01:25 Xoves, 23 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-09-2010

As mortes no traballo deberan de ser todas iguais e as fazañas bélicas deixalas para as pantallas dos cines. Penso con Unamuno que a única revolución que deberían facer os militares sería a autodisolución.

Que se nos perde en oriente?

Valorar (9)

FRANCISCO CALO LOURIDO



As mortes no traballo deberan de ser todas iguais e as fazañas bélicas deixalas para as pantallas dos cines. Penso con Unamuno que a única revolución que deberían facer os militares sería a autodisolución.         

Nunca sentín a sensación de servir menos á patria sendo catedrático de xeografía e historia que na etapa na que fun sarxento de complemento no Mallorca 13 de Lorca, naquel afastado 74. Morren os militares no exercicio do seu traballo, remunerado, o mesmo que no seu afogan os mariñeiros, son esmagados os mineiros, queimados os bombeiros ou despenados os albaneis, e cada quen sente aos seus. A diferenza tralos falecementos duns e doutros traballadores e, conseguintemente, servidores da patria radica no tratamento post-mortem, na súa liturxia, nas condecoracións, non brancas, senón vermellas de guerra, que unicamente se conceden aos primeiros, así como nos subsidios, moi desigualmente repartidos, ás familias duns e doutros.

A política exterior española, desde a perda do seu papel de primeira potencia, iniciada xa naquela batalla de Rocroi de 1643, caracterizouse pola vocación ancilar e a carencia de obxectivos. Citemos dous exemplos. En 1857, na afastada Cochinchina, sufriron martirio varios misioneiros, entre os que cómpre destacar un dominico español que exercía a dignidade de bispo. Por aquí como se chovese, pero Francia -a que vencera en Rocroi aos terzos españois, comandados polo portugués Francisco de Melo-, que tiña intención de ocupar aquela zona asiática sen levantar demasiadas sospeitas aos ingleses, asentados xa na Índia e territorios veciños, convence a España de que hai que castigar aos que, co tempo, chegarán a ser vietnamitas. Envían eles 14 barcos e nós colaboramos, desde Filipinas, mandando o Elcano, que contaba coa terrible potencia de fogo de 2 canóns fronte aos 52 da fragata francesa Nemesis. Máis adiante irían outras embarcacións con máis soldados. Resultado: Tomamos Saigón, Francia queda de dona e señora do territorio, que era o que pretendía, e nós regresamos cheos de honor, de baixas e de gastos.

As 13 colonias británicas en América deciden independizarse. Francia -sempre Francia- envía na súa axuda tropas, barcos e materiais e alá vai tamén España, esquecendo que está a quentar o fermento para a independencia das súas propias colonias. O malagueño Bernardo de Gálvez loita na Luisiana e na Florida, conquista Pensacola aos ingleses e cóbrese de tanta gloria como de inmediato esquecemento. Sen a nosa axuda militar, incluído o préstamo en diñeiro que lles fixo Carlos III, terían os rebeldes graves dificultades para independizar as colonias do sur. E como nos pagaron a colaboración? Como se paga aos canciños faldreiros que corren e ladran a carón dos grandes: co desprezo, a indiferenza e, na fin, a amnesia.

O petróleo que hai en territorio islámico leva aos amos do mundo a Iraq e a Afganistán e alá imos nós tamén, outra volta, en calidade de comparsas. Iso si, para gozar de paisaxes agrícolas idílicas, como deixou dito o nefasto Trillo ou, se preferimos á marcial Chacón, para reconstruír os territorios que os nosos amigos ianquis vaian desfacendo e para levarlles a democracia, do mesmo xeito que os franceses de 1808 nos traían a liberté, égalité e fraternité. Santos á forza nin Deus os quere e nós, encirrados polos cregos reaccionarios (sempre que aventan morte ou aires de liberdade, andan polo medio cregos, con independencia do deus adorado na zona), aterrorizamos canto puidemos aos gábachos. Daquela, e despois -pensemos na praxe máis recente dos nazis-, cando había baixas por un atentado, obviamente terrorista, contra membros das forzas de ocupación, a vinganza na poboación civil era pública. Hoxe, por suposto, nada teñen que ver con esa odiosa práctica os obuses que caen entre mulleres e nenos que, malpocados eles, se poñen a celebrar vodas en época de guerra.

Alguén escribiu que a cova na que rematan repousando os seus ósos é a única patria do soldado, que, coitado el, loitou e morreu polos empresarios, coidando que o facía por aquela e, xa no século XIX, cando a Guerra de Crimea, se dicía que o mellor para o trigo de Castela, é dicir, para enriquecer aos terratenentes, era "auga, sol e guerra en Sebastopol". Ben sabemos que aos do PP lles vai moito o ardor guerreiro, sendo quen de conquistar "al alba, con viento fresco de levante" o penedo de Perejil, asustando, coma moito, ás cabras marroquís que alí pastaban; pero o PSOE está empeñado en facer bo aquilo de que os maiores defensores do orden establecido sempre foron os anarquistas que chegaron ao poder. Non sei a que agarda España para recobrar a cordura e, sobre todo, a dignidade. Señores do goberno, para cando a orde de facermos o macuto, volver á casa e deixar de malgastar vidas e presupostos?


[09-09-2010 23:09] Portenazara comentou:

Certamente na historia da proxección estratéxica dunn Imperio fracasado poderiamos rirnos o que queiramos, se esquezeramos o sufrimento que sempre houbo nos episodios "nacionais". Desde patéticas alianzas e realianzas coa Francia e Inglaterra desde a Revolución Francesa, e logo querennos vender o 2 de maio, cales son os malos, os franceses de Bailén ou os de Trafalgar, os ingleses de Buenos Aires en 1806 ou os de Elviña en 1809. Fálase da suposta Guerra da Independencia e non se fala dos episodios das independencias americanas contra o sistema cadúco, corrupto e absolutista dos Vicereis. Napoleón Bonaparte só quería impor outra dinastía estranxeira como era tradición nas Españas e de paso acabar coa inquisición e outras lacras, o método foi mais discutible, penso seriamente que hai que reler o seu contradictorio papel histórico, desde logo os dirixentes españois non eran mellores. Logo resulta que os "gabachos" pasan a ser os 100.000 "fillos de San Luis" para reinstalar o absolutismo. Poderiamos continuar coas ridículas intervencións en Mexico (tamén cos franceses) e Santo Domingo, a guerra do Pacífico (que gloria bombardear 2 cidades sen apenas defensa naval) e a guerra contra o Moro en Marrocos. O que foi de Guinda foron os episodios do 98, hai que estudiar a continuidade artificial do escravismo en Cuba incluindo a "trata" de galegos cautivos, a invención dos campos de concentración polo xeneral Weyler que logo copiaron os ingleses cos boers. O fusilamento de Rizal, intelectual da independencia filipina, foi un valiente acto de afirmación da "raza". As batallas navais supostamente "heroicas" de Santiago e Cavite foron un exercicio de inoperancia e ignorancia táctica que raiaba no subrealismo, non se lles ocorriu meter os barcos en ancoradeiros onde só podian sair de un en un, foi facil para a armada yankee e de paso acabar co esperpento colonial español nos que morreron inutilmente miles de labregos galegos (sobre todo coas doenzas tropicais) e que non podian pagar por librar da tropa. O remate tráxico-comico foi o "desastre" de Annual, no que a corrupción e incapacidade dos xerarcas españois comenzou polo propio avó do Rei, outra orxía de sangue para manter o noso destino entre as nacións. Ao final o exercito español só gañou na sua historia duas batallas navais (Iha Terceira en 1581 con barcos roubados aos portugueses e Lepanto en 1571 coa axuda maioritaria dos venecianos) e desde 1812 só foi capaz de gañar disparando e matando contra os seus propios concidadáns. E acá a historia real dunha "nación" fracasada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña