14:25 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2010

Internet é un lugar para a proliferación e a magnificación desproporcionada de grupos e individuos estrafalarios

De pastores chalados e outros monstros

Valorar (27)

ROBERT NEAL BAXTER



Este artigo pretende analizar o que teñen en común certos fanáticos relixiosos e outros energúmenos molestos, indicando como actúan e por que e, en consecuencia, como axir para os desactivarmos de xeito definitivo ou, cando menos, para os facermos calar durante un tempo.

Saltou ás noticias recentemente un pastor dos EUA que ameazou con queimar exemplares do Corán co gallo do noveno aniversario do 11-S. Para alén das críticas que pode suscitar a queima de libros por razóns ideolóxicas (sexan ou non libros 'sagrados'), o que merece certa atención neste caso exemplar é o grao desproporcionado de atención mediática que se capta mediante tais golpes de publicidade intencionadamente provocadores por parte de grupos ultrarreducidos  que na realidade non teñen ningunha representatividade social real.

 E dito sexa de paso, seguindo na consagrada tradición do cristianismo organizado da destrución e prohibición de libros cuxos contidos se achaban pouco desexábeis (Index librorum prohibitorum et expurgatorum, Torquemada, o Novo Testamento de Tyndale, a Biblia de Lutero ou a obra de Miguel Servet reducida a cinzas xunto co propio autor...), a truculenta proposta do pastor tarado finalmente ficou cancelada no último momento. O que resta por saber é se realmente tiña a capacidade de mobilizar máis que os 50 (!) membros cos que conta a súa igrexa para levar a cabo a prometida queima 'masiva'...

E el non é único no seu xénero. Nos EUA abundan grupos similares, como o tristemente famoso grupo baptista restrinxido case exclusivamente á familia do seu pastor en xefe caracterizado pola súa homofobia virulenta, que se adquiriu notoriedade por se xuntar con faixas con lemas ofensivos nos enterros de gays vítimas de crimes homofóbicos ou mort@s pola SIDA. 

Todo iso préstase a análises moi diversas, desde a configuración actual da sociedade estadounidense e o peso das crenzas relixiosas na súa vida civil, até as relacións internacionais entre Occidente e Oriente dentro do marco da nova cruzada emprendida polo triunvirato Bush-Blair-Aznar ou da Alianza de civilizacións de Zapatero (que visibelmente pasa por manter unha forza de ocupación militar en Afganistán, mais iso é xa fariña doutro saco...).

Mais por moito que todos estes aspectos destaquen polo seu interese, o que quero aquí é centrarme na cuestión da mediatización de fenómenos marxinais que chega a os converter de xeito totalmente inmerecido en auténticos acontecementos de notoriedade pública xeral.

De feito, coido que a razón pola que abundan tais fenómenos ou, mellor dito, pola que parece que abundan, radica en grande medida na mediatización da sociedade e na transformación de sucesos truculentos en noticias de primeira importancia, eclipsando -non sempre tan desinteresadamente- outros feitos de maior transcendencia social.

En definitiva, trátase de simples dementes iluminados, cuxo grao real de perigo é directamente proporcional ao grao de atención que reciben. De non recibiren tanta publicidade mediática gratuíta, non serían máis que obxectivos de mofa ou, talvez, de mágoa.

Mais non se trata dun fenómeno exclusivamente cristián, nin sequera relixioso, aínda que coido que a relixión, pola súa propria natureza, fomenta tais actitudes (véxase, por exemplo, a queima de exemplares d'Os Versos Satánicos por musulmáns no reino Unido en 1988 ou do Novo Testamento por xudeus ortodoxos en Xerusalén en 1984). Tamén non se limita  aos EUA.

Un outro lugar que, pola súa natureza, resulta moito propicio para a proliferación e a magnificación desproporcionada de grupos e individuos estrafalarios é a Internet. Na rede, calquer persoa pode, con tempo e ganas, erixirse en portavoz de calquer causa, dando a impresión de encabezar un grupo representativo e de proporcións máis ou menos grandes. E, segundo a teoría dos memes, os elementos máis estrambóticos poden, grazas á atención que reciben, chegar a se tornaren mundialmente famosos.

Este mundo fantástico do ciberespazo está habitado por criaturas míticas como os trolls das antigas lendas escandinavas cuxo comportamento non dista en moito do dos pastores e outros fanáticos chupa-cámaras antes comentados.

En breves palabras, un/ha troll non é outra cousa que un individuo que se instala, habitualmente de xeito anónimo para non ter que aturar as consecuencias dos seus actos no mundo real, en foros cos que non concorda co propósito explícito de meter os cans na bouza. Ao procurar facer reaccionar @s outr@s utentes dun foro ao xerar respostas ás súas provocacións, o/a troll pretende desviar a atención do propósito real do sitio para enfocar toda a atención sobre el/a mesmo/a.  Evidentemente, o propio Terra e Tempo dixital non pode ficar alleo a este fenómeno desde o momento en que se opte por permitir a publicación de comentarios a respeito de calquer dos artigos publicados.

Como xente inmatura que son, só cabe tratal@s como unha crianza cunha perrencha, iso é: non facerlles caso. Doutro xeito, entrarlles ao trapo só levará a unha espiral frustrante de retruques e contrarretruques cada vez máis delirantes, inflando cada vez máis o ego d@ troll, sen levar a ningunha conclusión construtiva.

Hai quen dirá que tomar medidas destinadas a frear os abusos de foros como este coartaría o dereito fundamental de expresión. Pode ser. Mais os foros réxense por normas internas que velen polo seu correcto funcionamento, e de non se exercer o dereito de expresión de xeito responsábel, acho que é de todo comprensíbel non deixar que unha minoría cismeira tente facer desviar a atención dos artigos e outras colaboracións principais do sitio.

A posibilidade de comentar artigos publicados no Terra e Tempo e noutros foros é potencialmente moito enriquecedora e a presenza de trolls constitúe un dano colateral que hai que asumir. Para limitar os danos que poden causar, somos @s propri@s utentes @s que poden tomar unha medida moito sinxela (mais ás veces suxeita a un rigoroso autocontrol emotivo) para os disuadirmos: non alimentar o ego d@s trolls ao lles prestar a atención que tanto anhelan. Se non se lles fai caso, deixarán de amolar.


[30-09-2010 16:49] Robert Neal Baxter comentou:

Este video expresa bastante ben o meu paracer ao respecto:
http://www.youtube.com/watch?v=pBJjBOwk9oI

[29-09-2010 16:39] Pepa Lor comentou:

Que bó artigo Mr. Baxter.

Sobre todo cando se refire a esta publicación, e escrebe a frase: "de non se exercer o dereito de expresión de xeito responsábel, acho que é de todo comprensíbel non deixar que ". Leo esta publicación e os seus comentarios e paréceme axeitados maiormente. Os que non, paso deles. Os que si, apórtanme algo.

E quen decide o que é ou non responsábel?.

Como diferenciar "responsábel" de "convinte", ou de "axeitada", ou de "coincidente"?.

Pero que é eso de "unha minoría cismeira tente facer desviar a atención dos artigos e outras colaboracións principais do sitio"?. Que talante Mr. Baxter, qué talante. Será ese o talante desta publicación tan útil e necesaria?.

Pero é que non sabe vostede, a estas alturas, que @s que participamos -lendo ou escribindo- nos foros somos vell@s xubilad@s, pirad@s a maioría, aburrid@s, descreíd@s, "freaks" e dinamiteir@s?. Millonari@s creo que non. Están noutros menesteres. Mais sobre todo gústanos opinar aberta e libremente, aquí (anónimamente) e, do mesmo xeito noutros foros, con nomes e apelidos. Sintome ofendida polo súa deriva. Permítame que lle pregunte: é vostede sacerdote?.

Pepa (a trol?).

[28-09-2010 14:11] Boísimo, parabéns comentou:

O que máis graza fai son os comentarios máis extensos que o propio artigo que comentan... Teño a teoría de que son ou millonarios que non precisan traballar e o toman como lecer ou xubilados, aínda que neste sector hai pouca alfabetización dixital.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña