12:10 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-09-2010

Non debemos caer nas trampas autoexculpatorias do Goberno e do PP focalizando toda a responsabilidade da crise que vive o sector produtor na actitude das industrias

Crise no sector lácteo: De quen é a culpa?

Valorar (15)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



Desde hai máis dun ano as explotacións lácteas están a atravesar unha situación de grave crise que se caracteriza fundamentalmente polos baixos prezos que gandeiros e gandeiras perciben pola súa produción. Os últimos datos coñecidos correspondentes ao leite entregado no mes de xullo é de 27,98 céntimos por litro ben lonxe do compromiso asinado en xullo de 2009 que fora alcumado de histórico polo Estado e pola Xunta.

Contrastan os prezos que perciben os produtores galegos cos que se están a pagar noutras comunidades do Estado, con diferenzas de cinco céntimos por litro ou co prezo medio da Unión Europea que se sitúa nos 32 céntimos por litro. É dicir, que mentres no Estado e no conxunto da Unión Europea se está a producir unha recuperación dos prezos en Galiza continuamos sen apreciar esa melloría e cun prezo medio de 27,6 céntimos. Desde a chegada ao goberno do Sr. Núñez Feixóo os gandeiros galegos acumulan unha perda nos seus ingresos de 200 millóns de euros tomando como referencia o último prezo pagado en tempos do bipartito correspondente a febreiro de 2009.

Neste contexto resulta curioso ver como a doutrina oficial da Xunta de Galiza, amplamente difundida polos seus corifeos, residencia todas as responsabilidades e polo tanto toma de decisións para mudar esta dramática situación fora do seu ámbito competencial. O Ministerio, a Unión Europea e nas últimas semanas as que están no punto de mira do Sr. Juárez son as industrias que seica lle provocan un estado de crecente irritación.

É certo que o marco establecido pola Política Agraria Común (PAC) non favorece os intereses do sector lácteo galego e que as decisións adoptadas na súa última modificación (o chamado "chequeo médico" da PAC): liberalización do sector, por fin á continxentación da produción, incremento lineal de cota para todos os Estados membros, teñen moito que ver coa crise e volatilidade de prezos  que asolou a todo o sector lácteo europeo durante o pasado ano. Esta non deixa de ser outra evidencia dunha Unión Europea ao servizo do liberalismo máis feroz que para satisfacer os intereses dos grandes capitais non dubida en esmagar o modo de vida de labregos e sectores estratéxicos de nacións como Galiza.

Mais isto non debe levarnos a obviar a responsabilidade do Goberno galego nesta situación. Galiza conta con competencias, aínda que sexan limitadas, instrumentos legais e recursos económicos para poder contribuír a rachar esa desigualdade na que as explotacións lácteas galegas se ven obrigadas a producir e vender o seu leite.

Tamén é certo que as industrias abusan da súa posición dominante fronte aos produtores, impoñendo relacións contractuais anacrónicas e desiguais. Mais non é menos certo que o Goberno galego conta con instrumentos para rachar con esa situación. A Mesa do Leite, que non se convocou a pesar desta prolongada crise, na que establecer vías para o acordo entre todas as partes coa mediación da administración. O co contrato homologado que se pactou en maio de 2008, que este goberno meteu no conxelador, que podería constituír un paso decisivo para establecer relacións máis igualitarias dos gandeiros coas industrias e sendo o máis parecido no ámbito agrario á negociación colectiva no ámbito obreiro.

Porén non debemos caer nas trampas autoexculpatorias do Goberno e do PP focalizando toda a responsabilidade da crise que vive o sector produtor na actitude das industrias.

Algo terá que ver a actuación, ou máis ben a non actuación do Goberno de Galiza, en que os gandeiros galegos sexan os que menos cobran polo seu produto de toda Europa.

Terá que existir algunha diferenza na actuación deste Goberno en relación coas industrias lácteas cando estas mesmas industrias pagan até cinco céntimos máis por litro de leite noutras comunidades.

Que hai de diferente en Franza para que Lactalis lles pague cinco céntimos máis aos gandeiros que en Galiza polo seu leite e acabe de asinar un acordo de incrementar o prezo nun dez por cento no que queda de ano?

Atrévome a responder. Un goberno que acredita na importancia estratéxica da actividade agrogandeira para a súa economía e que utiliza todos os resortes do poder para impedir que a súa pervivencia fique a mercé dos intereses das grandes industrias da transformación e distribución.  Unha cidadanía que lle outorga ao traballo dos labregos e gandeiros a valoración social que merecen pola súa achega á economía, ao coidado do medio e da paisaxe e ao mantemento da vida no medio rural.

En Galiza non.

[16-09-2010 17:17] Eu comentou:

Iso Jóvenes Agricultores sempre o fixo, mais coidándose moito de botarlle culpa ningunha ao PP...

[13-09-2010 12:46] Nelida comentou:

Para Eu: Agora parece que o partido popular é un grande aliado dos produtores, chamando mafiosas as prácticas das empresas envasadoras do noso ouro branco, e xóvenes agricultores implorando intervencionismo do estado en materia de fixación de prezos. Nunca lamentaremos o suficiente, a oportunidade perdida, de non ter apoiado o suficiente a un meio rural ben encamiñado na transformación dos problemas extructurais que lastran un sector estratéxico para Galiza.

[13-09-2010 12:38] Lobo comentou:

Eu preguntome, non teran algunha responsabilidade tamen os gandeiros? e certos sindicatos?

[12-09-2010 14:16] Eu comentou:

Lembro que hai dous anos a responsabilidade exclusiva destes temas era de Medio Rural, segundo o PP e algúns medios. Agora ese mesmo departamento, xestionado polo PP, pasa de ter toda a culpa a non ter nin responsabilidade nin capacidade legal para influír.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña