21:09 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-02-2010

Sereas é o espectáculo poético–musical no que as mulleres somos protagonistas, todas e cada unha de nós, as que estamos e as que non

Sereas

Valorar (18)

SONIA LEBEDYNSKI DIÉGUEZ


Serea


As cantoras levamos connosco a forza da palabra, esa que tomamos prestada de tantas que nos precederon; voces anegadas, silenciadas no tempo que permanecen na memoria colectiva de todas nós.

Mulleres doutra hora que berraron incesantemente e foron construíndo espazos de resistencia, espazos cheos de significado que contrastaban co silencio imperante na sociedade, son hoxe as que nos inspiran e nos alentan nesta viaxe de ida e volta.

Olimpia de Gouges, Mary Wollstoneecraft, Simone de Beauvoir, Kate Millet...son tantas as mulleres sol! Sexamos impertinentes, cuestionemos a orde mundial que estableceron para nós sen contar coa nosa voz. Sexamos libres e donas do noso destino.

Existe un gran desequilibrio entre o feminino e o masculino e temos que ser nós as que cuestionemos e modifiquemos os clixés establecidos. A loita de tantas mulleres que non quixeron conformarse segue en pé,  e é que as mulleres somos emprendedoras. Fomos conquistando dereitos e alzando cada vez máis a nosa voz co noso esforzo e coa fe de crer naquilo que ansiamos.

Fai moito tempo que iniciamos este eterno navegar a contravento. Como as sereas subsisten nas augas dos mares e percorren océanos atravesando correntes, e outros fenómenos adversos, debemos camiñar, navegar sobre a nosa propia ruta, e cortando o mar ao noso xeito deixando atrás toda corrente ou tempestade, pero sen esquencer o xa navegado, o pasado, e sobre todo aprendendo del. Non somos pailebotes á deriva, sabemos abrir as velas, coller os remos e vogar. A nosa agulla tamén sinala ao norte, a nosa rosa dos ventos tamén ten catro puntos cardinais, só hai que asir o temón e navegar, e non esperar a ser remolcadas por ningún vapor con casco de ferro. A que esperamos para desatar cabos e comezar a nosa viaxe?Sereas é unha homenaxe á Muller Traballadora a través das voces de sete artistas mariñas, sete artistas galegas.

Sereas é o espectáculo poético - musical no que as mulleres somos protagonistas,  todas e cada unha de nós, as que estamos e as que non. Sete mulleres peixe que, a través dos nosos cantos mariños fabricamos un universo sonoro en clave feminina.

Uxía, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Ugía Pedreira, Guadi Galego, Silvia Penide e Sonia Lebedynski. Sete Sereas, Sete Ondas, Sete Mares que iniciamos no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o día sete de marzo ás sete da tarde.

As que navegamos polos mares das artes somos quen de continuar coa estela emprendida por tantas mulleres sabias, agradecidas sempre polo seu bo facer e mellor pensar. Mulleres valentes que sen dubidalo un día quixeron seguir a súa propia ruta, mulleres que quixeron interpretar as cartas mariñas doutro xeito, mulleres que foron trazando novos rumbos porque crían no seu saber. 

Quédannos aínda moitas millas que marear, a nosa flota aínda non é todo o forte que debera, pero podemos chegar máis lonxe. Podemos e debemos, porque no seu día os barcos Olimpia, o Mary, o Kate ou o Simone foron botados ao mar bautizados con botellas de vinagre e na máis escura das noites.


[27-02-2010 ] Sonia comentou:

Grazas M.Xosé por tantos aloumiños! As mulleres non somos unha que somos todas. Viaxamos xuntas! :)

[26-02-2010 ] M.Xosé comentou:

Xenial artigo e xenial escritora-poeta-cantora, parabéns terra e tempo por este novo traballo, e por rodearvos de tan boas colaboracións como a presente. Sorte nesta nova andadura. Sonia, puxéchesme a pel de galiña co teu artigo, como muller síntome moi honrada de que xente coma tí nos representedes e sexades os buques da muller galega. Moitas grazas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña