22:10 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-09-2010

Cada vez peor, e algúns aínda teñen dúbidas

29 de setembro: moitos argumentos para a Folga Xeral

Valorar (4)

SERAFÍN OUTEIRO FERNÁNDEZ



Cada vez peor, e algúns aínda teñen dúbidas. Nunca nesta época chamada Democracia, a clase traballadora recibiu tantos ataques por parte dos máis poderosos. A Dereita de España ensina os seus dentes co permiso e colaboración do PSOE, co ánimo de dar o golpe final. Nunca antes vivimos una situación tan alarmante: aproveitándose da crise provocada por eles a través do sector financeiro, pretenden agora empobrecer máis á poboación, para así ter un maior control das nosas vidas por parte duns poucos.

As reformas que se están aplicar non só recortan dereitos sociais e laborais, tamén van recortar o dereito a ter dereito, e cada vez facer menos necesarios aos sindicatos na defensa dos nosos dereitos. Poderiamos entender cando se di que con menos salario pódese vivir case igual, se a cambio traballan e viven máis persoas; o que nos ocultan son cifras reais sobre o emprego, cada día sube máis o número de persoas desempregadas e o emprego existente e máis precario; non sairemos así da crise, así estaremos xerando desconfianza entre a poboación ao tempo que outros, cada vez menos, amasan máis cartos co mesmo sistema de sempre. Os poderes político e financeiro deron coa estratexia exacta e sen límites controlando e utilizando todos os medios de comunicación: prensa, radio e televisión. Utilizando centos de programas lixo que non fan máis que ocultar a verdadeira realidade do que pasa; se fixeramos unha enquisa, a maioría da poboación tería máis datos sobre Belén Esteban, a Pantoja, Paquirrín, a Duquesita, o Duque de tal ou cal, a roupa das Princesitas de España, etc..., que das consecuencias da Reforma Laboral, incluído algún que outro parado/a.

Pero é que a manipulación é moi forte: utilizan cando é necesario a miles de "tontos útiles", agora chamados contertulios, que non se cansan de tratar de convencernos de que as Reformas son necesarias, sen máis, e queren que traguemos polo ben de España. Para iso non se cortan en criminalizar aos sindicatos amigos e condenan e perseguen aos sindicatos que non están domesticados e que levan moito tempo dando a voz de alarma do que se nos aveciñaba. Todos coinciden en dicir que era necesaria a Reforma Laboral, a que abre as portas ao desmantelamento total da Negociación Colectiva, e fai que o despedimento sexa cada vez máis barato, que dificulta a prestación por desemprego, ou dá paso a unha flexibilidade maior coas empresas de servizos, Axencias de Emprego e ETT's, recorte do gasto público, etc., e que tiña que ser aínda máis forte, incluído algún político representante do Goberno que é do PSOE, e segundo eles de esquerdas, e que agora fala xa da reforma das pensións: ampliar de 15 a 20 anos o período para o cálculo das mesmas e que, por suposto, vai minorar moito máis a contía a percibir; iso si, en Galiza non perderemos postos no ranking, tranquilos, seguiremos no último lugar do Estado español, coas pensións máis baixas. Pero todo iso segue sen ser o peor: ¿que pasa cos parados e paradas? Queren ampliar a idade de xubilación aos 67 anos, pero non se dá traballo aos que pasan dos 45; aos mozos e mozas cada vez cústalle máis atopar o seu primeiro emprego e cando o atopan pasan a ser uns "si buana" sen ningún tipo de dereitos e a quen esixa algo, despedimento barato e a contratar a outro, que hai moito onde elixir.

Por iso o día 29 de setembro, temos unha gran oportunidade para dicir basta, non a Reforma laboral, non a Reforma das pensións, non a máis recorte de dereitos, non aos ataques a cultura dos pobos, temos que cambiar a nosa estratexia e aproveitar para reivindicar a nosa soberanía como pobo e tratar de crear un marco Galego de emprego e relacións laborais, no que os galegos e galegas podamos decidir o noso futuro.

Temos que desenmascarar a todos os empresarios e gobernos mafiosos e corruptos que provocaron esta situación, non pode ser que os que todos os días viven xerando fraude, roubándonos e malgastando o diñeiro de todos en grandes restaurantes, en grandes iates, en grandes mansións, sexan as persoas máis honorables deste planeta sen que ninguén diga nada.

Somos os traballadores e traballadoras os primeiros que queremos que a empresa para a que traballamos vaia ben e que o empresario gañe cartos, pero dunha forma moderada; todos deberiamos ter un salario e os beneficios, cando os hai, deberían ser repartidos entre todos os que colaboraron na súa consecución, repartir e ser máis solidarios se queremos vivir máis libres.

Sobran as razóns para que o día 29 fagamos Folga Xeral, os nacionalistas debemos ter máis implicación, e as manifestacións nas cidades non poden quedar só na loita polo traballo, temos que diferenciarnos dos outros unha vez máis e intensificar tamén o dereito a ter soberanía propia e a defendernos e a diferenciar as forzas políticas existentes, e posicionarnos con aqueles que traballan a favor dos traballadores/as, e en Galiza na defensa do noso país, da nosa cultura, da nosa lingua. Temos que alcanzar a plena soberanía para poder avanzar en benestar, igualdade e xustiza social no noso país.

29 de setembro, Folga Xeral!!! Por outro modelo económico e social!!! Pola soberanía!!!


[03-09-2010 01:20] txema comentou:

!! NEN UN PASO ATRÁS !!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña