00:46 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2010

YouTube, a terceira páxina máis visitada do mundo, propiedade de Google, non inclúe o galego entre as súas 29 opcións lingüísticas

Galego por un tubo

Valorar (8)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



Justin Bieber era un rapaz de 13 anos cando en 2007 empezou a colgar en YouTube por divertimento os seus vídeos feitos na casa tocando varios instrumentos, cantando e bailando. Hoxe, con 16 anos, e grazas a un hábil cazatalentos convertido agora no seu representante, este adolescente canadense émulo de Michael Jackson xa é un fenómeno mediático de proxección internacional merecedor dun disco de platino en Australia, Canadá, Brasil, Estados Unidos e Nova Celandia. Porén, o seu meirande logro consistiu en ser o protagonista do videoclip musical máis visto de todos os tempos en YouTube, con máis de 315 millóns de visualizacións.

A fazaña de Justin só é comparábel coa do bailarín estadounidense Judson Laipply, autor e protagonista dun vídeo artesán titulado Evolution of dance no que realiza diversos bailes repasando a historia máis recente da música popular, un vídeo que acadou durante algún tempo o mérito de ser o máis visitado de YouTube e que agora se sitúa nun dignísimo sexto lugar no hit parade dos máis vistos de todos os tempos, con máis de 150 millóns de visualizacións. Con este vídeo, o anónimo Justin Laipply saltou para a fama, converténdose nunha estrela mediática mundial sobrada de ofertas e contratos.

O éxito destes dous artistas consagrados pola rede ilustra as dimensións e o impacto social de YouTube, unha páxina web deseñada sinxelamente para compartir vídeos. Fundada en novembro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal, YouTube atinxiu de contado os 20 millóns de visitantes únicos en 2006, ano en que foi adquirida por Google por unha cantidade de 1.650 millóns de dólares, a razón de 82 dólares por usuario. Arestora YouTube é a terceira páxina web máis visitada do mundo, despois da de Google e da de Facebook. Cada día, a poboación internauta visualiza uns 2.000 millóns de secuencias de vídeo soamente na páxina de YouTube. Cada minuto que pasa sóbense a YouTube unhas 24 horas de imaxes de vídeo. E talvez o dato máis impactante: calcúlase que cada día visita YouTube unha cuarta parte de todos os usuarios de Internet en todo o mundo.

Pouca xente dubida xa da enorme relevancia cultural, económica e social a nivel mundial de YouTube, nin da súa influencia na poboación como medio de comunicación de masas. Por iso resulta moi habitual o seu uso por parte das axencias publicitarias como vía efectiva de publicación das súas campañas. No noso contexto inmediato, o vídeo Vivamos como galegos!, da campaña publicitaria de Gadis en 2007, acadou tal éxito en YouTube que se converteu nun dos vídeos en galego máis vistos de todos os tempos, con preto de 300.000 visualizacións.

Tamén os partidos políticos comezaron a utilizar YouTube como plataforma para a difusión dos seus posicionamentos. No ámbito galego, os tres partidos con representación parlamentaria (BNG, PSdeG-PSOE e PPdG) posúen as súas propias canles en YouTube, con distintos graos de actividade e actualización. Por veces, porén, a tecnoloxía vólvese en contra dalgúns, e os políticos mentireiros ou esquecedizos son cazados pola cámara e expostos á vergoña pública internacional, como lle sucedeu no infame episodio do Desván de los Monjes ao aínda Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, protagonista dunhas imaxes en YouTube que xa contabilizan uns 30.000 visionados.

Con todo, é no terreo do activismo onde se conseguiron os maiores logros mediáticos do galego. Tal vez sorprenderá saber que o vídeo en galego máis visto de todos os tempos en YouTube, con máis de 1 millón de visualizacións, forma parte da campaña ecoloxista na defensa do Courel. Trátase dun vídeo de cinco minutos datado en 2007 con imaxes do Courel e a canción "Terra" de Luar na Lubre como música de fondo ("Aínda hoxe queda xente / que sabe sentir a terra / queda aínda quen comprende / canto pode aprender dela"). Outro exemplo, moito máis recente, é a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego iniciada a principios de ano pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, cuxo vídeo O galego necesita máis protección (con Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro) totaliza xa unhas 30.000 visualizacións en YouTube.

Un dos ámbitos temáticos mellor representados e con mellor aceptación en YouTube é o da música. A nivel global, cantantes mediáticas como Lady Gaga, Shakira ou Miley Cyrus copan os primeiros postos do top ten planetario. No noso ámbito cultural, a formación musical con maior éxito en YouTube é Luar na Lubre, con videoclips tan visitados como os dos temas Canto de andar (con unhas 450.000 visualizacións), O son do ar (425.000) ou Os animais (400.000), alén do xa mencionado Terra (1.000.000).

YouTube permite a promoción persoal de múltiples artistas que non encontran oco nos circuítos comerciais e, do mesmo xeito, constitúe unha xanela ao mundo para un batallón de frikis exhibicionistas. Neste terreo da creación artística individual, por veces estremeiro da extravagancia, atopamos as micrometraxes de Andrés Solo, alcume do vigués Andrés Cameselle, autor de múltiples videoclips satíricos sobre a identidade galega. O dedicado en 2007 ao Frente de Libertaçom do Grelo está entre os seus máis vistos.

Os contidos galegos e en galego en YouTube son numerosos, como se pode intuír a partir desta pequena mostra. A nosa contribución é salientábel. Pensamos que temos o mesmo dereito ca os franceses, os españois, os filipinos, os suecos ou os finlandeses a acceder a esa información no noso idioma. Queremos o YouTube en galego. Os cataláns xa iniciaron a súa campaña polo YouTube en catalán, e xa conseguiron os primeiros recoñecementos por parte dos seus responsábeis. Señor Google, para cando o YouTube en galego?


[12-09-2010 16:40] googleengalego comentou:

http://www.facebook.com/pages/Google-en-galego/121012487935485

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña