06:31 Sabado, 23 de Febreiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-09-2010

É imprescindíbel unha política de prezos axeitada que prime o aforro e satisfaga tanto os custos directos como os ambientais

Lei de augas de Galicia e Plan Hidrolóxico (II)

Valorar (6)

MANUEL SOTO CASTIÑEIRA



A normativa do hábitat galego estipulaba a depuración das augas grises e a súa reutilización nas vivendas. Esta medida, xa anulada, mostra un potencial para a redución do 40% do consumo doméstico de auga. Outro enfoque para racionalizar as demandas e incentivar os mecanismos aforradores (como a reutilización de augas grises depuradas, por exemplo) é o de recorrer a unha política de prezos axeitada. Porén, estamos lonxe de camiñar por ese vieiro.

REZAR PARA QUE CHOVA OU ABRIR A BILLA

Temos unha imaxe deformada do país por moitos dos tópicos que desde outras latitudes se foron conformando sobre a chamada Galiza sempre verde. Cando me introducín no estudo de cuestións relacionadas coa auga e os recursos hídricos neste país, chamoume a atención comprobar como a escaseza de auga nos veráns foi unha das cuestións que máis preocuparon ás xentes deste país. É sabido que na cultura tradicional son moi comúns e numerosas as rogativas para facer chover, unha verdadeira necesidade para garantir as producións agrícolas e o sustento das poboacións rurais.

Hoxe consumimos moita máis auga, posiblemente varias ordes de magnitude máis, situándonos nunha media próxima aos 150 litros por persoa e día, só en usos domésticos. Os consumos urbanos globais, en unidades percapita sobre a poboación son aínda moi superiores, pois ao consumo doméstico súmanse os servizos públicos e os comercios e outras actividades privadas.

Mais hoxe en día non rezamos para conseguir toda esta auga:  ducia e media de grandes encoros almacenan e abastecen de auga ás principais áreas urbanas do país, e os plans hidrolóxicos aínda vixentes apuntaban a necesidade de construír máis dunha trintena de novos encoros para garantir o abastecemento. Prevían, así, duplicar as taxas de consumo para achegarse aos 400 ou 450 litros por persoa e día.

CANTA AUGA: 50, 100, 500, 1000 LITROS CADA DÍA?

Ninguén se para a pensar que ten que facer para consumir un día si e outro tamén 200 ou 300 litros de auga. Escoitamos que a biodiversidade cae en picado, que os ríos están esquilmados, que as augas residuais aumentan continuadamente de volume, que incumprimos todos os prazos  de depuración que nos impoñamos, que o cambio climático minguará até nun 50% os recursos dispoñíbeis no verán... mais nada dixo semella ter algo que ver co que facemos a diario cando abrimos a billa.

É certo, os encoros hidroeléctricos son o principal impacto nalgúns dos nosos ríos; mais estudosos independentes apuntan tamén a importancia das detraccións para outros usos, e o desbaldimento do recurso que ten lugar nas actividades cotidiáns no fogar, nas empresas ou na rega dos xardíns públicos. E apuntan que só sendo conscientes da nosa responsabilidade máis directa podemos estar en condicións de tirar do fío e exixir responsabilidades noutros elos da cadea de produción e consumo.

A Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos, do ano 2004,  dicía que "As dotacións de referencia serán aquelas que garantan a satisfacción das necesidades básicas das persoas", e apuntaba unha cantidade máxima para iso: 150 litros por persoa e día. Este sería un obxectivo que se compón dun consumo razoábel non superior aos 100 litros por persoa e día nos fogares e unha cantidade adicional para os restantes usos urbanos. No caso galego aínda non alcanzamos un consumo medio moi elevado, inferior a media por exemplo do Estado español. Este dato debería servirnos para percibir como posíbel o camiño da racionalidade e a prevención ambiental, e non para reclamar man libre para un maior consumo, claramente insostíbel.

Desde outra óptica, ese consumo medio duns 150 litros por persoa e día componse dunha parte importante da poboación que consome bastante menos, incluso por debaixo dos 100 litros, mentres se dispara o gasto doutra parte da sociedade, de até os 400 e 500 litros en moitas áreas periurbanas de nova residencia, por exemplo. A rega de xardíns e as piscinas son responsábeis en boa medida desta disparidade, xunto con hábitos máis cotidiáns e falta de interese no aforro. Mais, son estas necesidades básicas das persoas?. Achamos que non.

TARIFICACIÓN PROGRESIVA

O uso e consumo de auga é altamente flexíbel ante aspectos tais como os hábitos, a sensibilización ambiental, ou as rendas económicas. Á falta de estudos por min coñecidos, arríscome a afirmar que non son as clases menos podentes as que están a facer uso dos maiores volumes de auga. Desta forma, un incremento dos prezos da auga, a través dunhas tarifas "progresivas" (efectivamente, hai varios significados para esta palabra, e aquí refírese a que os consumos por riba dun mínimo deben cobrarse a un prezo unitario maior), recorrendo mesmamente ao concepto de imposto ambiental, non ten porque significar un maior gasto para as economías máis débiles. Esas tarifas significarán un aliciente para a contención do consumo de auga, até niveis racionais, por unha parte da poboación, e unha penalización para os consumos irresponsábeis e suntuosos. Combinadas cunha axeitada información e educación ambiental, estas tarifas progresivas seríano tamén desde o punto de vista social ou puramente fiscal.

Os exemplos de taxas municipais que teñen adoptado este modelo son escasos, e a "progresión" é claramente insuficiente, como tamén o é da do texto na nova Lei de Augas. Mínimos tan altos como 20 m3 cada dous meses, como os que se aplican en Santiago de Compostela, non favorecen as prácticas e medidas de aforro. En realidade, estannos a dicir que quen non consuma por riba dos 110 litros diarios (fogar de 3 persoas) ou incluso 167 litros diarios (fogar de 2 persoas) vai pagar o mesmo. A situación galega é de verdadeiro atraso no que se chama a xestión da demanda, é dicir, na incorporación de mecanismos que eviten demandas desproporcionadas e inxustificadas, froito do consumo dun recurso subvencionado e do descontrol. A política de prezos é un deses mecanismos que non pode ser obviado.

Lamentablemente, a Lei proposta non vai resolver esta situación, por máis que incorpore timidamente unha tarificación progresiva. Como xa dixen, os prezos para os tramos altos de consumo son insuficientes, e a isto súmanse unha serie de exencións, nomeadamente a dos usos urbanos públicos. Como se pode xustificar que a rega excesiva de xardíns, contra toda lóxica cultural e ecolóxica, poida facerse recorrendo a unha especie de "interese xeral" e con exención de diversas taxas e impostos? Outros sectores xa non urbanos, mimados polas políticas e intereses do PP, son tamén obxecto de exencións ou de prezos irrisorios. Quen contamina paga? Xa nos gustaría. A situación está lonxe de acadar ese mínimo: quen máis contamina, paga menos.

CONTADORES NO RURAL

Pola contra, a Lei semella cebarse no rural. Considero acertado introducir mecanismos de medida e control do consumo no rural, e tamén taxas ou impostos que graven os consumos excesivos. Mais compre saber como facelo. As cifras teñen ou deberían ter significados distintos no rural que no urbano: non son realidades homologábeis. Mais a Lei di que quen regue unha pequena horta á beira da casa pagará un imposto pola auga, mentres a rega de hectáreas de xardíns na cidade, eliminando calquera signo de naturalidade, de estacionalidade, de diversidade, estará exento. É isto ecoloxía?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña