os estados débiles ou en situación de crise, o mesmo que os pobres homes aos que se investiu dun relativo poder, pensan que este aumentará e se fortalecerá, se se pechan sobre si mesmos e negan todo aquilo que poida supor a máis mínima cesión de soberanía. Máis ben aplican a técnica de apertar o parafuso, esquecendo que, nunha das voltas, corren o risco de tascar o metal e quedar coa cabeza na man. Lembremos o sucedido na Bretaña francesa, na que un grupo de nacionalistas, ofendidos e defraudados por París, trala Grande Guerra, chegaron a formar, en 1944, a "Bezenn Perrot", enfundada no uniforme alemán para loitar a carón dos inimigos de Francia.

Aquel feito foi sempre empregado polos centralistas de tódolos países para anatematizar o nacionalismo bretón e, xa de paso, todos aqueloutros das nacións sen estado, sen lles preocupar a loita e os argumentos da Bretaña nas súas lexítimas reivindicacións. Chegaron os bretóns a poñer sobre a mesa os case 150 000 conterráneos que foron inmolados na Guerra do 14, unha porcentaxe moi superior á dos mortos das restantes rexións francesas e iso contando só os nomes dos que figuran nos monólitos espallados polo país. Seguramente habería tamén que sumarlle, e mesmo considerar como verdadeiro mártir, a François Laurent, bretón monolingüe de Mellionnec, fusilado polo propio exército francés por non entender as ordes que se lle daban nunha lingua para el descoñecida. Todos estes mortos non interesan aos que prefiren atacar a uns patriotas que, fartos das humillacións e mesmo das condenas de cárcere e fusilamentos, decidiron probar sorte pactando e loitando cuns alemáns que lles ofrecían mellores perspectivas como pobo nunha futura Europa.

Francia puido ter evitado que as cousas chegasen a ese extremo -así como os centos de fusilados trala guerra, baixo a acusación de traizón-, se tivese atendido a solicitude que, en 1919, asinaron 800 notables bretóns, entre os que estaba nada menos que o mariscal Foch, heroe de Verdun e con rúa en tódalas vilas da Bretaña. O único que pedían era que se lles aplicase a doutrina do presidente Wilson do dereito de autodeterminación dos pobos. A resposta foi o sarcasmo de lles dicir que eles, por teren sacrificado tantas vidas pola patria eran "dúas veces franceses". A historia cómpre contala enteira para que se entenda.

Solicita Galicia esmolas de autonomía que outras nacións do estado xa teñen e a resposta é que nós non somos dignos de posuír nin tan sequera as competencias de tráfico e unha policía propia para atendelas. E cando o presidente do parlamento levanta a sesión, o Estado queda todo cheo de fachenda, dicindo: "Que forte son, xa me desquitei das que me anda a facer Bruxelas e iso outro que demos en chamar mercados". Que forte se manifesta o Estado coas nacións periféricas e que miserable e rastreiro é o seu comportamento diante dos verdadeiramente poderosos! E moita xente pensando que España é algo importante e que ten soberanía, esquecendo que unha parte dela -iso si, sen lle tocar á constitución e sen que ninguén se pregunte pola constitucionalidade dos acordos- foi cedida á U.E., e a restante pertence aos mercados. Hai xente que pensa que o pobo é quen máis ordena e que elixe os seus gobernantes, sen se decataren de que quen goberna o mundo é a plutocracia transnacional, auxiliada por uns xestores ou gobernos-títere que ela mesma fai que ocupen as altas xerarquías dos diferentes estados para ter así quen lle faga a política económica que ela lles dite.

Permite este goberno na sombra que os aparentes gobernantes deseñen unha política social -máis socialdemócrata ou máis neoliberal- que, conxugada coas leis e a represión policial, manteñan á poboación suxeita polas bridas e embobada con fenómenos de masas que, se hoxe podemos exemplificar no fútbol, ata hai pouco, e teiman en continuar, eran os touros. Non me resisto a traer aquí esta longa cita de Julio Senador, escrita -fixémonos na data- en 1915: A plebe "procura as súas alegrías en festas sanguinarias, como as capeas de novillos, porque a cuestión é deleitarse coa dor allea. E hai que ter visto un pobo enteiro, borracho de viño e de barbarie, acosando a un pobre animal indefenso; feríndoo con lanzas; golpeándoo con varas, e atormentándoo de mil maneiras ata que os mansos o retiran ao curral feito unha chaga ou exhala o derradeiro alento á vista dun milleiro de espectadores que presencian a súa morte con alegría de caníbales". Case pasaron cen anos e segue a ter actualidade. Este mesmo autor chegou a dicir, nun libro posterior, de 1929, que incluso a opinión pública se fabrica industrialmente por compañías anónimas donas dos periódicos máis difundidos, e eu teño, aquí e agora, necesariamente, que pensar no papel xogado pola Voz de Galicia nas últimas eleccións. Francis Delaisi, xornalista económico citado por Senador, demostrou que as democracias actuais non son máis que unha reunión de ilusos manexada, sen riscos nin responsabilidade, por unha panda de industriais e financeiros, e as nacións quedaron rebaixadas á categoría de empresas mercantís.

O tratadista norteamericano Morton Fullerton, no seu libro Problems of power (1913) dixo que detrás das fachadas dos gobernos están agochadas as dúas forzas clandestinas que dirixen os destinos da humanidade: a riqueza da oligarquía financeira e a opinión pública. Remato cunha cita de Delaisi: "Democracia! O teu nome é plutocracia!".


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña