13:41 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-09-2010

Como non se concilie, a nosa identidade, coa procura do “benestar”, fraco favor faremos ao aumento de militantes, adherentes e votantes que todo o mundo desexa

Identidade e benestar

Valorar (43)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Unha versión vulgar da actividade e da xestión política pasa por diferenciar aspectos identitarios e problemas materiais. Estes son os que verdadeiramente preocuparían aos votantes e aqueles serían obxecto dunha reverencia ocasional e periódica, mais non constituirían o núcleo da política do día a día. Tal concepción -que tamén ten asento nas filas do nacionalismo galego actual- é herdeira da vella dicotomía corpo / alma, materia / espírito, que a ideoloxía burguesa actualizou no seu beneficio para que, entregada a masa á satisfacción das necesidades "materiais", reinase a monarquía absoluta do pensamento único e da moral única. "Ti preocúpate de comeres e de prosperares, que o que penses xa cho fabrico eu e xa cho expido convenientemente envolvido e, aínda, dando a impresión de que es ti quen o pensa e sente...": algo así sería a mensaxe tácita desta ideoloxía e do seu proceder.

O nacionalismo galego clásico (Xeración do 16, na terminoloxía de Ramón Vilar Ponte) esforzouse e esmerouse constantemente en romper esta escisión, aunando nos seus manifestos, na súa prosa política, nos seus discursos, na súa praxe..., lingua, economía e institucións proprias. O nacionalismo galego contemporáneo recolleu esta mesma simbiose e non incorreu no dualismo descrito até que un mal entendido pragmatismo se concretou sob a forma  -de novo, versión vulgar-  de que "xa está ben de falar de lingua, de símbolos e de historia; a xente o que quer é que lle resolvan os seus problemas: traballo, vivenda, sanidade, prestacións sociais...". Mais, para esta suposta resolución milagrosa da vida cotidiana, precísase un goberno, unhas políticas públicas, que a posibiliten; para que exista ese goberno, participado polo nacionalismo, precísanse votos en número suficiente; para isto, votantes, naturalmente; e, en fin, para que haxa votantes, son precisos cidadás e cidadáns en idade de exerceren o sufraxio  que o confíen ao nacionalismo e non a calquera das formacións políticas estatais. Non sendo que aquel se entregue a unha frenética venda dun produto político (en base a que?), no canto de defender e explicar un proxecto político, en nome de que a-o votante vai preferir unha opción como a nacionalista, que non arranca desde logo como cabalo gañador? O tan nomeado e perseguido voto está ligado inevitabelmente a unha conciencia de sermos galegos con dereitos xurídico-políticos non delegábeis e á noción, como mínimo, de que como galegos somos capaces de auto-organizarnos e organizar a nosa vida en común, conforme aos intereses maioritarios, por tanto, ao interese xeral das clases traballadoras e non dos capataces-intermediarios de intereses alleos.

Vaiamos coa realidade corrente da identidade. A empregada que me torce o xesto ao me escoitar falar por suposto que ten un problema de identidade: co meu galego estoulle a recordar o que ela quer esquecer a toda custa, isto é, quen é: filla dunha coruñesa de recente instalación e neta dunha vendedora de patacas de Coristanco. A posesión formal do idioma español actúa, alienada e ilusamente, como un aval de integración social "superior". Eu véñolle recordar quen ela é, quen son eu, quen somos todos, aceitémolo ou disimulémolo: galegos. Se non dou tendido unha ponte de distensión, de simpatía, de recoñecemento mutuo, se non dou feito un mínimo de pedagoxía identitaria, ¿como vou tentar conseguir unha adhesión ou un voto? ¿Mudando o comportamento lingüístico, falando en español, e adulando a súa alienación, para engordala aínda máis? ¿Convencéndoa de que poden conviver desprezo e ocultación do galego con voto BNG, porque somos máis guapos ou máis.................................(insira cada quen a cualidade encomiástica que quixer)?

É erro de vulto, coido, acreditar na separación duns e doutros aspectos. ¿Acaso a destrución de recursos naturais, o estrago de ríos e de rías, non teñen a ver cun nulo amor ao país e á terra en que se vive e con que tanto ten deixar aos nosos descendentes un habitat presentábel, porque o seu destino é emigraren? ¿Acaso o tan deostado "feísmo" non ten a ver (para alén, naturalmente, do imperio das inmobiliarias e grandes promotoras da construción, convenientemente protexidas polas administracións correspondentes) co descoñecemento da nosa historia e co desprezo polo "vello" como sinónimo de atrasado que a todos nos foi inoculado?

Aí lle doe, aí nos doe: na terríbel ferida histórica que se nos inflixiu e que nos converteu inclusive en axentes e en cúmplices directos da nosa despersonalización, da nosa desidentificación. Nun programa-tertulia da Radio Galega, dous intervinientes, canda min, no mesmo, Ánxel Vence e Jaime Pita, chegaron a interpretar así o problema lingüístico galego: para o primeiro, a xente, ao emigrar do campo ás cidades, demitiu do galego; para o segundo, a longa época de monolingüísmo galego desembocou na emigración, mesmamente por "pobres" lingüisticamente... Non puden por menos que concluír que unha e outra posición eran a proba do nove do que eu afirmara: a profundidade e intensidade dun dominio inclemente da lingua oficial do Estado e da erradicación correlativa da lingua propria da Galiza, proceso que chega a fabricar como algo "natural" a nosa racial inferioridade para manter o noso ou para poder viver na terra do noso traballo. De modo e maneira que, tal e como lles dixen, o galego,  a lingua galega sería como os zocos que se mudan por zapatos, a lama que se deixa de tripar ou a bosta que se deixa de ver, porque se cambian vacas por parafusos ou aparellos varios, ou ben un estorbo para poder emigrar e ser alguén. Vaia por Deus! Tres décadas andadas de autoanemia, millenta declaracións nominais de recoñecemento do galego, para, ao fin, reproduciren os máis vellos e prexuizosos esquemas ben coñecidos do auto-odio, versión tradicional ou versión "moderna" (o galego desaparece porque a povoación se urbaniza; o porqué da cidade non funcionar en galego... iso non se plantexa).

En fin, que na tan traída e levada identidade está a base de calquer ulterior mudanza no comportamento social, político e eleitoral. Os que negan a nosa ou a minusvaloran non teñen o menor problema en impoñeren a súa, en forma de retransmisións televisivas, bandeiras e entusiasmo pola SÚA identidade indiscutíbel. Como non se concilie, a nosa identidade, coa procura do "benestar", fraco favor faremos ao aumento de militantes, adherentes e votantes que todo o mundo desexa.


1 2 seguinte

[22-09-2010 22:49] DonGuandascalzaverdes comentou:

Oportuna reflexión a que fas, Pilar. Certamente non se pode separar unha cousa da outra, porque en riguroso análise, no noso País, as dúas van ligadas nunha secuencia de causa efecto: canta maior alienación e rexeitamento do que somos "esencialmente" como etno-colectivo, maior perda de poder popular e maior nivel de depredación política e económica do país; canta maior conciencia nacional, maior capacidade de autoorganización e de resistencia constructiva fronte ao poder transnacional "uniformizador". Ese proceso podemos velo noutras etno-realidades no primeiro e terceiro mundo. Cómpre pedagoxizar que incidir na recuperación da identidade -do identitario- polo camiño do pleno coñecemento e respecto do propio, do que somos, é a vía para recuperarmos a soberanía popular e o control pola clase traballadora dos recursos e o destino do noso povo-territorio.

Mais cómpre fecer algúns comentarios:

1) Sen querer dramatizar en exceso, dende o BNG sempre fomos exemplo da defensa da lingua e cultura do país. Mais en tempo próximos, houbo exemplos de minimización da importancia da lingua, mesmo entre representantes electos do BNG. O que sucedeu foi que se perdeu cara a fóra sinais identitarias e "constitutivas" do que somos como referente político e de transformación. E foi consentido. E foille consentido a persoas en cargos de responsabilidade de governo. Cando unha subdirectora xeral do BNG non sabe cantar o himno galego ún ponse a tremar. Non polo feito en si, senon porque é todo un síntomas do que está a pasar. Cando un DX do BNG falalle castelán aos seus fillos, algo fai augas. E iso pasou e está a pasar con algún compañeiros do BNG. Cando a ex-presidenta do Parlamento galego, sociata ela, presenta un himno galego cantado como "Cante Hondo" e só o diputado Bieito Lobeira é capaz de decatarse da gravidade do que alí sucede, e que ao resto do grupo parlamentar do BNG lles falla un fervor "de calidade" nacionalista. "And so on".

2) Discrepo contigo, admirada Pilar, no tocantes a que os estragos que se fan no pais (entorno natural polas explotacións mineiras do Courel, ou nas rías e litoral polas construccións e psicifactorías) teñan que ver ca falla de amor á terra e é Terra. Pilar... é consecuencia do furor do capitalismo salvaxe e dos seus cómplices corporativos que controlan ou/e manteñen o poder políticos. E eso pasa na Galiza, e no resto do mundo. Non podes aplicar unha categoría afectiva a esas conductas de especulación e explotación de recursos "rentables". Non colle. Son consecuencia da lóxica do capital nas rexión periféricas do sistema. Precisamente, aqueles ás que nós nos opoñemos dende que existimos como forza política. Mais, qué é o máis desesperanzador de todo esto? Pois que dirixentes do BNG señan príncipes, non xa do "feísmo" que ti citabas, mais do "horripilismo" que digo eu: se non coñeces, dache unha volta polo concello de Poio, governado dende hai moito polo BNG-4 e poderás entender o que che digo... Que está a pasar no BNG? Porque estamos a formar parte daquelos que combatemos.

Graczas pola túa reflexió n Pilar.

[22-09-2010 21:18] Constantino Regueira Paz comentou:

Moi esclarecedora, unha vez máis, Pilar G.N. Súmome tamén ós moitos parabéns que de seguro merece a rotunda reflexión que fai en voz alta. Si, eu tamén concordo de cheo na idea de "facer chegar", "compartir", "espallar" e convidar continuamente a con-vivir experiencias vitais de identidade mergulladas nas propias coordenadas socioeconómicas que condicionan a vida diaria dos nosos cidadáns. A pregunta do millón coido que é
¿ Como seremos quen de abrir esas "portas" ? Para min iso é o atranco maior, debido a dúas razóns :
- O proceso polo que se instalou no subconsciente colectivo este brutal autoodio foi moi retroalimentado por actitudes do poder, unhas veces impositivas e outras con paternalismos populistas noxentos.
- Unha das consecuencias máis perversas deste proceso foi a incapacidade das víctimas para escoitar e recoñecer realidades que non sexan as que provocaron a súa autodestrución como cidadáns identificados co seu país.
Este para mín é o inimigo a vencer. ¿ Como...?.
Por un país de galegos e galegas en progreso desde as súas identidades, Apertas.

[21-09-2010 18:32] ClaraQ comentou:

Moitos parabéns á autora do artigo. Algúns aínda seguen ancorados no dualismo antropolóxico de Platón. A restitución de todo aquilo que nos foi furtado, o auto-recoñecemento, a recuperación da autoestima colectiva é condictio sine qua non para podermos avanzar cara á prosperidade.
A cuestión aquí é o método a seguir; o como convencer. Crear conciencia social e acertar na maneira de nos comunicar e inter-relacionar coa nosa sociedade. Ben se ve que as subas electorais do BNG non foron quen de criar conciencia nacionalista. Isto, ademais de preocuparnos debería obrigarnos a repensar as nosas actuacións. A ocuparnos denodadamente, sabedores de que non existen fórmulas máxicas e que é un proceso longo e difícil.
Unha aperta

[21-09-2010 14:30] Xan comentou:

Con todos os respectos e recoñecimento para todas as colaboracións, que son moitas e moi meritorias, gostariame que o Terra tivera mais artigos deste nível.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña