02:45 Martes, 20 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-10-2010

Os mozos pasan as horas fora dunha sociedade que lle semella allea, como autistas, ermitáns da posmodernidade

Da lareira ós "hikikomoris" internáuticos

Valorar (19)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



As condutas do ser humano mudan ante as novas situacións, os novísimos sistemas de ocio e negocio lévannos polo camiño de vivir a virtualidade, tamén na creatividade e na mesma literatura. As cuestións individuais contaxian á sociedade de egos. Preocupan os "hikikomori" como din os chino-xaponeses para referirse ás persoas que se illan e se enclaustran en diferentes grados. E non soamente no país do sol nacente, senón xa nas aldeas do solpor fisterráns. Xa non afectan unicamente ás clases altas, senón a todas e de xeitos diferentes e máis alá do cuarto, da cama, do encrucillado ou da pantalla de plasma.

Fundamentalmente hoxe son rapaces, vinculeiros consentidos, mozotes ou non tanto, pegados á casa paterna, que pasan as horas fora dunha sociedade que lle semella allea, como autistas, ermitáns da posmodernidade, zombis de porta pechada con chave, metidos no seu cuarto-leoneira diante do plasma do ordenador, da  televisión, eufóricos do videoxogo ou do teléfono móbil... a súa vida real. Abaldroados na cama, entre fume do tabaco e cabichas, restos de comida de plástico, pizza xeralmente e botes de cocacola, criando tics dixitais, de cabeza e de ollos, ou simplemente sen facer ningunha outra cousa máis que mirar para as manchas de pintura do teito ou para os ácaros que van e veñen por unha  frecha de luz que vai deixando seu reflexo pola parede adiante. Papando moscas ou mesmo vivindo do maxín, mirando fixamente a un punto. Non hai horario: o sono a calquera hora e o tecleteo a calquera outra, soamente se abre a porta para botarlle a comida, as mudas ou os subministros informáticos ó estrano animal da posmodernidade. Invernadoiro, cultivo da tristura crecente, da inseguridade, sen amigos, sen relacións, a non ser os que furen pola rede internáutica. 

Cuestión xa asumida nos eidos da psicoloxía e da socioloxía. Problema que por aquí coñécese como o "síndrome da porta pechada", con causas que pode estar na rutina consentida dunha mala educación, nos desenganos, na presión social, no fracaso, etc. Comportamento antisocial cun tratamento particularizado que debe ser guiado polo especialista, e que comeza por asumir a cuestión que se acocha nun cuarto da casa, polo achegamento, respetando a súa independencia, a dos seus espazos e manías, deica integralos no bulir da vida real.

Un xeito de novos Quixote, xa non entoleirados polos libros de cabaleiras, ou polos cómics, que moitos houbo e hai con esta tolemia, incluso rexedores, alcaldes que saíndo dos claustro das súas teimas quixéronas ampliar deica facer das súas cidades as novas Lilliput dos ananiños e Gulliver. Agora e por moito tempo serán as novas tecnoloxías as que entoleiren. Todo vén dado en Jauja e prende a nugalla, a lacazanería...

Os seres humanos desenvólvense na sociedade. Dende a coutada e sombría cova de Platón ó "hikikomori" xaponés, enguedellado en cables de alta tecnoloxía dixital,  pasando polo noso tombado, enfermo e aganado, abandallado no cuarto da súa casa, da aldea ou do piso da cidade, arrodeado de enfermidades que non ten, de agarimos que desexa ter... Tamén ás veces o claustro é maior, territorio coutado: a aldea-hikikomori, a  que quedou enclaustrada pola emigración, arrodeada polos lazos de vías e as autovías, as que  poden  acoller dentro de si outro tipo de "hikikomoris", os que se encunchan baixo unha boina e miran ás labaradas de lume ou ás nubes cunha cunca de caldo entre as mans.

Novos comportamentos condicionados por moitas tipos de illamento, os que naufragan na miseria, nas crises e os que hoxe se abafan e afogan entre o desbaratado consumo. Ateigados, fartos da oferta que incide no comportamento, no telo todo e feito, na perda da habilidade para as relacións, para desenvolver unha ética, ou pola contra o querer, ansiar e non poder ter. Amas de cría de variopintos comportamentos individuais, encerrados, tombados, zumbados... con  preocupante final cando os medos se converten en carraxe, inadaptación, ataque ós pais, delincuencia... ás veces reproducen o que soñan ou ou teiman, posmodernamente o que vén nos mangas gore televisivos, goce coa carnicería. Outros hai que caen na fantasía dunha eterna xuventude e velaí o "síndrome de Peter Pan". Un pode ser capaz de pecharse na vida dos outros e reproducila a súa medida.  Crer ser o que non somos. Entre os máis novos inicialmente os pais enténdeno como unha  fase transitoria, que irá desaparecendo cos anos... pero a cuestión pode tomar diferentes rumos.

Entre uns e outros antisociais lembramos a aqueles usureiros nos que os xestos e a faciana topografaban o que eran: apertada polas enrugas, enmarcada polas cellas e polas orellas, escondidos deles e dos demais, contando polos dedos as débedas dos demais, xa teatralizados por Manuel Lourenzo, acollidos con teimosía nun "EU non lle debo nada a ninguén", resultado do "hágalo vd. mesmo" (a conta dos demais)... "Eu", o couto do onanismo, que é o que aquí tratamos

O tema está na literatura, no teatro, xa é material do que un pode gozar na sala de cine ou mesmamente pechado no cuarto da casa, estomballado sobre o sofa-cama. O problema é unha ameaza que tenta facernos espectadores e non actores da nosa mesma Historia.


1 2 3 seguinte

[26-10-2010 08:12] Felipe-Senén comentou:

Amigos, todos tendes razón. Anselmo, non te cegues conmigo que dubido sobre todo. Servidor escribe para facer amigos, nunca pra ferir e gostarialle atopar remedio pros que sofren. Así é que estou dándolle voltas ás vosas opinións, proba de que as respeto.As palabras pódense usar figuradamente, mesmo o diccionario da R.A.E define autismo como "Concentración habitual dunha persoa na súa propia intimidade, co conseguinte desinterese polo mundo". Direivos que neste meu artigo, ateigado de ideas, na que fago un xogo da individualidade "hikikomori", coa sociedade coutada polo consumo, inspireime na "Dublinesca" de E. Vilamatas, unha recreación sobre o "Ulises" de Joyce nos tempos da Galaxia Bill Gates, obra na que o catalán reiteradamente di cousas como " le estan dejando cada día más autista, más hikikomori..." Enfermidades, con todos os aspectos dorosos, efectos con diferentes causas, tamén sociais. Grazas amigos por facerme cavilar sobre tan delicada cuestión, onde é verdade que sobran as metáforas. Non está no meu ánimo colaborar a fender máis esta xa tan dividida patria. Si vedes este vaso medio cheo, atinades e ofrezovolo. Coa miña mellor aperta, solidaridade e agradecemento por terme lido. Felipe-Senén

[15-10-2010 12:33] Stalis comentou:

Unha cousa máis que chega moi ao fundo da cuestión "non vemos máis da leira". Efectivamente, pensar que unha corrección dun erro froito da ignorancia é non ver mais aló da leira. O respecto e a consideración do colectivo non se pode dar senon se respecta ás persoas que o forman, non son individuos os que forman os colectivos, non hai que respectar as súas características, as súas diferencias?

[15-10-2010 10:34] Stalis comentou:

Sigo aumentando o meu pasmo, non só non se rectifica un erro evidente senon que se toma como se fose unha agresión política e persoal. E o camarada Anselmo, un dos nosos historiadores, o que leva re-construindo a nosa historia con rigor e cuestionando o establecido, sae a defender a un compañeiro cando nunca se lle atacou.
Só se pide eliminar un uso impropio dun termo, un uso clásico, sí, mais froito da ignorancia. Agora xa coñecemos moito máis o que é o autismo, o trastorno, a discapacidade, sabemos que non se pode usar ese termo do xeito clásico, por falta de rigor e de respecto ás persoas que o sufren, seres humanos co mesmo dereito que calqueira de nós a seren respectados.

Como sendo nacionalistas, como sendo galeg@s, habitantes dunha nación asoballada, falantes dunha lingua minorizada e desprezada, aos que os españois non nos tratan con respecto, que empregan o noso xentilicio como insulto... non temos a sensibilidade para non empregar nos mesmos termos deprezativos e negativos que afectan a persoas. Galego sempre con dignidade e autista dá o mesmo??!!

Triste... moi triste... descorazonador, camarada Anselmo.

[14-10-2010 23:45] Iolanda Veloso Ríos comentou:

Perdoa Anselmo pero non entendo o teu comentario: "Pérdenos sempre o mesmo: non vemos máis alá da leira". De que leira falas?
Deduzo que cres que por unha cuestión política buscámoslle os tres pés ao gato, por usar eu tamén un idioma usual e comprensible. Por amolar un pouco, vaia.
Eu non pensei que houbese intención ningunha de ofender por parte de Felipe Senén, non fago esta petición por fastidiar a uns ou a outros, realmente está pedíndose ter coidado coas palabras que se usan porque non diseccionamos metasignificados, neste caso falamos de persoas. Creo que esta cuestión merece un pouco máis de respecto e non entendo a agresividade das respostas.
Estou sorprendida polo ton xeral dos comentarios pero teño que confesar que máis que sorprendida estou triste, moi triste.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña