16:56 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-09-2010

Aspectos dunha crise

Os tres k da emigración brasileira no Xapón

Valorar (13)

XURXO MARTIZ CRESPO



O Brasil é o segundo país do mundo en número de descendentes de xaponeses, precedido por Estados Unidos e seguido polo Perú. Son milleiros os descendentes de xaponeses brasileiros que, a partir da década dos 80, decidiron emigrar[1] ao Xapón de xeito temporal coa idea de facer diñeiro e voltar ao Brasil. A maior parte deles, concentrados na vila de Hamamatsu, na provincia de Shizuoka, son coñecidos no Xapón coma dekasseguis[2].

O brasileiros chegados ao Xapón, máis de 310.000[3], dedícanse principalmete a traballos que non queren realizar os xaponeses, que son coñecidos coma os 3K

-Kitani
(suxo)

-Kokem
(perigoso)

-Kitsui
(penoso)

Desde a década dos 90, a inmigración brasileira no Xapón pasou a ser de inmigrantes de longa duración (pois non voltaban) debido ás negativas circunstancias económicas do Brasil dos 90 e a incerteza político-económica dos gobernos brasileiros da época da hiper-inflación.


Situación dos traballadores brasileiros nun cenário de crise no Xapón


A case totalidade dos brasileiros no Xapón traballa con contratos temporais, coa circunstancia agravante de que moitos deles nunca mudaron de emprego. Esta situación impide a súa afiliación a un sindicato segundo as leis xaponesas. A crise económica e a vaga de despedimentos trouxo a vida na rúa a moitos destes traballadores.


Moitos destes desempregados acudiron ás axencias públicas de emprego, como en Hamamatsu, rexión que ten máis de 23 mil traballadores latinoamericanos. En  xuño de 2010, a media foi de 95  brasileiros diarios na oficina de atendemento. O exceso de man de obra fixo que os patróns fosen máis selectivos; así, exixen o coñecemento do xaponés e unha idade máxima de 45 anos, pero o exceso de man de obra desocupada tamén trouxo unha rebaixa nos salarios/hora dos traballadores brasileiros, que de 11 euros á hora pasaron a gañar 6,30 euros na hostalaría. 

O goberno brasileiro comezou unha campaña mundial para "recoller" os seus cidadáns no mundo para que volten ao Brasil en caso de necesidade. Un dos paradoxos é que o próprio Xapón xa hai anos que financia a volta dos brasileiros e peruanos nikei (descendentes de xaponeses nados no estranxeiro) cuns 4.500 euros, esta axuda para a volta non é aplicábel aos inmigrantes estranxeiros non nikei.

O goberno brasileiro calcula en máis de 70.000 o número de mulleres brasileiras que se dedica á prostitución en todo o mundo e son centos os brasileiros sen teito que deambulan por Xapón.

Aínda así, desde a emigración critican estas campañas do Goberno brasileiro que consideran fume, pois os requisitos para ser repatriado son tantos que non deixan lugar a dúbidas: é só unha campaña publicitaria á que poucos poderán acollerse.

[1] Máis de 2.500.000 brasileiros residen no estranxeiro. O primeiro lugar de residencia é Estados Unidos, despois o Paraguai e, en terceiro lugar, o Xapón. Os brasileiros son, ademais, a terceira comunidade de estranxeiros no Xapón.
[2] Traballar fóra da casa sería a tradución literal
[3] Segundo João Felício, da Central Única dos Trabalhadores do Brasil (CUT), no Seminário Internacional Migrações e mundo do trabalho, Lisboa, 19 de abril de 2008.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña