21:09 Mércores, 20 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-09-2010

Un pais con contrastes étnicos e xeográficos tan marcados foi quen de elevar unha etapa “ilusionante” despois de ter deposto tantos mandatarios e ter moita poboación no exterior por causa da crise económica

As ensinanzas do Ecuador

Valorar (4)

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ VILAS


Imaxe de Guayaquil


Andaba polo mes de novembro no ano 2002 na por agora primeira estadía no Ecuador, un pais de  283.561 km2 dividido en catro grandes areas ecoxeográficas moi definidas: a Costa de clima tropical; a zona da "Sierra" ou propiamente andina, o Oriente amazónico e o arquipélago volcánico das Galápagos. E curioso coller o ómnibus na estación rodoviária de Quito ás 7 da maña (xa esta o sol ben alto no ceo ) con paisaxes de frisonas e verdes praderías e en poucas horas despertar con palmeiras, mangos e  bananeiras e ter que sacar grande parte da roupa de enriba, estas diferenciacións tan marcadas nos microclimas lévanse a un caso curioso, os ecuatorianos o teñen asumido con lóxica naturalidade, que nos telexornais habitúan a dividir a pantalla en dous cun locutor/a desde Quito  e outra desde Guayaquil, o Oriente é mais despoboado e ten pouco peso político, aparte de ser o escenario atávico das frustracións nacionais polas leas fronteirizas co veciño Perú.

Guayaquil é a capital económica, porto de mar, cun tremendo ritmo humano desde moi cedo nas rúas co comercio como actividade que todo o enche, os previsibles atascos dos transportes colectivos, o ritmo rápido e apurado entre os bancos, postos de ceviche (comida popular a base de peixes e mariscos)  e toda oferta inimaxinable de venta formal ou informal como a chamada "Bahia (especie de zona franca portuaria). Quito é unha mestura da cidade franciscana colonial e os novos bairros da globalización que habitan funcionarios xa sexa "serranos" ou "monos" (da costa), mestizos/as e poboación indíxena traballadora que ven das areas circundantes nas mañas e regresa nas tardes, a pesares dun transporte colectivo de trolebús  eficiente hai o problema do densísimo tecido de buses e taxis que mesmo provoca encendidas polémicas por mor da contaminación. Tamén se ollan as estampas moi comúns de zonas urbanas e periurbanas con aglomeracións de infravivendas nas que destacan as que están estampadas cos vistosos números das candidaturas electorais (sistema moi estendido por todo Latinoamérica). Con todo a ollada que queda é a impresión de xigantismo das montañas e volcáns (Quito esta na ladeira do volcán Pichincha), vales enormes onde se perde a vista e a fertilidade natural e exuberante que un sente na terra por  todas partes.

Ecuador desde a súa independencia en 1830 (saída da Gran Colombia) ten unha historia de continuas convulsións políticas, económicas e sociais  que xa se iniciaron na loita contra o español e continuaron na constante pugna entre conservadores e liberais, estes últimos consolidaron moitos das conquistas básicas e democráticas coa chamada "Revolución Liberal" liderada por Eloy Alfaro en 1895, entre o seus logros foi a implantación do laicismo coa abolición do catolicismo como relixión oficial, o ensino laico e o divorcio. Esta historia axitada quedou marcada nas masas populares do Ecuador, que  desde logo non se poden alcumar como pasivas no que respecta aos abusos do poder político en conivencia coas alcumadas "elites".

Como dicía antes, naqueles días coincidiron coa vitoria no 24 de novembro de 2002 nas eleccións xerais e presidencias por parte da alianza de varios partidos e movementos indíxenas (CONAIE)[1] encabezada polo coronel Lucio Gutiérrez (mestizo orixinario do Oriente) , de feito seguín con moita atención a entrevista que lle fixeron na Tele Amazonas xusto despois da súa proclamación como gañador virtual dos comicios, o Lucio co seu look caqui que denotaba a súa ascendencia militar deu as súas primeiras intencións de goberno , no ideario colectivo do Ecuador sinalaban a este home o primeiro Presidente en moito tempo que se sentía ecuatoriano fronte a xeira de Presidentes neoliberais "fillos de estranxeiros.

Volvemos un pouco atrás, Lucio Gutiérrez e outros oficiais ecuatorianos xunto ás organizacións indíxenas protagonizaron unha tentativa de derrubada popular o 21 de xaneiro de 2000[2] do desacreditado goberno de Jamil Mahuad que hai pouco declarara a "dolarización"  e a intervención (roubaron en favor dos ricos) dos bancos para cortar coa acelerada hiperflación do sucre (ex-moeda oficial). Nunha situación de alta tensión social os protagonistas do evento non deron rematado a xogada e aínda que conseguiran a dimisión de Jamil, este foi reposto por outro persoeiro, Gustavo Noboa, mais do agrado das "elites" económicas do pais, aínda así o escenario estaba adubado para mais sacudidas.

Tras  dous anos de goberno de Noboa onde as condicións de degradación da inmensa maioría da poboación chegaron a extremos pouco coñecidos para a historia do pais, bastaba con ver os billetes de 1 dólar normalmente moi enrrugados por seu uso moi extenso e intenso, o encarecemento de bens e servizos básicos levou me a percibir que se estaba nunha auténtica depresión colectiva. Na  Universidade FLACSO, un conferenciante afirmaba tan "pancho" que a solución era "dolarizar" os países veciños!,   (Arxentina e Brasil ao pouco tempo abandonaron a paridade co dólar, só Panamá e Salvador quedaron coa dolarización).

Tras a vitoria da Alianza que personificaba Lucio e que suscitaba ilusións e tamén un fondo rexeitamento na Dereita que aínda comandaba o seu vello patriarca León Febres Cordero, pasouse a unha rápida baixada das expectativas creadas, como anécdota, aos poucos días de gañar as eleccións Lucio non recibiu ao Presidente Hugo Chávez por ocasión da inauguración da "Capilla del hombre " en Quito do falecido pintor Guayasamin[3], Lucio desmarcou calquera complicidade do incipiente polo  Caracas-La Habana, os descompromisos nos acordos coas organizacións indíxenas foron a mais e aos 3 meses da pose de goberno abandonaron os ministerios que lles tiña correspondido.

Sen negar as difíciles circunstancias económicas que atravesaba o pais, a axenda de Lucio non pasou de  reformas moi cativas e que non mudaban o "statu quo" de relacionamento  privilexiado con sectores bancarios e empresariais, o crecente descontento foi sementando unha situación "aparentemente" parecida con anteriores Presidentes electos do Ecuador, que non remataron o seu mandato pola presión popular.

Tras o coñecido "levantamento" popular contra  Lucio e seu exilio posterior  a Brasil veu un goberno dirixido polo daquela Vicepresidente Palacios que contra pronóstico puido aguantar ata as seguintes eleccións, mesmo cun certo discurso social, a grande dúbida que quedaba para un "pasmado" occidental coma min que pouco o nada entendía, é pensar se a Dereita económica acadaría o poder co apoio da media e as "elites" tendo en conta que a dolarización era irreversible a curto-medio prazo e a sombra de Washington era longa e espesa.

Aconteceu o que non se esperaba, as masas nas que participaba unha clase media practicamente expropiada desde o "roubo" dos bancos apoiaron outra nova tentativa na figura de Rafael Correa. Quen era este home?, un economista con sólida formación académica e que ampliou estudios en Europa (Bélxica), coñecida a súa fe católica que levou a participar en misións salesianas a zonas pobres, aprendeu o "kichwua"[4], os súas publicacións situaron o fracaso das reformas neoliberais, o seu ideario poderíase encadrar na denominada esquerda nacionalista. A diferencia de Lucio, Correa aliñou claramente cos cambios promovidos pola experiencia de Venezuela e a solidariedade internacional con Cuba.

E efectivamente, Rafael Correa e seu movemento PAIS[5] suscitou múltiples apoios populares que lle levaron a vencer a un patético adversario, o multimillonario bananeiro Albaro Noboa, e o tremor político foi perceptible, aparte do acontecido en Venezuela había mais países que se desmarcaron do marco "neoliberal" e  que impedía calquera excepción ao "Consenso de Washington". Sen caer no simplismo de homologar procesos, ver o excelente artigo de Duarte Correa no último número da revista Terra e Tempo, xa que a historia e a xeografía diferencian actores e procesos, se negaba na práctica a virtualidade da "excepción venezolana". No Ecuador xa había antecedentes, como o caso do  Presidente Jaime Roldós que "morreu" en circunstancias pouco aclaradas[6] cando tentaba levar adiante un programa social nos anos 80. O movemento PAIS levou xa significativas reformas na que destaca a nova Constitución de  setembro de 2008 que asenta vellas aspiracións democráticas e que referendou co apoio popular, tamén foi salientable o peche da única base militar dos EEUU en Manta, rachar co TLC[7] e apoiar a opción do ALBA[8] e a creación do Banco do Sur.

O que se percibe no pais e que non negando aínda as cuestións estruturais que, precisan de moito tempo de cambios e avances para solventalas, é que hai un clima de confianza que consolida por agora unha perspectiva de estabilidade política descoñecida nos últimos anos no Ecuador, tampouco fallan as críticas por terse Correa amosado como "contemporizador" cos poderes financeiras internacionais e non ter unha pose mais agresiva contra a política exterior dos EEUU, estas críticas na miña opinión corresponden a unha ilusoria idea de que a vontade todo o pode sen ter en conta as dinámicas e cambiantes tensións nas correlacións de forzas entre clases e actores. Un pais con contrastes étnicos e xeográficos tan marcados foi quen de elevar unha etapa "ilusionante" despois de ter deposto tantos mandatarios e ter moita poboación no exterior por causa da crise económica.

Pero repito, Ecuador ten unha historia de loitas interesante de coñecer, aparte da Revolución Liberal , foi o primeiro pais latinoamericano en recoñecer o voto ás mulleres así como o recoñecemento das nacionalidades indíxenas e de pais plurinacional.  Logo mesmo de episodios frustrantes como o mandato de Lucio Gutiérrez, penso modestamente que a principal ensinanza é que no que respecta ás loitas sociais en contexto de crise debemos fuxir de análises estáticas e simplistas de que todo ira irremediablemente a peor, pensar na suposta capacidade omnipotente dos "que mandan", é unha valiosa ensinanza deste pais situado na metade dun mundo tan convulso.

[1]   CONAIE: Confederación Nacionalidades Indígenas del Ecuador
[2]   Lucio Gutiérrez xunto a outros militares e líderes indíxenas formaron unha "Xunta" de Salvación Nacional que tivo " o poder" durante 3 días.
[3]   Guayasamin, pintor ecuatoriano que é considerado uns dos iconos das aspiracións emancipatorias das masas populares mestiza, indíxena e negra do continente americano. 
[4]   Variante ecuatoriana do "quechua" peruano.
[5]   Patria Altiva i Soberana
[6]   Jaime Roldós morreu o 24 de maio de 1981 nun "accidente" de avión, a súa presidencia fora promovida por unha concentración de forzas populares, despois virou icono para os movementos denominados roldosistas.
[7]   Tratado de Libre Comercio auspiciado polos EEUU
[8]   Alianza Bolivariana Para los Pueblos de Nuestra América


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña