14:48 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-02-2010

Nunca chove a gusto de todas e todos cando se reforma unha normativa oficial

Recensións e confesións dun corrector

Valorar (37)

ROBERT NEAL BAXTER



Xa van algúns aniños -dez polo menos, pois lembro de estar (metaforicamente) cun feixe de probas do Terra e Tempo nunha man e a miña filla recén nacida noutra- desde que fiquei encargado da corrección lingüística do Terra e Tempo. Foi unha decisión acho que moi acertada por parte da redacción comprometerse de xeito explícito coa calidade da lingua como mostra do respecto e do cariño que se lle debe a calquera cousa que se aprecie. E así comezou timidamente a corrección, con erros dos máis flagrantes: faltas de ortografía, españolismos, hiperenxebrismos, colocación do pronome, tempos compostos...  

Cabe lembrar que eran ben diferentes aqueles tempos, ao conviviren na mesma revista artigos en varias normativas, desde a do ILG-RAG até a da AGAL, pasando pola daquela maioritaria: a denominada de 'mínimos'. Tampouco existían correctores ortográficos automáticos fiábeis, polo que todo se tiña que facer á man, co que iso implica en canto a poder deixar escapar algunha que outra gralla. 

Mais viña armado dunha ferramenta pola que aínda devezo e que sempre estivo ao meu carón naqueles días, a Nova gramática para a aprendizaxe da língua (Vía Láctea, 1988), que, para alén de simples indicacións puramente gramaticais, tamén inclúe algúns elementos de estilística orientados cara a un pragmatismo que procuraba harmonizar o pragmatismo ortográfico cunha estilística que achegase o galego culto ao tronco galego-portugués común. E así foi que, pouco a pouco, se empezou a velar por outros aspectos máis propios da estilística -a comezar pola puntuación- parar tornar os artigos máis comprensíbeis e tamén para depurar a lingua, achegándoa, sen renunciar á súa xenuína galeguidade, ao padrón culto común. 

Por fin chegou -non sen dificultades- a reforma das Normas 'oficiais' do 2003. Mais nunca chove a gusto de todas e todos, e sempre que se trate dun acordo baseado no consenso de varias partes con posturas diferentes ha de existir unha certa tensión, como neste caso entre quen avoga por un maior achegamento aos modelos comúns co español e aqueles que, pola contra, prefiren dar preferencia as alternativas -xenuinamente galegas- dentro da mesma normativa que se achegan máis ao modelo do galego-portugués común. 

Así, os 'mínimos' non só non deixaron de existir, senón que seguen a estar tan vixentes (ou máis) que nunca, non como unha simple normativa ortográfica e morfolóxica, senón como unha verdadeira filosofía reintegracionista de concordia. E nesta dirección oriéntase -máis ben, segue a se orientar- o meu labor de corrección lingüística: dignificar a lingua mediante a recuperación e revitalización de formas xenuinamente galegas, como son o uso normalizado do infinitivo flexionado e o futuro do subxuntivo, para se tornaren cada vez máis familiares e habituais para quen lea a revista. E nesta liña síntome avalado, para alén de máis, polas suxestións lingüísticas contidas nas teses da Unión do Povo Galego que, se ben hai tempo que esta revista deixou de ser a publicación da UPG, seguen a ser atinadas. Lonxe de se tratar de teimas persoais, este proceder inspirado no estilo culto de grandes filólogas/os e ensaístas como son María Pilar García Negro (Sempre en galego, Direitos lingüísticos e control político, De fala a lingua: un proceso inacabado, Sobre o racismo lingüístico), Xosé Manuel Sánchez Rei (Sobre o racismo) e Goretti Sanmartín Rei (Nos camiños do entusiasmo, Sobre o racismo), etc., conta igualmente co apoio  da propia redacción. Iso non implica prescindir dos trazos estilísticos propios de cada quen, mais si unha certa coherencia interna. 

Esta filosofía xa viña articulada en varios artigos escritos por Freixeiro Mato n'A Nosa Terra (números 1103, 1107 e 1111-1113, 2003-2004), así como no capítulo Sobre a norma escrita do galego do seu altamente recomendábel Lingua, nación e identidade (Laiovento, 2006). Mais aínda faltaba un auténtico manual de estilo de fácil acceso, feito con rigor filolóxico para calquera que quixer coidar o seu galego - labor primordial, entendo eu, dunha práctica galeguista, mostra dun compromiso real de amor pola lingua- até a publicación, tamén da pluma de Freixeiro Mato (autor de varios e valiosos tratados gramaticais e filolóxicos variados, sempre desde este mesmo amor e compromiso coa lingua: Lingua galega: Normalidade e conflito; Historia da lingua galega, xunto con Anxo Gómez Sánchez; a completísima Gramática da Lingua Galega (4 tomo) e o sintético Manual de gramática galega) do libro Lingua de calidade (Xerais, 2009), lectura obrigada para calquera que diga amar a lingua galega o suficiente como para mimala non só en termos de cantidade (frecuencia de uso), senón tamén de calidade: un primor, marca de respecto e cariño, que se fai cada vez máis urxente fronte ao 'galego' vergoñentamente castrapizado co que nos ceban a TVG e a Radio Galega. 

A modo de decálogo inspirado n'O decálogo que a lingua galega precisa de María Pilar García Negro (ed. Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas) e para este servir de guía de estilo do Terra e Tempo (tanto da súa versión impresa como da dixital), facemos fincapé nos os seguintes puntos salientados neste libro, por se tratar daqueles aspectos de maior diverxencia entre o modelo do español dominante e o do padrón culto común, evitando así que o risco de o galego se tornar cada vez máis unha especie de 'español regional':   

-o uso normalizado do infinitivo flexionado
-o uso normalizado do futuro do subxuntivo
-a substitución do marcador discursivo españolizante 'pero' pola forma galega culta 'mais';
-a supresión da preposición 'a' diante dun complemento directo (p.e. 'Os pais protexen aos fillos');
-a colocación dos clíticos (p.e. 'a necesidade de o facer' en vez de 'a necesidade de facelo');
-a utilización da perífrase verbal 'estar a facer algo' en vez de 'estar facendo',

aos que sumamos:

-a supresión do uso abusivo do 'lle' pleonástico (p.e. 'Deulle o diñeiro ao Xoán')
-o uso preferente do sufixo '-bel' (fronte a '-ble') e 'ao' (fronte a 'ó')
-a eliminación da segunda forma do artigo ('defender a lingua' no canto de 'defende-la lingua', 'todos os' e 'ambas as' no canto de 'tódolos' e 'ámbalas', etc.)
 -unha fraseoloxía xenuinamente galega no canto de calcar sobre o español

En definitiva, outra vez da man de Freixeiro Mato, un libro esmerado para esmerar a lingua, lectura obrigatoria para quen quixer dicir con orgullo: "Eu quero galego!".



1 2 seguinte

[01-03-2010 ] Silverio Cerradelo comentou:

Partillo plenamente os eloxios do profesor Neal Baxter sobre o libro "Lingua de Calidade" do tamén profesor Freixeiro Mato. Eu aínda subliñaría que a obra contén, explícita e implicitamente, unha importantísima reflexión sobre a importancia da calidade da nosa lingua no proceso da súa recuperación e dignificación (ou na loita contra a substitución e asimilación lingüísticas).

[01-03-2010 ] Silverio Cerradelo comentou:

... valiosísima reflexión sobre a importancia ...

[01-03-2010 ] Robert Neal Baxter comentou:

Ante todo, quixera deixar constancia da miña perplexidade xeral perante a necesidade que ao perecer senten algunhas persoas de esconderen as súas identidades e os seus comentarios inflamatorios detrás dun pseudónimo.
Mais, sexa como for, acho oportuno corrixir un evidentes malentendidos surxidos á raíz deste meu artigo.
En primeiro lugar, cumpre dicir que a imaxe escollida para acompañar o texto se debe á redación da revista dixital e non ao seu autor.
En segundo lugar, cabe recalcar que en ningún momento, creo (abonadaría cunha relectura coidadosa) que o artigo fale dunha calquera 'vitoria', nin dos mínimos nin doutra opción ortográfica. E pregúntome: Vitorio sobre que? Pois, a única vitoria que a min me interesa é a do galego sobre o predominio do español...
En terceiro lugar, o tema do artigo non é a cuestión da norma ortográfica en si, mais as posibilidades que oferece a agora maioritaria normativa de consenso para a conservación e revitalización de trazos xenuinamnete galegos fronte aos modelos e padróns estilísticos propios do español.
Sigo a pensar que é moito mellor escribir un galego correcto con eñe (por outra parte, non é esta unha cuestión que atinxe o galego oral que describo como 'vegoñamentemente castrapizado' da TVG/Radio Galega...) do que escribir 'castrapo reintegrado', Noutras palabras, non é por se escribir con eñe que un galego esmerado deixará de ser galego, nin tampouco por se escribir con nh que un galego españolizado se tornará galego... (e por se alguén dubidar, non hai máis do que botar unha olladela a certos comentarios en Vieiros para atopar illimitados exemplos de castrapo reintgrado).

[28-02-2010 ] Carlos Garrido comentou:

Cordiais parabéns ao Prof. Neal Baxter polo trabalho comprometido e rigoroso que, em prol da língua galega, desenvolve tanto na sua qualidade de docente da Universidade de Vigo, como enquanto revisor lingüístico do 'Terra e Tempo'.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña