10:06 Sabado, 03 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-09-2010

É de supoñer que agora teredes curiosidade por saber onde está o beneficio de que se nos queime o noso patrimonio natural

Os incendios son a salvación da humanidade(i)

Valorar (9)

XOSÉ MAGARIÑOS MACEIRAS


Baixa Limia (Xerra do Xures)

.....ao igual que os nosos gobernantes, fun iluminado pola sabedoría celestial do comercio que me fixo ver o importante que era manter unha política forestal que manteña os nosos montes como terreos improdutivos e que profunde no abandono e a desestruturación do medio rural para que poidamos seguir tendo, ano tras ano, unha cantidade importante de lumes

En días pasados, durante unha visita a vila de Viana do Castelo, tiven unha revelación que me veu do ceo; non, non se trata de que se me aparecera un anxo ou un arcanxo, a aparición foi máis material: tratouse, concretamente, de dous hidroavións que estaban traballando para apagar o lume do PN Peneda-Gerês, nese intre déuseme por pensar que realmente non deberiamos pensar que os incendios forestais son unha desgraza para o país, ben ao contrario, temos que tomalos como unha bendición.

A estas alturas do que levo escrito pensaredes que este home toleou e non é así, simplemente, ao igual que os nosos gobernantes, fun iluminado pola sabedoría celestial do comercio que me fixo ver o importante que era manter unha política forestal que manteña os nosos montes como terreos improdutivos e que profunde no abandono e a desestruturación do medio rural para que poidamos seguir tendo, ano tras ano, unha cantidade importante de lumes, iso si, sempre tratando de que a superficie queimada en cada un se manteña dentro duns límites economicamente viables.

É de supoñer que agora teredes curiosidade por saber onde está o beneficio de que se nos queime o noso patrimonio natural: pois ben, o beneficio vén da cantidade inxente de recursos económicos que este tipo de políticas traen asociados: explícome mellor cun exemplo, en caso de investir diñeiro en plantar árbores, a nosa inversión pode tardar máis de vinte anos en xerar beneficios, pero se, pola contra, investimos en lume, podemos obter beneficios nun período de tempo moito máis curto porque o incendio vai producir un conxunto de sinerxías positivas: as chuvias levarán terra ás cuncas fluviais e, coas primeiras enchentes do inverno, haberá moitos nutrientes nas terras agrícolas -lembrade o importante que eran para os faraóns exipcios as enchentes do Nilo-, ademais, o que non se deposite na terra rematará nas rías, polo que se van precisar unha serie de horas de traballo para limpar os bancos marisqueiros e non perder este outro importante recurso. Por certo, xa que estamos a falar de creación de potenciais empregos, nin que dicir ten que estes serán distribuídos entre os demandantes por parte de quen ostenta o poder (que é quen máis sabe e non está influenciado por escuras herexías económicas) de xeito equitativo e sempre atendendo aos criterios de mérito e capacidade.

Por outro lado, o incendio tamén ten importantes repercusións no turismo, ofrecéndolles aos nosos visitantes un espectáculo grandioso de luces e son, acrobacias aéreas e unha experiencia que os faga sentir protagonistas dunha aventura perigosa que lles poder contar ás súas amizades cando regresen aos seus lugares de orixe.

Outro aspecto importante a considerar é a cantidade de noticias que se xeran: a ningún medio de comunicación lle interesa falar de que se plantaron tantas hectáreas en tal concello, pero si son proclives a subministrar información con máis contido dramático, en consecuencia, máis lumes implicarían un maior consumo de medios impresos en papel e, en definitiva, o aumento, nos nosos montes, daquelas especies axeitadas para producir papel. Podería seguir enumerando as virtudes deste sistema, pero non quero facer demasiado extenso o meu artigo, que despois non hai quen o lea, e aínda me falta poñerlle unha tacha á nosa actual política forestal.

O fallo está en que se debería introducir a libre competencia entre as empresas que se especialicen no negocio dos incendios; deste xeito os propietarios, poñamos por caso dunha casa ameazada polo lume, poderían negociar con estas empresas e contratar os servizos da que tivera o prezo máis axeitado; exemplos desta acertada maneira de actuar xa os temos visto, lembrade o eficiente que foi o recate do "Prestige", onde, entre outras cousas, a negociación entre os remolcadores e o buque sobre o prezo do rescate permitiu minimizar os efectos do que podería ter sido un desastre ecolóxico. Como podedes comprobar, a redución de custes e a maior efectividade están garantidas con este sistema.

Isto último dáme que pensar que tamén debería de ser un sistema que se tería que empregar na sanidade, imaxinade o eficiente que sería o noso sistema sanitario se fosen os pacientes aqueixados de doenzas caras quen negociasen, primeiro cos galenos e despois coas farmacéuticas, o prezo do tratamento... a cantidade de recursos que aforraría a seguridade social!!.

Facédeme caso e abandonade ideoloxías extravagantes e dementes e seguide aos apóstolos do libre mercado se queredes entrar no reino dos escollidos, os que usurparan as riquezas da terra.

[1] Con permiso de Manuel María, “A guerra é a salvación da humanidade”

[04-09-2010 12:38] Mario Solinho comentou:

Ai, canta lus!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña