04:52 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-02-2010

O poeta vai ao encontro coherente e consciente coa política para evitar precisamente ser manipulado polo poder

Novoneyra a Francisco Rodríguez: O poeta e o político

Valorar (15)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



"INDA a bágoa máis pura máis sin direución acusa ó poder". Existe dor no mundo e os que mandan non son inocentes. Os oprimidos pode que non saiban "dirixir" a súa queixa, mais a expresión cega dese sentimento é base da denuncia contra os déspotas. Con todo, non é suficiente. Quedar aí, non ir máis alá, é un risco moral.

"TODO o que pasou o meu pobo pasoume a min/ todo o que pasou o home pasoume a min"O poeta recolle cos brazos abertos toda a dor do universo, absorbe as emocións de todos. Agora ben, o poeta non é un mero espectador alleo ao mundo. Como dicía Sartre, todo o que di e fai repercute. El é coresponsable do que ocorre, canto máis pode influír coa súa obra, máis peso carga sobre o seu lombo. El tamén pode ser cómplice coa súa palabra e co seu silencio.

Uxío sabía da importancia dos silencios. No medio do ruído a comunicación é confusa e a comprensión difícil, mais sobre todo a trivialización do transcendente pode deixar sen valor o que se diga. Uxío administraba moi ben os seus silencios: "Eu i o meu silencio volto pros tesos mouros no día nubro/ ouvindo sólo os corvos io vento do Inverno no souto nuo". Sempre se subliñou a importancia dos silencios na obra e na vida de Uxío: "TENDO o meu silencio/ e paro o tempo..." Silencios ao recitar, ao publicar, as páxinas en branco, os espazos baleiros, etc...  Claro que os silencios tamén expresan: "Agardamos que estas palabras/ ou o sólo silencio/ abonden por todo rito/ pois non temos certeza pra outra oración". Mais o "Don do silencio" dos "Eidos/2" non é o "silencio forzado" do que nos fala nos "Poemas da doada certeza" aínda que teñen en común que son ambos interrogados a espreita do que saia deles. Agardase do silencio que exprese ou que del abrolle a verdade.  É, en definitiva, o "silencio preguntado" ao que se refire en "Do Courel a Compostela". Un silencio elocuente e que atrae o interese, a reflexión, a indagación, a investigación, a sospeita. Até que punto tamén un silencio non é un ruído sen nome? Mais o caso é que ao fin o poeta se ve impelido a rachar o silencio e debe medir moi ben as súas palabras polas consecuencias que terán. O problema é que só serán auténticas se responden a unha necesidade interior por expulsalas fóra e non a un cálculo meditado. "Son eu trovadores do pensar/ que non se debe ter por trovador/ trovador que trova por trovar/ sin ser de tal coita sofridor/ que non pudera sin rebrer calar."


É preciso sentir o que se di, é máis, estar empuxado a dicilo por unha forza irrefreable de botalo fóra como consecuencia de ir acumulando enerxías vitais de experiencias cotiás e solidariedade existencial.  É duro conter a fala: "DE tanto calar xa falo eu solo". Pero máis difícil é dicir algo que mereza a pena. E o poeta non pode permitirse o luxo de escribir calquera cousa, e menos, de calquera xeito. Ao fin debe axustar o que lle sae de dentro coas repercusións que terá fóra: "GUINDO a almofada/ i axusto o nome da patria pra recompor un soño". Este texto reflicte o cabreo con Galiza, ou máis exactamente coa indiferenza de Galiza con quen a quer. Un cabreo que empuxa aos poetas a dicir algo así como o "ódiote, campo fresco" co que Rosalía se dirixía á natureza desinteresada, fría e distante. A rabia que arroxa fóra da cama ao escritor e que o levaría soltar calquera boutade se non fora que alguén puidera estar escoitando. Ao fin débese ao seus lectores, ao seu público. Non pode ignorar que o que diga está condicionado polo feito de que "non fala solo". O poeta non pode dimitir do soño de cambiar o mundo senón é a risco de traizoar as súas propias palabras, e como conciliar o sono entón? Mais o poeta non é un político.Burlábase Sartre de Jorge Semprún cando este lle preguntaba si se vía a si mesmo de Ministro. Ríase disto un dos autores máis comprometidos e teorizadores do "engagement". Certo que Semprún co tempo acabaría de Ministro, o cal seguramente non  lle faría moita graza ao autor de "A Nausea", mais o caso é que cada ámbito ten a súa autonomía, cando menos, profesional. Isto é, pódese falar da "política do poema" como se ten feito a respecto de Heidegger, e ao fin atopar que, efectivamente, todo é política, mais non toda a política é poesía. En política aspírase a moito máis que a "xustiza poética" e a fame de beleza da poesía non figura nas prioridades do político. O poeta  metido a político exponse a ser descatalogado, a subordinaría o status do seu papel social. Nun país que precisa fixar e dignificar o seu sistema literario, un escritor como Uxío Novoneyra sente a necesidade de afirmar a independencia do seu quefacer e de exercer de ser poeta as 24 horas do día. Mais - como queda dito- non pode manterse á marxe. A cuestión é como relacionarse coa política sen renegar da poesía?


O poeta vai ao encontro coherente e consciente coa política para evitar precisamente ser manipulado polo poder, converténdoo en mero xograr da corte, baixo a vella escusa da arte pola arte. Agora ben, debe empregarse a fondo se quere salvar a integrade da obra de arte, baixo a sospeita de panfletario terá que dignificar o seu texto. Esta tensión que sofre Uxío deu como froito un dos seus poemas máis potentes e intensos:  "A Francisco Rodríguez na cadea". Un momento senlleiro no que se puido verificar o abrazo vivo (non elexíaco), sumamente complexo e profundamente necesario entre poesía e política:"Iles son maos sin lingua.Saben pechar portas e así falan.Falan as maos todas a xordo.Esperan o que espera o poder:temor e desesperanza e que só sexamos sós".

Cantos acontecementos e experiencias vividas foron necesarias para rachar o silencio deste xeito e deitar uns dos versos máis completos escritos nesta "lingua sin maos"?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña