02:15 Martes, 20 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-09-2010

A cabalo de dúas culturas non asenta nada: biculturalismo, diglosia, anomia, crise de identidade...

Identidades Asasinas

Valorar (10)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Velaí un título con sete estralos, usado para un ensaio (1999) polo "Premio Príncipe de Asturias 2010" , o cosmopolita libanés afincado en París, Amin Maalouf.  Escritor co estigma vital e cultural  dos camiños do exilio, marcado con feridas, que non unicamente cicatrizan con palabras de bonhomía paternalista. Formado na Universidade de Beirut en economía e socioloxía, ciencias imprescindibles para entender a sociedade. Preocupado por vencellar culturas con diferentes tensións, a dos colonizadores e a dos colonizados. Autor de varios libros de éxito "As Cruzadas vistas polos árabes", "León Africano" "Samarkanda", "Os Xardín de Luz"..., entre eles  "A deleiba do Mundo", traducida ó galego e editada por Galaxia (2009). Buscador de rumbos diferentes e posibles, de remedios para envasar, etiquetar e distribuír dende a metrópole centralista. Funámbulo sobre o  ben e o mal, valéndose da pértega da  tan trallada tolerancia (de quén con quén?) . Reivindicador de todas as identidades que el di debuxan a súa, aínda  que guiado  polas sutís bridas do que o engule e globaliza nun xeito de produto do mercadeo  "ó que semella arrastrar a aventura humana". Dise procurador dun "mundo onde se respecte cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera poda expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no aldraxe, sexa por parte das autoridades..".  Boas intencións, bo discurso, argumentos usados por moitos "ciztzen of the world" ou pasotas que coidan que todo ven dado ou predeterminado polas fadas do destino, os que consenten e participan co cinismo dos desmáns do neoimperialismo, tratando de inverter as cuestións, de confundir ás vítimas cos verdugos. Que idioma se impón  "democraticamente"? a quen se mantén na ignorancia, alienado, en estado de subhumanidade, entregándolle para pensar palabras que non lle pertencen?,  a quén se petrifica ou se mete en formol academicista  de cabodano ou  peza de museo ? e como se fai a través dos medios imperantes? Apropiarse da vida social é apropiarse dos medios de expresala ou ao revés: "La lengua  es compañera del imperio" preconizaba Nebrija nos tempo de Isabel e Fernando e da "doma e castra de Galiza"...

A cuestión é seguir marcando o territorio  comercial da Nova Europa, a que tanto  preocupou a romanos, como a bárbaros e fascistas... "deixar atrás o tempo das tribos, das guerras santas, das identidades asasinas, de  construír algo en común..."a quen se lle aplica iso, a nacionalistas ou a imperialistas que abusan dos santos e os fan matamouros? Seguro que ós que din que "viaxando cúranse os nacionalismos"...pois que viaxen e sintan as diferenzas que marcan nacións e coñezan ós que respectan e ós quen impoñen e someten, aos que emigran e aprenden os idiomas e asimilan as culturas. Di Maalouf  que compre  "identificarse co país no que se vive e co mundo actual",  isto é co patrimonio da desmemoria, esquecéndose da procedencia, de Ithaca, e da arroiada política que o arrastrou para identificarse co mercadeo global.  "Deberíase animar a todo ser humano a que asumira a súa diversidade, a que entendera a súa identidade como suma de diversas pertenzas en vez de confundila con unha soia, erixida en permanencia suprema e elemento de exclusión, a veces en instrumento de guerra". O que supón asumir a suma de marxinacións, negacións, desterros,  escravización por parte deses "uns" para a marxinalización i explotación dos "outros". Colocar as orelleiras, acomodarse e a vivir. Destérrase o humanismo, iso que choca contra a deshumanización comercial e global, o que por exemplo predicou  Castelao e o nacionalismo galego. Iso que se reflicte no idioma e na cultura, onde se debuxa ou desdebuxa a identidade, a distinción o aporte á universalidade. Mesmo se o radiografamos atoparemos diferentes procedencias, proba dese mestizaxe ou promiscuidade á que está sometida toda cultura viva. O idioma vai asociado co traballo, coa necesidade da comunicación... e velaí a Historia particular e común. A universalidade, o universo,  "o Universal", é algo máis que o rótulo dun café modernista: a Universidade  está feita de diversidades.

O colonizado recoñecese na imaxe do país que o acolle e lle entrega  unha falsa identidade que remata desterrando á verdadeira por unha nova fachada que reviste problemas, a implicación no proceso anómico cos conseguintes efectos, crise, complexos, medos, esperpentos, feísmos, etc..  Escribe Maalouf: "... en todas partes deixase sentir a necesidade dunha reflexión serena e global sobre a mellor maneira de domesticar á besta da identidade " . Qué identidade? á conformada pola nación, ou polo sedutor imperio ?.   A identidade, uns  principios lóxicos que nos circunscriben a unha tempo, a unha terra, a un grupo cun idioma, a unha historia e cultura... a unha cor de pel, a un mundo, a unha constelación... Logo por medio acontece o peor, os fanatismos asasinos: o encerellamento entre o "opio" das relixións e súas guerras en nome de deus... santóns e fanatismos asasinos...

Sempre hai tensións, e velaí a cuestión, unha arroiada que arrastra ós máis débiles, en ocasións para usalos a súa imaxe e semellanza. Velaí as relixións, as tendencias que se fan identidades e imprimen ao individuo, ao seu grupo, á tribo, ao principio primitivo dun neoimperialismo, coas conseguintes doses de neoescravismos, de utilización do seres humanos en beneficio particular. Volven os exércitos romanos e matan con fermosos pretextos, en nome da  liberdade, independencia, xustiza, democracia. Lembro a  retranca de Castelao referida á doutrina do franquismo en nome de deus, da patria e do rei : "fixéchela unha, fixéchela grande, fixéchela...boa"

A asimilación ten un prezo que non compensa. A cabalo de dúas culturas non asenta nada: biculturalismo, diglosia, anomia, crise de identidade....O colonizado tenta confundirse cos colonizadores, despégase do seu grupo e pégase a outro que sempre o refugará, mirará ós seus con ollos de fiscal..A solución individual desaparece co individuo, a cuestión colectiva pervive, soamente a situación pode mudar se mudan as relacións....Son algunhas reflexións  nas que xa na metade do século XX afondou  Albert Memmi. Creemos na forza da palabra,   na poesía  como "arma cargada de futuro", na conciencia, na constancia, na creatividade

Confundimos a democracia cos mecanismos e non cos valores éticos. Sufraxio universal para elixir representantes baseado nas campañas de teimuda propaganda, cada día máis americanizada. A lei da maioría non sempre é sinónimo de liberdade, igualdade  e democracia. A verdadeira democracia é a que facilita a comprensión do estado da cuestión dos grupos oprimidos, a desigualdade nos medios de acción, expresión, etc... As eleccións poden expresar a visión que a sociedade ten de si, pero non son o remedio para tensións sempre cambiantes. Os problemas "continentais" sempre atopan algún remedio global, pola contra as cuestións nacionais, fanse merecedoras de tratamentos específicos que elas mesmas deben determinar, tamén se  agravan  pola presión.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña