19:23 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2010

Se o ensino ou a sanidade existen como tal servizo público é grazas ás conquistas sociais do movemento obreiro

Os sindicatos corporativos e a folga xeral

Valorar (16)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



É posible que haxa algúns empregados públicos que se vexan tentados a desentenderse da sorte do conxunto dos traballadores na folga do 29. As razóns poden ser moitas. Nalgúns calaría a mensaxe que machaconamente transmite ultimamente o poder de que a solución aos seus problemas pasan pola desaparición dos liberados, dos sindicatos, e en definitiva, pola eliminación de calquera estrutura organizativa dos traballadores e a defensa do individualismo consumista. Mais outros, instalados nalgún sindicato corporativo, seguramente desaconsellen ir a folga porque non vai con eles pois non aborda os seus estritos problemas profesionais. Se ben, tamén haberá quen desde estas organizacións se escudará baixo proclamas tan estridentes como baleiras de chamada formal á propia folga sen que iso implique ningún traballo activista, nin sequera ir a ela. Con todo, seguramente haberá tamén algún destes que finalmente vaia á folga xeral para colmo das súas contradicións xa que se o modelo de sindicato que defenden se estendera a folga xeral na que participa sería imposible. Por que non hai folgas xerais en EEUU habendo tantos motivos para facelas? Aínda así, estes últimos que finalmente participan na folga, sexan benvidos aínda que busquen só tranquilizar a súa conciencia.

Conciencia tranquila, iso si, mais tamén blindada co obxecto que lle impida o contacto entre a praxe e a teoría, o particular e o xeral, as intencións e as consecuencias. En definitiva, a mala fe do gremialista sopórtase na posibilidade de disociar o que din do que fan grazas a un discurso autoreferencial, cíclico e pechado en si mesmo. Por exemplo cando se erixen en defensores dos servizos públicos. Estes son presentados como produto da boa vontade dos que os ofrecen e non arrincados pola presión de quen os precisa. Alguén pode pensar que é defendible a existencia dun servizo público pola simple esixencia dos que viven del? Dos seus empregados?

Se o ensino ou a sanidade existen como tal servizo público é grazas ás conquistas sociais do movemento obreiro. E a mellora, universalidade e calidade dos servizos públicos son produto dos avances sociais e dunha correlación de forzas menos desfavorable para a clase obreira. Alí onde o poder dos traballadores se reduce, máis servizos públicos se desmantelan. Se por un momento se percibise socialmente que se está a manter un servizo por presión exclusiva dos seus asalariados, o poder estaría lexitimado a eliminalo de golpe. Ou non se lembra o que pasou este verán co sindicato de controladores aéreos e como se quixo aproveitar o conflito laboral para privatizar un servizo que desde o punto de vista da seguridade parece impensable que poida caer en mans de empresas particulares competindo por abaratar custes. Os que teñen medo a voar xa se poden pór a tremer.

No ensino, na sanidade e en todos os sectores da administración proliferan este tipo de organizacións que nalgúns casos proveñen directamente dos sindicatos gremiais do réxime anterior, que os promovía e auspiciaba, mais noutros botan a súa cana a pescar nos caladoiros da esquerda, e dáse o curioso caso que hai moitos que pican.

Certo que algún dos sindicatos de clase axudan ao confusionismo -en río revolto, ganancia de pescadores- e a miúdo provocan o cabreo dos traballadores e traballadoras. O obxectivo dos sindicatos corporativos é administrar ese cabreo para que non conduza a nada construtivo: isto é, cambiar o sindicato, cambiar de sindicato ou mesmo crear un novo. Non é estraño escoitar das súas bocas discursos antisindicais, moi semellantes mesmo aos da patronal (financiación dos sindicatos, os "cursiños", a "burocracia" sindical, as cúpulas...) máis a súa non é unha crítica documentada e dirixida a corrixir os erros ou deficiencias dos sindicatos senón só a súa destrución, a desmobilización e deserción da afiliación, a súa substitución por fórmulas "profesionais" como as súas que son presentadas como horizontais na medida en que persiguen a disolución das estruturas dos traballadores e non a súa articulación operativa, e mesmo chegan a definirse como máis democrático polo feito de que cada quen faga o que lla peta e teña a súa propia ideoloxía particular co fin de abranguer a todos para neutralizalos na indefinición e a ambigüidade calculada e inviabilizar na práctica unha auténtica democracia pluralista baseada na escolla entre unha oferta diferenciada ao substituila pola que antigamente chamaban "orgánica". O caso é que o poder ten un enorme interese en fragmentar a clase obreira, en dividir aos traballadores, e estas organizacións prestan un grande servizo a estes obxectivos. De aí que lle resulten tan atractivas aos de arriba e reciban tanto apoio mediático.

A eles, isto permítelles nadar a favor da corrente mentres subxectivamente se senten rebeldes e críticos, en definitiva transgresores. Algún preséntanse como innovadores fronte as fórmulas "tradicionais" de sindicalismo, cando eles retrotráense á idade media no seu modelo gremial. Chegan a pensar que os apoios que reciben da prensa é polo ben social que fan e non polo funcionais que son aos que mandan. Traballan como lacaios da patronal para restar forzas á clase obreira máis fan campañas solidarias cos "oprimidos" (mulleres, homosexuais, inmigrantes, etc...) do mundo para sentir que están a servir unha nobre causa. As veces esaxeran tanto a súa solidariedade "internacionalista" que resultan contraproducentes para o cambio social aqui, non só porque pon en evidencia a súa mala conciencia, senón, sobre todo, porque xera conformismo pola nosa situación fronte a tantas desgrazas que se dan fóra: Ou é que diante da lapidación de mulleres, o burka, etc... un non sente a tentación de bendicir a nosa situación.

En definitiva, nunha sociedade tan complexa como a nosa os avances nas posicións da clase traballadora serán posibles en función de canta máis forzas demos aglutinado na súa defensa; e a loita pola transformación do mundo empeza pola unidade na propia nación. En conclusión, adiante coa folga xeral, adiante coa CIG.


[28-09-2010 21:23] Uzal comentou:

No ensino hai unha mostra contundente do corporativismos posfranquista (ANPE) e do dos corporativos guais (STEG). Dos primeiros pouco que dicir, xa que son tan transparentes como leves. Dos segundos, un par de apuntes: falamos de progres de pose fácil que veñen de colocar na súa web hai 48 horas un manifesto de apoio á folga xeral (escribo isto na véspera da propia folga xeral). Eses corporativos guais érguense galeguistas, cun par de copas algunha vez dixeron ser nacionalistas (sic) e son unha franquicia legal dun sindicato corporativo español de docentes.

[28-09-2010 12:15] Alberte comentou:

Pois se se queixan dos cursiños cando, polo menos no ensino, son os que se levan o cacho máis grande do pastel...
Para me presentar a unhas oposicións afilieme á CIG pra facer os cursiños. Tamén por ser máis afín a miña ideoloxía e interés. Ofinal os cursiños fíxenos no CSIF, pois dos da CIG, da que sigo afiliado, non pillei nada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña