12:01 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-10-2010

A vulgar conversión de Feixóo nun especulador político

A especulación na política galega

Valorar (14)

ALBERTE SOUTO SOUTO



Entre as variadas acepcións da palabra especulación, a máis acaída ao contexto actual seguramente sexa a que nos remite á realización de operacións ou actuacións coa mira posta no futuro, tirando partido dunha posición ou de determinadas circunstancias favorábeis.

Na evolución económica recente, a especulación tivo un destacado papel, ao abeiro dos fundamentos do paradigma neoliberal, da liberalización sen medida dos movementos de capital, do comercio e das transaccións financeiras. A concesión de condicións favorábeis, mesmo de incentivos, para a expansión do capital financeiro foron de tal magnitude que chegou a representar o 28 por 100 do Produto Interior Bruto como promedio na OCDE, atinxindo o 32 por 100 na Gran Bretaña ou o 33 por 100 en Estados Unidos, incentivándose dese xeito unha burbulla especulativa que non tivo translación economía produtiva.

Durante anos, o medre económico nos Estados que máis normas botaron abaixo para regular a economía desde a perspectiva do interese xeral, e con iso favoreceron a economía especulativa, presentouse como espectacular, léase Islandia ou Irlanda, e tamén o Estado español que alimentou a fartar a boia inmobiliaria. E certamente son eses mesmos países os que neste momentos teñen o burato máis fondo que tapar, o que lastra a súa recuperación económica, o emprego e benestar da maioría dos seus cidadáns.

Embora, a especulación non se desenvolve exclusivamente no eido económico, tamén a política é tentada cada vez máis por accións especulativas, pola presenza dun xeito de actuar politicamente que outea o futuro no canto de adicarse a faenar no presente, e que ademais fía toda actividade política á esa habilidade especulativa.

Abofé que entre os trazos máis definitorios da política que leva a termo Feijoo e o Goberno que preside desde hai ano e medio na Galiza teña un destaque especial o emprego a cotío da súa capacidade de especular, que non gobernar. A anticipación en interpretacións deturpadas, mesmo falsas, de datos orzamentarios ligándoos foi e vén sendo unha constante para xustificar, a inacción gobernamental e tamén decisións con amplo rexeitamento social ao teren consecuencias negativas para a maioría da sociedade.

En 2009, ao longo dos primeiros meses de goberno foi constante a referencia ao burato orzamentario herdado, malia que os ingresos liquidados pola facenda galega nese ano superaron en 380 millóns de euros aos de 2008, co que a dispoñibilidade total de recursos económicos foi un 3,34 por 100 maior. Tamén co que respecta ás previsións iniciais do orzamento de 2009, os ingresos foron superiores nun 2,97 por 100, en termos globais 339 millóns de euros, co que as previsións de diñeiro dispoñíbel para a Xunta de Galiza feitas no último orzamento do goberno bipartito cumpríronse con marxe de manobra para o goberno de Feijoo.

O burato financeiro converteuse nun pretexto para xustificar o recorte e revisión de todas as políticas sociais, e sobre todo para atribuír o carimbo de maus xestores ás forzas políticas do goberno anterior para deixar expedito o camiño toda a lexislatura. Porén, en realidade, o que acontecía era a incapacidade do propio goberno de Feijoo á hora de destinar acaidamente o diñeiro público da facenda galega. A escasa capacidade de xestión quedou plasmada ao executar apenas o 58,44 por 100 do diñeiro destinado a investimentos produtivos, deixando de investir 724 millóns de euros. Un balance especialmente negativo nun momento de crise económica onde o rol das finanzas do sector público non é o de retraerse nos caixóns, senón o de mobilizarse estimulando o investimento público.

Após do burato, xermolou a austeridade, especulando coa teima de contrapor a súa fasquía de bo xestor fronte ao malgasto dos anteriores, deixando xa sementada esa advertencia para anos vindeiros. Tamén cos datos pechados da liquidación do orzamento de 2009, a austeridade da que fixo gala Feijoo tampouco fica moi ben parada: o gasto total que engloban os distintos apartados de gasto corrente en 2009  ascenderon a 8.878 millóns de euros fronte a 8.457 millóns de euros en 2008, isto é, que a Xunta no seu conxunto, aumentou o gasto corrente en 421 millóns de euros, malia diminuír como se razoou con anterioridade o gasto en investimentos.

Agora toca alertar do déficit ocasionado polo sistema de financiamento autonómico, de xeito que os recortes nos servizos básicos que está a deseñar, e tamén a xustificación da privatización dos mesmos que inclúe o seu programa de goberno real, acorde coa ideloxía neoliberal do seu partido, non figuren no seu "debe" senón que llos poida endosar a outros. Mais lonxe de ir ao cerne do problema, a cuestionar un modelo de financiamento francamente prexudicial para Galiza, como o BNG sempre denunciou e a pór, cos dados reais na man, en debate a necesidade de formular unha alternativa de financiación baseada na responsabilización plena por parte da facenda galega do diñeiro que se xera por todos os impostos que pagamos todas as galegas e galegos, esvae a súa queixa na simple reivindicación de demorar a devolución de anticipos. No fondo comparte o sistema, por algo o asinou e na súa negociación non opuxo un modelo distinto, senón simplemente cálculos diferentes.

Botando unha ollada de esguello cara dous anos atrás, enxergabamos un afouto candidato e o seu partido con solucións clarividentes ante a crise e como garantía dun bo goberno. Agora, antes do agardado, xa podemos confirmar a súa vulgar conversión nun especulador político que perante a incapacidade constatada de artellar unha soa medida de goberno destinada á recuperación económica de Galiza en beneficio das maiorías sociais, adícase a sementar con pretextos o presente para garantir o seu futuro. Mágoa de Galiza, pois xa temos noticia do ronsel que deixan tras de si os especuladores.


[08-10-2010 09:50] Breogán comentou:

Parabéns polo artigo!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña