14:45 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-02-2010

A reunión permitiu á plataforma facer chegar a Klinge o seu diagnóstico sobre a situación actual do galego

O Consello de Europa e o galego

Valorar (7)

IRIA TAIBO CORSANEGO


Parlamento europeo-lingua


A visita de Simone Klinge, do Secretariado do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias fainos reflexionar novamente sobre a situación do noso idioma

Esta semana puiden participar na reunión que mantivo unha delegación da plataforma Queremos Galego con Simone Klinge, do Secretariado do Consello de Europa para a Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias. A reunión permitiu á plataforma facer chegar a Klinge o seu diagnóstico sobre a situación actual do galego.

A propia Klinge, ante os medios de comunicación, suxeriu a importancia de que as organizacións reivindiquen e informen á sociedade sobre os tratados que ratificou o estado español e cuxa propia ratificación obriga o cumprimento. Seguramente non lembramos coa suficiente insistencia que foi o goberno español o que asinou a Carta Europea en 2001, con José María Aznar na presidencia, e as Cortes Xerais de entón as que o ratificaron. Tamén foi ese goberno o que escolleu o nivel de aplicación da Carta, igual que o resto dos estados, e elixiu, vountariamente, o nivel máis alto.

Coincido completamente con ela en que un acordo ratificado neses termos, por un goberno non precisamente sospeitoso de radical defensor das linguas minorizadas, debe ser lembrado a diario, especialmente cando o galego sofre ataques gravísimos que implican retrocesos até situacións que non se viran en décadas.

A soa ratificación da Carta implica o recoñecemento dunha situación que precisa medidas correctivas. Outra cousa é como ten evolucionado a aplicación da Carta, que é precisamente o que analisa periodicamente o Consello de Europa a través do seu Comité de Expertos. Nestas análises, publicadas en 2005 e 2008, o Comité de Expertos fora moi crítico coa falta de medidas para a aplicación da Carta.

Por outra banda, resulta tamén revelador pórse no lugar de explicarlle a alguén de fóra cal é a situación actual, en que cambiou o estatus legal e social do galego desde o relatorio anterior do Comité de Expertos do Consello de Europa. En realidade consiste nun exercicio de recapitulación máis que preocupante.

Para os participantes galegos desta reunión está máis que claro que a chegada de Núñez Feijoo á Xunta está a levar o noso idioma moitos pasos atrás, en moitos casos a un punto no que a nosa lingua non estaba desde comezos dos anos 80.

En calquera caso, faise complicado explicarlle a alguén que vén de fóra que o actual goberno gañou as eleccións prometendo que aprobaría medidas en contra de leis vixentes, como a Lei de Normalización Lingüística. Tamén é duro explicar a unha persoa que traballa con linguas en situacións semellantes á nosa que o noso propio goberno quere aprobar un texto que vai en contra dos compromisos adquiridos polo estado en canto á presenza do galego na educación: daquela, o compromiso era de manter como mínimo un 50% para o galego. Máis duro aínda é explicar que o goberno de todos os galegos e as galegas asume os argumentos da imposición lingüística, cando non hai ningún criterio científico (como no departamento de Klinge ben saben) que apoie ese tipo de afirmacións; e que a Xunta renuncie así ao mandato estatutario de potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública e de dispor os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

Klinge preguntou a Queremos Galego polo Plan Xeral de Normalización da lingua galega e polos proxectos de inmersión lingüística, cuestionado o primeiro e directamente anulados os outros. A Plataforma tamén houbo de lle explicar a eliminación do requisito do galego para o acceso á función pública, o cambio de proxecto educativo nas Galescolas e os pormenores da proposta de novo decreto do galego no ensino. Todas estas son medidas que van claramente en contra do acordo asinado voluntariamente en 2001 por José María Aznar.

Simone Klinge foi preguntada polos medios de comunicación sobre se existe algún mecanismo que permita sancionar os incumprimentos das obrigas adquiridas polos estados. A súa resposta foi que non, e que son as organizacións e a sociedade en xeral as que deben lembrar aos gobernos que a ratificación obriga o cumprimento, e neste caso parece que, por desgraza, haberá que seguir facéndoo.



Listaxe de ligazóns

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña