00:18 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2010

Os datos económicos das eléctricas demostran que non perden cartos

O prezo da electricidade e as mentiras do mercado

Valorar (11)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Que falta facía algo de luz sobre o recibo da luz! O goberno vén de anunciar unha suba do recibo dun 4,8% para 20 millóns de fogares e pemes. Unha suba continuada que aplica en plena crise económica, coa reforma laboral máis negadora de dereitos aos traballadores dos últimos tempos xa aprobada, e co anuncio da ampliación da idade de xubilación e do recorte das pensións para fin de ano. Faino ademais empregando a mentira do déficit tarifario, como escusa para que paguemos máis, sexa cal sexa o noso poder adquisitivo.

A verdade é que para calquera cidadán entender a leria do mercado da enerxía resulta ben difícil. Seica hai empresas produtoras, comercializadoras e distribuidoras, pero que á hora da verdade, representan unha única entidade con distintos nomes. Así se construíu o vangloriado e idealizado mercado eléctrico liberalizado, pero que en realidade é un verdadeiro monopolio do que todos e todas somos os reféns.

Acabo de ler un artigo moi interesante no que se intenta iluminar o mecanismo de fixación do prezo da enerxía. Velaquí o truco. As empresas produtoras, evidentemente, non producen todas a enerxía ao mesmo prezo. É obvio que non custa o mesmo producir un Kw nunha térmica, nunha nuclear, ou mediante gas. Non custa o mesmo producir con enerxía eólica que con solar. Pero toda esa enerxía, custe o que custe no seu proceso de produción, chega á poxa que se monta (o que denominan finamente pool), e finalmente, o prezo definitivo  que se define para as distribuidoras é o da enerxía máis cara. Independentemente dos seus custes de produción. Tendo en conta, ademais, que a primeira enerxía que entra nesa poxa é a hidroeléctrica e a nuclear e que se teñen que ofertar a prezos baixos ou incluso a prezo cero porque, por exemplo, parar unha nuclear resultaría moi caro. Polo tanto, as empresas, aínda que produzan máis barato, -en función da orixe da enerxía-,  venden toda a electricidade ao prezo medio final. E se o custe que se imputa finalmente, sen ser o real, é superior ao de produción, a empresa reclamará a diferenza como déficit. E de aí, os seus enormes beneficios e de aí o invento do famoso déficit.

E toda ese carrusel funciona diante de nós sen que nos demos conta, porque as eléctricas levan moitos anos repetindo  que soportan un déficit tarifario e que perden cartos porque os usuarios, segundo elas, non pagamos o prezo real do que costa a enerxía nos nosos fogares, cando a realidade é outra ben diferente.

Por certo que a esta mentira das eléctricas e dos sucesivos gobernos hai que sumarlle os miles de millóns de euros públicos que se lles regalaron antes da suposta "liberalización" do mercado, o que lles permitiu aumentar exponencialmente  uns fondos que nunca repercutiron nos cidadáns.

Cando leo, vexo ou escoito nos medios de comunicación que as eléctricas perden cartos sempre me poño a pensar como é posíbel que sexa así se non paran de mercar empresas, ou como se explica que despois todo o mundo se pelexe polo reparto da produción de enerxía eólica. Se realmente perdesen tantos cartos como din, que máis lles tería un ou outro decreto eólico? Se realmente non fose rendible economicamente a produción de enerxía eléctrica, por que PSOE e PP se afanaron tanto en botar por terra o decreto eólico elaborado polo BNG na pasada lexislatura?

Eu non son moi dada a mirar a flutuación en bolsa das empresas, pero desde logo as produtoras, comercializadoras e subministradoras de enerxía non son das que perden cartos, -todo o contrario-, e desde logo eses cartos saen dos recibos da luz que pagamos os cidadáns e as empresas.

Os sucesivos gobernos estatais mimaron sempre ás eléctricas, que son as grandes beneficiadas da gorentosa torta enerxética. As súas mentiras convértense en verdades absolutas, cando en realidade se están enriquecendo á nosa conta. Porque Galiza ben poucos beneficios obtén da enerxía, malia producirmos un 11,9% do total estatal e só consumirmos un 7,5%. Aínda que somos grandes produtores e "exportadores" de enerxía e de padecer os efectos ambientais negativos desa produción, esa suposta vantaxe non ten ningún efecto sobre o noso recibo da luz. Madrid só produce o 0,15 da enerxía de todo o estado e consume un 11,4%, e os madrileños pagan o mesmo ca nos pola enerxía. E aínda por riba nós recibimos un servizo moito máis deficiente. Nunca se oe falar de que en Madrid no inverno marche a luz, mentres que en Galiza, e concretamente na provincia de Lugo este vén sendo o pan de cada día. Pero seica é debido ás "adversas condicións meteorolóxicas e territoriais" do noso país. E é que aquí chove moito, neva, fai vento,... e pretendemos, -que ilusos!-,  ter os mesmos servizos que en Madrid, onde polo visto nin chove, nin neva, nin fai vento, nin hai montes nin montañas!

O país, a nosa paisaxe seica é a culpable, e cando nos Ancares quedan sen luz no inverno, non é porque as empresas non gasten un euro na mellora das liñas, non. É por culpa de montes e carballeiras, que "dificultan e impiden" a distribución. Na meseta, polo visto, sempre teñen os postes e o cable en perfectas condicións, e o mato e arborado que os rodea convenientemente podado.

As eléctricas reclaman que se lles pague polo custo real de produción da enerxía. As multinacionais pelexando pola equidade das relacións económicas. Pois iso mesmo é o que vimos reclamando os galegos e galegas para os nosos gandeiros e gandeiras, para a nosa produción de leite e de carne, que lles paguen o custe real.

A suba do recibo da luz é un paso máis no avance desa espiral na que nos meteron, na que o deus mercado, -da man do PP e do PSOE/do PSOE e do PP-, é o que pon as regras e aos cidadáns só nos queda rebelarnos ou cumprilas. Como non sexamos quen de erguer a cabeza e de lle facer fronte a esta situación, as cousas van ir a peor. Por iso, este mércores temos que parar, temos que ir á folga e saír á rúa a defender os nosos dereitos, porque agora mesmo todos eles, incluso os máis básicos e fundamentais, están en perigo.


[28-09-2010 01:49] txema comentou:

Parabéns polo artigo , canta verdade hai compañeira , e agora témolo peto furado , habemos de voltar ós tempos pasados, pero o lamentábel de todo ísto é, que agora cando nas facturas hai.... "erros" , dinche, ¿ a, el tema de facturas ?, llame a este número de Madrí " , en fin , << venderon a vaca, e o leite tamén >> , por suposto , a Madrí

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña