20:07 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-02-2010

Foron persoas como Leopoldo as que posibilitaron poñer a nosa nación no mapa

Grazas amigo Leopoldo!

Valorar (15)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ


Marcha contra a central nuclear de Xove (1979)


O día 20 de febreiro faleceu Leopoldo López Rego, militante nacionalista desde os anos setenta. Nese tempo chegara a Galiza, procedente de Euskadi e, despois dunha breve estancia na Coruña, estableceuse en Melide. Aínda en tempos da ditadura desenvolveu un importante traballo de carácter político, cultural e social; creou asociacións culturais, órganos de expresión escrita, desenolveu actividades formativas  -particularmente entre a mocidade-  e agrupou todo o que se movía na comarca en contra da ditadura. 

A súa marcada identificación co País levouno a participar xa desde os inicios na creación das organizacións nacionalistas, tanto políticas como sindicais, tendo un papel destacado nas Comisións Labregas, coas que ten realizado todo tipo de tarefas: desde a celebración das asembleas, a organización de mobilizacións, a distribución de información... até a atención xurídica aos afiliados, unha vez que se licenciou en dereito. 

O extraordinario desenvolvemento das Comisións Labregas nesta época, o seu poder mobilizador, o progresivo afianzamento orgánico, a súa capacidade para xerar a simpatía e adhesión doutros sectores sociais, non se corresponden cos escasísimos medios económicos, co baixo dinamismo mostrado até daquela polo sector nin coa inexistente estrutura sindical. Foi a entrega e a xenerosidade de persoas como Leopoldo que compensaron as difíceis condicións das que se partía: poñendo o seu diñeiro, tempo e medios ao servizo da causa colectiva; atendendo xuridicamente á  afiliación de xeito gratuito, afrontando a represión política e os ataques caciquís...Foi a corrección na análise política do que significaba en Galiza a clase labrega, o coñecemento das súas condicións e contradicións e a "vontade de combater" dun fato de persoas ben clarificadas e organizadas politicamente o que lle deu a este movemento un potencial enorme. 
Por outra parte, o nacionalismo galego non contaba co amparo da democracia cristiana ou a socialdemocracia europeas, nin tampouco co "ouro de Moscú". O deseño para o noso País era claro: o establecemento dun sistema de participación eleitoral referenciada arredor de dúas grandes organizacións que aglutinasen respectiviamente a dereita e a esquerda social. É dicir, Galiza sen capacidade de organización e estruturación específicas, Galiza como unha extensión de España. Foron persoas como Leopoldo as que posibilitaron poñer a nosa nación no mapa, con claridade política, mais tamén con moita entrega, espirito de sacrificio e compañeirismo. Moito compañeirismo. Grazas amigo!



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña