08:00 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-09-2010

Somos nós, mozas e mozos, o futuro de Galiza, quen debemos ser conscientes de que soamente cunha mocidade con emprego o noso pobo terá futuro

Folga Xeral: polo futuro da mocidade, polo futuro da nosa nación

Valorar (23)

LUCÍA LÓPEZ SOBRADO



Amolecidas as conciencias e sobrepasados por un individualismo que o sobarda todo, tal e como o capitalismo procura, resulta as máis das veces complicado atopar unha análise razoada da realidade que nos abafa. Para quen medramos véndonos inmersos de cheo na era da televisión, dos teléfonos móbiles e das "Blackberry", da "Game Boy" e da "Play Station", bombardeados pola publicidade das grandes marcas e dos "reality shows" ou tratando de buscarlle o sentido a sentenzas como o "todos son iguais", pode resultarnos máis complicado aínda.

Mais o certo é que cando nos atopamos con máis do 30% das nosas mozas e mozos no paro, perto do 90% da mocidade traballadora con contratos temporais e salarios de miseria, a verdade vén a estouparnos nos propios fociños e a análise pódese chegar a simplificar ao máximo. E é que, en efecto, estas son as cifras que arroxa a situación laboral da mocidade na Galiza, resultando sermos o colectivo máis prexudicado polo impacto da crise económica.

Porén, quen se empeña en seguir a manter nas súas siglas os termos socialista e obreiro aproba unha Reforma laboral que, sen paliativos, leva a clase traballadora á perda máis importante de dereitos en moitos anos. A "progresia", a esquerda pervertida, ataca frontalmente a quen di defender. Á primixenia negación da existencia da crise económica séguelle a implementación de medidas políticas que fan recaer o seu custo sobre ás e os traballadores, que nada tiveron que ver na mesma.

Así, atopámonos con que a reforma laboral aprobada polo PSOE no pasado mes de xullo vén a aprofundar no abaratamento do despido e na precarización laboral. Medidas como a ampliación dos 21 aos 24 anos nos contratos de formación, eximindo totalmente ás empresas das cotizacións á Seguridade Social, condenando a milleiras de mozas e mozos a condicións de traballo de miseria e sen tan sequera garantías laborais; a legalización das axencias de colocación con ánimo de lucro e a potenciación das ETTs en detrimento dos servizos públicos de emprego, caracterizadas pola falta de inversión na formación das e dos traballadores, a inestabilidade, sinistralidade e menores retribucións, son só algunhas das medidas coas que desde o goberno do Estado español nos veñen a agasallar.  Así mesmo, namentres nos últimos anos non se ten avanzado en melloras no emprego xuvenil senón que millóns de cartos públicos foron desbaldidos sen que un só euro viñese a repercutir nunha mellora das condicións da mocidade traballadora, propoñen agora seguir coas bonificacións á contratación de xente nova.

Pola súa banda, o PP desde o goberno da Xunta de Galiza fai o propio, servindo de tapadeira ás medidas aprobadas polo PSOE e sen poñer en marcha nin unha soa medida a nivel laboral en máis dun ano de goberno. Así, comezou o ano 2010 coa sinaturas de numerosos ERE's  para continuar entreténdose, por se fose pouco, co desmantelamento de servizos públicos como a sanidade, o ensino ou o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, desbaldindo millóns de cartos do erario público para a súa privatización. PSOE e PP amósannos, máis unha vez, que son as distintas caras dunha mesma moeda.

Neste contexto, os sindicatos españois, con CCOO e UGT á cabeza, deixaron patente de novo a súa sumisión ao sistema sendo somentes a CIG, o sindicalismo nacionalista, quen demostrou estar á altura das circunstancias, mobilizándose na rúa e nos centros de traballo, como corresponde ao lado da clase traballadora. Con el, e desde o primeiro momento, o conxunto do nacionalismo galego, o BNG, e tamén a mocidade nacionalista, organizada en Galiza Nova, saíu á rúa para esixir unha saída xusta á crise e para manifestarse contra as medidas laborais anunciadas desde o goberno español.

Ás portas da Folga Xeral do vindeiro 29 de setembro, é agora, máis ca nunca, o momento de que as mozas e mozos amosemos a nosa frontal oposición ao retroceso nos dereitos da clase traballadora que supón esta Reforma Laboral.  Non podemos permitir que as conquistas sociais ás que se teñen chegado grazas á loita e ao esforzo de moitas traballadoras e traballadores sexan agora eliminadas. Somos nós, mozas e mozos, o futuro de Galiza, quen debemos ser conscientes de que soamente cunha mocidade con emprego o noso pobo terá futuro. Somos nós, mozas e mozos, quen temos a obriga de continuar a loita encetada coa suor e o sangue de moitas galegas e galegos conscientes. Somos nós, mozas e mozos, quen debemos continuar o seu camiño ata conquerirmos a Galiza ceibe e popular longamente ansiada e batallada.


[06-09-2010 22:41] le monde diplomatique comentou:

excelente lucía! que quede claro que dá a cara pola clase traballadora e polos intereses de Galiza e da mocedade

[06-09-2010 02:18] txema comentou:

Noraboa polo teu comentario, moi realista , e efectivamente , EN VÓS e nas vosas maus , está o futuro da Galiza , unha aperta

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña