07:27 Luns, 16 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-10-2010

Nunha escala de 0 a 10, sendo 0 a extrema esquerda e 10 a extrema dereita, onde situaría vostede a ese partido?

Os orzamentos da dereita

Valorar (29)

RUBÉN CELA DÍAZ



Os orzamentos dun estado non enganan. Con independencia de que estean máis ou menos maquillados, do seu nivel de enfarragosidade e ortodoxia contábel, os orzamentos dun estado destilan, polos catro costados, a ideoloxía de quen os promove.

Estes orzamentos tiran por terra todas as consignas clásicas do zapaterismo cando nos achegabamos a este tipo de debates parlamentarios: protección social, inversión pública ou o cambio de modelo de crecemento. Pero como sempre, sen crise ou con ela, a que volve ficar mal parada é Galiza.

Hai que botar unha ollada polo retrovisor para entender o impacto real que terán -de saír aprobados- os Orzamentos Xerais do Estado que están a debate. Para iso, permítanme que faga un breve repaso dos principais sucesos que, ao meu xuízo, condicionan estes orzamentos. Iso si, dun xeito persoal e intrasferíbel, e apoiándome noutras valoracións feitas para Terra e Tempo con anterioridade para non reiterar os mesmos argumentos.

Hai dous días -como quen di-, enchía o goberno español o peito de orgullo patrio, dicindo aquilo de que España estaba na Champions da economía mundial, collendo a Italia e ao rebufo de Francia. A T4, milleiros de kilómetros de AVE e vías de alta capacidade, millóns de vivendas novas, leis tremendamente custosas (e positivas se se fixeran ben) coma a Lei da Dependencia, o outras mal plantexadas de raíz como o cheque bebé, a supresión dos impostos de patrimonio e sucesións, etc. Eran tempos de supostas vacas gordas.

Un bo día, espertamos coas novas de Lehman Brothers, hipotecas subprime, ninjas, activos tóxicos, etc. que nos quedaban moi lonxe. O goberno español non dubida nin por un intre sobre que facer: negar a maior "En España no estamos en crise". Pouco tempo despois, comezamos a escoitar burbulla inmobiliaria, economía especulativa, vivir por riba das posibilidades, etc. Esa música xa nos soaba máis e a letra ía cargada dos números do empeoramento de todos os indicadores económicos. Había que comezar a recuar: "Estamos nunha senda de desaceleración da economía, pero non en recesión".

Finalmente, os datos confirman as peores expectativas e o estado español entra no clube dos estados formalmente en recesión: comezaban as vacas fracas. Non valen xa panos quentes. "Estamos en crise", iso si, cunha solución á mesma. En primeiro lugar reflotar e axudar ao gran capital a levantar cabeza con cartos públicos (fundamentalmente banca e automoción, pero non os únicos) e en segundo lugar, e como quen saca coello da chistera, o goberno español sorpréndenos con que vai acabar coa crise por decreto. A Lei de Economía Sostíbel era a panacea, que invertería a senda do ladrillo e a especulación pola senda do I+D+i, o coñecemento e as actividades de alto valor engadido...

A realidade son catro millóns e medio de parados (aceitando como bos os datos do goberno) e unha profunda recesión económica. Zapatero comprométese a que a crise non a paguen os máis desprotexidos e que calquera recorte que haxa que facer nunca será no terreo social.

Nese intre quebra Grecia. Ese mesmo día, Zapatero ten chamadas de Berlín e de Washington. Sumaranse a actuación das axencias de certificación que a base que quitarlle letriñas, veñen a dicir que a economía española pinta mal, cousa que lle custa moitos millóns de euros ás arcas públicas. Despois dunha escaramuza cara opinión pública de dicir que existía unha conspiración judeo-masónica-especulativa para afundir a España, Zapatero se deixa de lerias e se pon mans á obra.

O presidente do goberno español, ven actuando desde o comezo da presente crise económica internacional, como simple recadeiro dos centros de decisión reais. O estado español pinta máis ben pouco ou nada, por culpa dunha actitude de aceptación submisa do que digan os que realmente mandan neste planeta. O FMI, o Banco Mundial, o Banco Central Europeo e incluso as axencias de certificación, e se me apuran, as liñas editoriais de determinados xornais económicos, son os que realmente moven as cordas, dun presidente español, que executa mandadiñamente o que lle ditan. A consigna é clara. Funcionou en Grecia e por que non ía funcionar no estado español?: reformas ou caos. Non importan as consecuencias.

Se a maiores lle sumamos que as eleccións xerais están á volta da esquina e o PSOE prefire pasar o "mal trago" todo de golpe e o máis alonxado da cita coas urnas o cóctel molotov está montado. A partires de aquí, comeza o maior retroceso en materia social da etapa democrática no estado español: a recente reforma laboral, a suba do IVE, a conxelación das pensións, a privatización das caixas de aforro e os globos sonda de ampliación da idade de xubilización e período de computo para calcular a pensión ou o copago sanitario son tan só algúns dos exemplos posíbeis.

Que lonxe queda aquilo de "como Italia e Francia"!. Hoxe toca pelotón de cola con Grecia, Portugal e o bluf irlandés. Hoxe a realidade é que o estado español está fatal e o que é peor, non hai visos de melloras salientábeis no curto prazo. Por desgraza, e como puntilla a esta situación, a finais da semana pasada veñen de facer pública a proposta duns Orzamentos Xerais do Estado que moi probabelmente retarden aínda máis a saída a esta crise.

OS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO PARA O 2011

O PSOE impulsou un Orzamentos Xerais do estado sobre dúas premisas:

- Reducir o déficit público a calquera custe.
- Todo axuste se aplicaría sobre as partidas de gasto, nunca sobre os ingresos.

O déficit e o inimigo número un desta película. Sen embargo, o déficit é consecuencia da crise e non viceversa. Até economistas profundamente neoliberais recoñecen que pode ser totalmente contraproducente -e ter un efecto búmerang- reducir o déficit público drasticamente nun período moi curto de tempo, xa que é preciso manter determinados niveis de endebedamento para aplicar auténticas políticas de estimulo económico e protección social.

Aínda asumindo que a prioridade económica sexa a redución do déficit público, hai unha evidencia: o déficit pódese combater pola vía da contención do gasto, pero tamén pola vía do aumento dos ingresos. Esta vía é tabú para o goberno español. Esta decisión pode empeorar aínda máis a situación xa que a suba dos impostos progresivos é moi inferior aos recortes no gasto público e a propensión a consumir e tanto maior canto menor é a renda do grupo social que se considera.

Non é só que non se toque os ingresos, senón onde se aplica a tesoira nos gastos. Por exemplo, anunciaron un recorte do 9% do orzamento "oficial" da Casa Real (hai moito máis encuberto noutras partidas) que finalmente quedou tan só nun 5,2%. Só o Ministerio de defensa acapara no apartado de persoal a cifra de 4.640 millóns de euros (case nada) sen entrar en armamento, mantemento de instalacións, ou o que custa ás arcas do estado estar en Afganistán. Estes días, comezaba a funcionar o buque, Juan Carlos I, que saia a todo trapo na prensa como o "orgullo da armada española". Alédome porque unha vez máis os nosos estaleiros amosaron o seu potencial -mágoa que nin PP nin PSOE fagan nada real para levantar o veto á construción civil-, pero custou 360 millóns de euros (sen armar)... poderíamos usar 1 millón de euros ao día para gastos sociais ou produtivos durante un ano...

Antes de conxelar a pensión, xa de por si pequena, de moitos maiores, antes de meterlle man á sanidade e ensino público, antes de "flexibilizar máis" un mercado laboral que parece chicle... hai moitos sitios onde recortar.

Pero sobre todo, paréceme especialmente preocupante o feito de que uns orzamentos que non realizan un esforzo inversor en materia produtiva, que aumentan os impostos ao consumo e ao traballo, non facilitan, desde logo o medre da economía do conxunto do estado e consecuentemente a súa capacidade de xerar emprego. Con estes orzamentos, o Goberno antepón o obxectivo de redución do déficit ao obxectivo de facilitar o crecemento económico e finalmente, moito me temo, que nin servirán para reducir o déficit nin para saír da crise.

DATOS A MEDIDA

Os Orzamentos Xerais do Estado, como diría un compañeiro, están "moi pintados". Máis ben, pintadísimos. Pero, sobre todo, son irreais e artificialmente optimistas. "A esperanza é o último que se perde" non debería ser a consigna de cabeceira á hora de elaborar os orzamentos dun estado.

A previsión de ingresos parécese máis a unha carta aos reis magos que a un documento contábel. Baséanse en cifras macroeconómicas cheas de voluntarismo e un optimismo pouco san. Dáse por bo, un incremento do PIB dun 1,3%, cando todos os organismos internacionais, especialistas independentes, e demais o sitúan por baixo dun 0,7%. Quen se trabuca todo o mundo ou o goberno español? Como facer estimacións -a priori- é gratis todo vale con tal de cadrar as contas.

En teoría esa suba do 1,6% pivotaría no consumo privado e no sector exterior. O goberno prevé nestes orzamentos subas do 6,2% no Imposto sobre a Renda, un 9,3% de aumento no Imposto de Sociedades e un 7,3% no IVE. Segundo o goberno, a taxa de paro estará situada no 19,4% para o conxunto do estado (actualmente está por riba do 20%).

Posíbel? Quizais. Probábel? Non.

Moi dubidoso todo. Parece razoábel que o consumo se vexa afectado negativamente polas medidas tomadas polo goberno, pero sobre todo, polo paro e a redución do poder adquisitivo. E o do comercio exterior, cando menos choca nun momento onde a competitividade do estado español non está precisamente en horas altas.

Aínda que hai que coller con pinzas a opinión deste tipo de "axencias" a pouca credibilidade destes orzamentos foi o motivo fundamental polo que Moody´s rebaixou a calificación da débeda pública española. Para rematar a xogada, desta vez si, un organismo oficial, como o é o Banco de España que apunta no seu último boletín un novo parón da economía española.

UNS ORZAMENTOS ANTISOCIAIS

Lonxe queda aquela promesa de capear a crise sen tocar o gasto social realizada por Zapatero. Estes orzamentos son os máis antisociais das últimas décadas. A modo de exemplo:

- Os 420 euros concedidos a aquelas persoas que estando en situación de desemprego xa esgotara todas as súas prestación, con toda seguridade -aínda que non veña explicitamente reflectido-, van desaparecer nos primeiros meses do ano, polo que todas esas persoas pasaran de ser pobres a vivir na absoluta miseria.
- Redución na práctica do poder adquisitivo de todas e todos os pensionistas (hai que lembrar que en Galiza temos as pensións máis baixas do estado) xa que se conxelan todas menos as pensións que se incrementan nun 1%, pero hai que ter en conta que a previsión de inflación é dun 1,3%. Non son unha prioridade os máis desfavorecidos e desprotexidos da nosa sociedade.
- Confírmase a imposibilidade de financiar debidamente a Lei da Dependencia. Descende a asignación para as e os dependentes nun 5,2%, retírase a retroactividade das axudas e os pagos de retrasos de prestacións xa solicitadas nun período de até cinco anos.
- Elimínase o cheque-bebé. Cuestión moi discutíbel, pero que implica que os futuros pais e nais en época de crise, e cando máis se pode contraer a natalidade non terán acceso aos famosos 2.500 euros por nacemento ou adopción. Púidose reformular para convertela nunha medida máis xusta e equitativa, pero optouse pola supresión. Ademais, a partida para baixas de maternidade e paternidade descende nun 11%
- Desaparece a dedución por vivenda -certamente moi discutíbel- salvo para quen gañe menos de 24.000 euros, pero hai que ter en conta que, actualmente empregan está redución 5,5 millóns de persoas no conxunto do estado.
- O orzamento adicado á chamada "renda básica de enmacipación" (a axuda de 210 euros para os mozos e mozas de entre 22 e 30 anos para o alugueiro de piso e marchar da cas) descende de 375 millóns de euros  a 323.
- O orzamento para política de vivenda diminúe un 19,3%. Cando o que deberían facer non é reducir os cartos públicos adicados á vivenda, senón evitar duplicidades e transferir o 100% do orzamento dese Ministerios ás Comunidades Autónomas.
- A axuda ao desenvolvemento descende até o 0,4% do PIB, aínda que a promesa do goberno Zapatero era de chegar ao 0,7% en 2012.
- Finalmente o apartado referido a bolsas de estudo, que anunciaran como unha das grandes subas destes orzamentos cun 8,8% fica nunha suba de tan só o 2,6%.
- O orzamento adicado a políticas activas de emprego diminúe respecto ao ano pasado nun 5,5% (7.322,8 millóns de euros).

GALIZA: CHOVE SOBRE MOLLADO

Algúns para tentar defender en Galiza estes orzamentos, tratan de marear a perdiz cos tantos por cento sobre o total, as inversións por habitante, etc. Sen embargo, do que toca falar é de que estes orzamentos xerais do estado volven a retrasar os compromisos con Galiza cando non os anulan.

O mínimo para paliar o déficit estrutural de Galiza son 2.000 millóns de euros. En canto ao investimento en Galiza contemplado polo Goberno no proxecto de Orzamentos do Estado 2010, que se sitúa en algo máis de 1.550 millóns de euros representa un retroceso 24% a respecto de 2010, con 500 millóns de euros menos e tamén representa un descenso de 600 millóns de euros a respecto das previsións de investimento do propio Goberno en Galiza nos orzamentos de 2010. Novamente, existe un claro retroceso, por segundo exercicio consecutivo, que perfila un escenario pouco alentador.

Cando a situación no estado ía ben non lle tocaba a Galiza e cando vai mal tampouco. Pase o que pase, Galiza sempre perde. E que farán os deputados electos polas provincias galegas a este respecto?. Pois non fai falta sen adiviño nin politólogo. Dá igual o que poñan os orzamentos, dan igual as emendas, da igual todo. As e os deputados galegos do PSOE votarán a favor e os deputados galegos do PP votarán en contra.

A alguén lle pode quedar algunha dúbida nestes días -con independencia de que sexa nacionalista ou non- da importancia de que o BNG conte  cun grupo parlamentario propio en Madrid, que sería o mesmo que dicir que Galiza contase con voz propia en Madrid?


[06-10-2010 14:22] Eu comentou:

Artigo moi clarificador.

[06-10-2010 01:11] randulfo comentou:

Pois menos mal que o ano pasado houbo unha intervencion de PEREZ BOUZA no consello nacinal pedindo votar en contra dos orzamentos 2010 senón agora estabamos ben fodidos con esas vangardas toupeiras que van de clarividentes.

[05-10-2010 21:52] Eu comentou:

E hai que ver, eh? Por moita crise que haxa, non lle quitan nin un peso aos curas, a monarquía, os touros, as aventuras militares de Zapatero por aí, e de suprimir organismos que sobran como as deputacións e os ministerios que pisan competencias das comunidades autónomas, nin falar. Recurtan onde pensan que non lles vai ter consecuencias políticas.

[05-10-2010 18:44] abelardo xosé del caño varela comentou:

Está ben claro, do que manifestas, a quén sirve o PSOE, às grandes fortunas nacionais e os poderes fácticos da economía mundial. qué lle importan pois, ante un suposto dilema, as pensions, as axudas sociais e o demais que puideran ter de esquerdas? E por suposto, de rechazo, o noso pais é un dos mais perxudicados, ao non contar nin con certo poder económico do pais nin tampouco una sociedade civil forte, definida en organización certamente nacionais e non alleas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña