20:21 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-09-2010

O 24, 25 e 26 de setembro Riotorto acolle un encontro cultural organizado por máis de 40 colectivos sociais onde se dan a man a escrita, a musica, o cinema, os debates, a historia,o patrimonio e os obradoiros en preto de 50 actos

A festa da cultura

Valorar (22)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



O vindeiro 24, 25 e 26 de setembro o Concello de Riotorto vai acoller un encontro cultural organizado por máis de 40 colectivos sociais  da Mariña, do cordal de Meira  e da Terra Cha,  a Festa da Cultura, que ten como obxectivo ser un espello do traballo desenvolto polo movemento cultural de base así como divulgar entre a poboación da zona o traballo de creación nos diferentes ámbitos culturais.

As asociacións organizadoras, con estas xornadas, queren poñer en común as iniciativas que veñen  realizando de xeito individual, verificar que é posíbel e tamén necesario articular un espacio de referencia para unha cultura non mercantilizada e non dependente das axudas públicas, constatar as potencialidades de sumar sinerxias para ser máis eficaces sen desnaturalizarse e de que o movemento cultural galego tire nunha mesma dirección desde a súa diversidade, tanto na focaxe como nos ámbitos de traballo. A Festa da Cultura, vai ser logo, punto de encontro, deste arco da vella que hoxe conforma o movemento popular do norte galego, punto de encontro para a acción, para seguir a abrir novos camiños, para enfrontar os retos que ten por diante, para estar a altura das grandes potencialidades que se lle abren, en definitiva unha chamada a que a sociedade, o pobo galego,  xogue un papel preagónico fronte á cultura programada que opera como anestesia  convertendo ao cidadán en espectador. A mesma organización deste evento, con máis de 50 actividades organizadas sen ningún tipo de subsidio institucional, da pistas sobre a viveza do noso asociacionismo, indica que non hai lugar para a desesperanza mentres haxa vontade de actuar e amosa que cada día somos máis os colectivos que en  ausencia de políticas públicas que promovan e divulguen a cultura galega, na contra, combátena, fomentan o individualismo e a desintegración social é preciso reafirmar os tempos e  lugares comúns que nos son propios como galegos e galegas.

A diversidade das asociacións convocantes vai ter tamén a súa plasmación nas actividades a desenvolver nas que se mesturan desde a presentación de libros, a obradoiros de sexualidade, roteiros polo patrimonio, a historia e o medio natural, concertos, recitais poéticos, representación teatrais, proxeccións de curtas de creación e tamén de documentais,exposicións das asociacións ou de novos creadores, competicións de xogos tradicionais, animación de rúa, conferencias ou venta de libros e musica galega. E alí estarán os nosos músicos Xabier Díaz, Ugia Pedreira, Susana Seivane, Os tres Trebóns e Os Minhotos, homenaxeando a Mini e Mero, que son pasado, presente e futuro da canción galega, porque común teñen a patria e común a loita ambos. E as nosas poetas da Xeración dos 80, de Vigo á Coruña, Baixeras, Cáccamo, Forcadela, Fernán Vello, Xulio Varcarcel, Xavier Seoane, Cesáreo Sánchez e Luísa Castro, poesía que din culta, fora da torre de marfil, palabra en festa. E a Pilar Garcia Negro, sempre precisa, sempre brillante, con Rosalía, e a Marica Campo, poeta dunha peza, mellor galega, e o Padre Mato, bo cristián e bo galego, e o Afonso Blanco, traballador sen soldada da cultura, e Garcia Cendán, madeira de Pepe Chao, e o Marcos Maceira, soldado e xeneral de todas as loitas, e a Ugia Pedreira, agora na escrita. E debateremos sobre a galegofobia, que é o ADN español, con Xoán Carlos Garrido, da estirpe de Viqueira, con Emilio González, psiquiatra como Fanon ou Memni do home galego, e con Marí Carme Garcia Negro, economista que tanto nos ten dado para entendernos e que tanto nos vai a dar aínda. E alí tamén vai estar a Folga Xeral, o Manuel María, o Luís Iglesias que é un galego actor,  a loita feminista, o ecoloxismo, o internacionalismo,  e as xentes da Mariña, da Comarca de Meira e da Terra Cha, porque todo isto é Galiza.

A Festa da Cultura nace con vocación de permanencia, permanencia entendida como necesidade de superar certa tendencia á  atomización e ao localismo no movemento popular a fin de que  volva a xogar un  papel relevante no descubrimento, consolidación e afortalamento da nosa identidade  nacional. A Festa da Cultura non ten vontade de espello, tampouco de exemplo, simplemente é unha mostra que informa dos beneficios do traballo en conxunto e que debe levarnos a reflexionar sobre a urxencia de coordinar ao asociacionismo cultural a nivel nacional. A Festa da Cultura, ao fin e ao cabo, non é invento, tampouco copia, simplemente camiño que debemos transitar para revitalizar o movemento asociativo, dándolle folgos, canalizando iniciativas, rompendo o seu illamento e buscando novos espazos que nos permitan pasar á ofensiva.


[23-09-2010 17:11] Ceive comentou:

Moi boa iniciativa. Vémonos en Riotorto!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña