10:36 Sabado, 23 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-08-2010

Os españolfalantes conscientes, os que sustentan o proxecto españolista no noso país, non son bilingües, fan -se tal- un uso exclusivamente litúrxico da nosa lingua

Matinacións galego-portuguesas

Valorar (14)

XOSÉ MEXUTO


Desembocadura do Río Miño na Guarda


Voltaba eu dunhas breves ferias en Portugal cando estacionei o carro face as cabinas de portaxe, xa na Galiza. Chegou o momento de abonar a tarifa, tan disparatadamente alta como de costume, cando me dirixín na miña lingua á persoa que alí atendía o público, encarregada de receber o diñeiro estipulado para a seguir accionar o mecanismo que iría levantar a barreira e permitir que o carro continuase o seu percurso. Deitei unhas poucas palabras -fíxenlle unha pergunta do máis banal, onde está a gasolineira máis cercana-, suficientes para percibir que aquela persoa compuña propositadamente un aceno que abalaba entre o noxo e o desdén. Demorou uns longos instantes en me contestar, como se me quixese dar a entender que, malia eu ter utilizado o galego, se aviña finalmente a responderme. Xúrovos que tiven a sensación de que eu era un indíxena nun país colonizado e de que un funcionario dun servizo imperial me facía o favor de atenderme embora eu tivese cometido a ousadía de non falar na única lingua admisíbel, a dos colonizadores. 

En Portugal, en troca, falei galego en toda a parte sen ter o máis mínimo problema. Certo é que a maior parte dos meus interlocutores fixeron esforzos por empregar o español, por interpretar que o que eu falaba non pasaba de ser un mal portugués. Mais non sentín en nengún momento a prepotencia de quen axe como o dono do castelo frente ao servo da gleba. Mesmo as miñas tentativas de explicar sequer epidermicamente que o que eu falaba e o que eles falaban eran na esencia a mesma cousa acharon simpatía en algúns receptores do meu discurso, ou se callar simplesmente aquelas persoas estaban a exercer unha virtude que cada vez escasea máis cabo de nós, a da urbanidade, a da boa educación (debo dicer a este respeito que a sona de cerimoniosos que adoito se apón aos portugueses non é máis que a constatación de que formalmente son un pobo que ten bos modais, que costuma dar os bos días e dicer obrigado e obrigada, o cal non está nada mal, moito mellor que o retorno a casa, cando me dan os trocos na cafetaría dunha área de servizo, na autoestrada galega, e nin me dan as grazas nin se dignan en ollar para min, menos mal que non me cuspiron). 

Non seremos unha sociedade digna mentres non nos respeitemos a nós mesmos. Mentres non exixamos o cumprimento dos nosos dereitos. Si, exixir. Até cando imos tolerar que en servizos públicos (e a autoestrada, embora xestionada por unha empresa privada de capital estadounidense, é de titularidade pública) non se garanta o noso dereito a empregarmos a lingua galega sen por iso termos a sensación de que o que estamos a falar é serbocroata en Galiza? Até cando imos tolerar con naturalidade que antes de chegarmos á cabina de portaxe os cartaces nos anuncien que se achega o momento de pagarmos el peaje o the toll? Até cando imos admitir que as novas xeracións de galegos e galegas que en principio non teñen nengún preconceito lingüístico vexan con normalidade que a lingua orixinaria do País -a que se estendeu cara ao sul e alastrou até falarse en catro continentes- é preterida no seu propio territorio face a lingua española? 

Con frecuencia ouvimos voces do pensamento convencional a guindar o discurso supostamente ben intencionado de que o nacionalismo non pode monopolizar a defensa política da lingua galega. Mas se o nacionalismo non se ocupar do galego, quen o iría facer? O suposto galeguismo? Cal? Refírense ao que calou e outorgou cando Carvalho Calero foi defenestrado para un profesor vindo de Asturias se arrogar o status de normativizador da nosa lingua? Que galeguismo? Cal? Aquel que, contra toda evidencia empírica, continúa a defender a tese de o galego e o portugués seren linguas romances distintas? Ese falsario galeguismo nunca combateu o monstroso ideoloxema segundo o cal a sociedade galega é bilingüe e éo de forma harmoniosa e cordial, sen nengún conflito. Si hai bilingües en Galiza, os galegofalantes. Os españolfalantes conscientes, os que sustentan o proxecto españolista no noso país, non son bilingües, fan -se tal- un uso exclusivamente litúrxico da nosa lingua, e teñen como obxectivo o desaparecimento do galego como fenómeno social vivo en Galiza, porque visan con ese alvo a liquidación de calquera atisbo de conciencia nacional galega. 

E, como hai conflito, hai que tomar partido e facelo consciente e enerxicamente. Estase a facer. As mobilizacións de Queremos Galego -puladas con vigor polo BNG- fixeron saír á tona un país digno e merecente de respeito. É chave non perder os folgos e continuar furando. Destruír a ideoloxía oficial da harmonía que de tan cordial procura a nosa desaparición. Virármonos abertamente para a lusofonia, sen desmaiar ante a incomprensión portuguesa: estamos ante un traballo a medio e longo prazo, mais sen dúbida ante unha das chaves do noso futuro, non só do ponto de vista lingüístico e cultural, tamén económico e social. Non desvaloricemos que en certos medios intelectuais e científicos de Portugal, embora seguro que de forma tímida, se está a tratar a cuestión galega de forma máis despreconceituosa, como pon de relevo que na recente Historia de Portugal (publicada por A Esfera dos Livros e da autoría de Rui Ramos, Bernardo Vasconcelos e Nuno Gonçalo) se constata sen complexos que a denominación galegoportugués é máis apropriada que a de portugués para se referir á lingua que a comezos do século XIV a chancelaría rexia lusa decide utilizar, a desprazar o latín, nos textos xurídicos do Reino. 

Como xornalista asáltanme outras matinacións galegoportuguesas xa non directamente lingüísticas, desta volta sobre a calidade da imprensa dalí e a de aquí. Para non ficardes aborrecidos (e dado que xa vou polo terceiro folio), simplesmente deitarei unha pequena consideración: en Portugal, ao contrario do que no Estado español (e xa non falemos de Galiza), a conciencia nacional exprésase de forma natural e non impostada. Non hai nengún Imperio por detrás a distorcer feitos e a afogar voces, a estabelecer dogmas e a ditar excomuñóns. Os galegos do Sul que se separaron de nós a comezos do século XII para fundar vida propia como un reino independente findaron por mandar os seus reis para casa (este ano cúmprese o centenario da súa República) e acabaron democraticamente, vía rupturista, non reformista, co fascismo, pondo cravos na ponta dos fusís. Comparemos e tiremos conclusións.

[02-09-2010 19:08] Galego comentou:

"Jo", ou como carallo te chames. Por culpa de xente coma ti, de mentalidades sectarias (sexan do signo político que sexan), é polo que non acabamos de avanzar nunha idea conxunta de nación. Só te falta levantar o brazo dereito e ornear iso que tanto lles gustaba aos feixistas. Es dos que menospreza o que temos na nosa terra, polo tanto non mereces o meu respeto. Lémbrote a ti e a quen sexa que o galego é un idioma que evolucionou de forma independente ao castelán e ao portugués, a pesar das circunstancias históricas que nos tocou padecer, somos unha lingua propia e diferenciada. Agora estamos no 2010 e aínda hai xente que ten complexo de ser galego/a, coma ti. Xa que falas de futilidade, ti es o mellor exemplo e tamén da soberbia á que me refería no anterior comentario. Que te vaia ben co teu sectarismo "fútil".

[01-09-2010 06:38] Jo comentou:

Galego,
30 anos de normativização não conseguiram a alvejada norma, e vai-se conseguir em 30 (?) anos mais?

Futilidade
s. f.
(1) Qualidade ou carácter de fútil.
(2) Cousa fútil.


Fútil
adj.
(1) Que tem pouco ou nenhum valor: acto fútil; motivos fúteis.
(2) Frívolo, leviano: espírito fútil.

Há só 2 modelos de língua conformados a escolher e é IMPOSSÍVEL criar, com o poder político do galeguismo, um modelo próprio. Escolha-se: PORTUGUÊS OU CASTELHANO.

O resto é futilidade. E, caso escolhas a tua língua, RESISTANCE IS FUTIL! O nosso modelo de língua é o de Portugal, como o dos valencianos é o da Catalunha, e como o dos suíços de Zurique é o alemão da Alemanha.

[31-08-2010 03:43] Galego comentou:

É imposible porse dacordo en temas lingüísticos á hora de formular unha norma para o galego escrito? Penso que a realidade da evolución lingüística galega está en Galiza (algo obvio), nin está en Castela nin en Portugal. Debemos tomar os referentes da base da nosa fala para cimentar unha normativa consistente e respetada por todos, senón o esforzo será en balde. Unha das cousas que máis critico é ese afán por "diferenciarse" que teñen algúns "nacionalistas galegos" empregando unha fala que ninguén fala e unha norma que non se sabe moi ben de onde saíu. O que quero dicir é que o galego é o que nos une, o que nos fai ver a vida deste xeito tan particular e único. Para que a xente deste país teña ese respeto e ese amor propio do que tanto carecemos, temos que escrutar na realidade social e comprender o que está pasando. Pero se pecamos de soberbia á hora de construír a nosa cultura non recibiremos unha resposta positiva por parte da xente. Edifiquemos, pois, unha norma para todos e polo ben da nosa lingua antes de que isto sexa unha torre de Babel.

[29-08-2010 22:41] Eco de Ponte Caldelas comentou:

Heróis do mar, nobre Povo,
Nação valente, imortal,
Levantai hoje de novo
O esplendor de Portugal!
Entre as brumas da memória,
Ó Pátria, sente-se a voz
Dos teus egrégios avós,
Que há-de guiar-te à vitória!

Às armas, às armas!
Sobre a terra, sobre o mar,
Às armas, às armas!
Pela Pátria lutar
Contra os canhões marchar, marchar!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña