00:27 Mércores, 21 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2010

Por aquí os eventos seguen sendo un regalo endomingado, ruinoso, cando debera xerar beneficios arredor dunha multitude concorrente ansiosa de consumir

Ocio e negocio: espectáculos deficitarios

Valorar (6)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Cocerto de MTV co Xacobeo 2010


Por aquí aínda os espectáculos forman parte do ritual do domingo, do tempo estival e da conmemoración. Cando no mundo civilizado  son o cotián, parte substancial da dinamización económica, a atracción da xente, dos consumidores.  Onde se comprende e se practica que o ocio é o mellor negocio e o xeito de publicitar a vida e a ledicia dunha urbe artellada no dinamismo, sedutora, atractiva, que asume e fai fronte á crise entre os retos e competindo con outras cidades.  Os catálogos de ofertas son incontables e para todos os gustos. O asunto é saber axustar o anel ó dedo. No gran escaparate de internet temos tanto modelos de xestión de grandes espazos como as infindas ofertas, os programas de eventos, sabemos e está contrastado o que resulta e o que non resulta, e onde está o escarmento.

Programas continuos de espectáculos de diferente envergadura, que  esixen e animan  sígnicas infraestruturas, seguras e preparadas contra toda meteoroloxía, emblemas dunha cidade, son as novas catedrais coas que se identifican,  as que xeran vida ó seu arredor para o antes , o "en" e o despois do espectáculo. Encontro, actividade que move artistas e contaxia arte, deseño, publicidade, relacións sociais, público de aquí e de acola, para encher e poñer a proba a oferta e a demanda dunha urbe. 

E como todo é relativo, o branco co negro, o día coa noite, unha cousa coa outra, tamén  unha cidade coa outra:  por aquí hai que esperar polos "xacobeos" e os seus programas, para atoparnos cun almanaque de eventos maiores, medianos e sucedáneos. Case sempre improvisado, en ocasións retrincos reaproveitados do que queda entre os bolos... e a velas vir. Aínda compre moito por experimentar e andar para estar a altura das cidades que, a súa medida, xa hai tempo tomaron nota da metrópole, do  Broadway newyorkino ou do Coven Garden londinese, rehabilitaron ou  crearon atractivos complexos arquitectónicos de todas as medidas e aforos para dar acollida a espectaculares encontros deportivos, musicais,  concertos cos que implican a aplicación de novos sistemas audiovisuais, pirotécnicos, acuáticos... Os astros non locen sen firmamento.   Multiusos  cos nomes de "Arena", "Milenium"... que xorden e se espallan por imitación os uns dos outros. Con esa febre naceron e especializáronse empresas de xestión integral de eventos, de publicidade,  montaxe e desmontaxe, de venta de entradas, tamén dos pases previos aos  inevitables VIP-esponsor para o encontro directo cos artistas nas probas de ensaio.... do merchandaising, do ambigú, da seguridade...

Namentres, por aquí, non atenderon á fábula da barbantesa e a formiga e gastáronse os cartos de europeos que somos para conmemorar a entrada no terceiro milenio en  monumentos de vocación imperial,  erixidos en honra de un mesmo,  apuntando e desafiando ó ceo, en fontes ou en farolas que xa non funcionan . E aínda seguimos cos pavillóns polideportivos de ecos de uralita nas aforas das cidades, a carón  dos cemiterios e dos galpóns industriais, nada preparados para o tráfico, nin  para as novas tecnoloxías que complementan ós espectáculos de hoxe, para dar servizo á demanda multitudinaria, para a seguridade que requiren, para o consumo... o que hai non é digno  da espectacularidade que merecen os grandes artistas e un público sempre escúlcante, fácil de conformar e xenerosos en aplausos.  O que  si se sabe ben, sigue sendo a arte de caciquear: iso de ofrecer privilexios, regalar entradas,  reservar os mellores espazos para políticos e demais familia, amigos, e que moitas veces quedan baleiros. Por aquí os eventos seguen sendo un regalo endomingado, ruinoso, cando debera xerar beneficios arredor dunha multitude concorrente ansiosa de consumir.

Non é unha novidade, os artistas e os seus espectáculos están trallados, veñen e van. Perciben o agarimo do público, as limitacións e o pailanismo dos seus gobernantes. Nesa relatividade das cousas non temos máis que mirar a algunhas, incluso pequenas capitais ou cidades, para coñecer as súas infraestruturas, grandes estadios cubertos, multiusos, adaptación de castelos, templos para toda un programa continuo de espectáculos que non sequera se reducirá ás diferentes gamas de musicas clásicas ou contemporáneas, teatro, opera, ballet, maxia e circo... que permitan incorporar todo ese atrezzo complementario  e todo tipo de pirotecnias, multimedia, motos, grúas... Megalo-multi-centros, cidades dentro da cidade que reclaman vida.

Cidades célticas, próximas a nós - cada vez máis preto, polos voos baratos , como a irlandesa Dublín, a galesa, Cardiff, ou a escocesa Edimburgo, entre moitas outras da beiramar Atlántica - podemos comprobar o que ofrecen a través do gran escaparate internáutico, un programa  continúo de eventos, que non se para en vacacións ó estilo escolar, tan secundado por aquí, pese á reiterada frase da "desestacionalización". Non se pode ter "en paro"  a esas infraestruturas"  nin a xente ansiosa de traballo, e menos en tempos de crise. Pois velaí nos programas para este tempo a  Paul  MCcartney, Elhon Jhon,  U2, Bon Jovi, Beyonce, Leona Lewis...  (vexamos as súas páxinas web). Témolos a un par de horas. E máis preto ofrécensenos modelos de xestións de teatros e multiusos coa súa carteleira anual na roda da revitalización económica: Bilbao, Xixón, e mesmo o Porto. Pero non compre coutarse en músicas, nin en grandes nomes, senón no que significa o deporte, a competición, a importancia turística do rugby en Inglaterra ou América, do fútbol no mundo que concilia todo tipo de bandeiras, razas, identidades e cun inmenso merchandaising e publicidade o seu redor.

Por aquí seguimos na política de reunións de comunidade de veciños, de ocupar o tempo en darlle voltas e reviravoltas ás burocracias, en vez de experimentar  e especializarse en eventos que forman parte da xestión turística, que dan vida ó transporte, á hostalería, ó comercio...que referencian no mundo a unha cidade. Por aquí, a universidade galega, que non superou o escolasticismo da "Gallaecia Fulget",  a "triste y sola se queda   Fonseca",  segue a regar fora do testo da realidade, no reiterativo couto de ensinar para volver ensinar o que se ensina.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña