09:02 Sabado, 23 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-08-2010

Interesalle que ardan algo os montes veciñais en man común. Deste xeito, terían unha xustificación para levar adiante a estratexia que ten nesta lexislatura para os montes veciñais

Incendios forestais: O Partido Popular desanda o andado

Valorar (6)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


"Vulcano" (na mitoloxía grega, Deus do lume)


Se todos fosemos da mesma catadura mental, tiñamos que sacar en todos os medios de comunicación social, aquela fotografía do verán do 2006, onde, o daquela candidato a presidencia da Xunta de Galiza , o Sr Núñez Feixóo cunha mangueira de xardín na man para ensinarnos como se combaten os lumes forestais .Se todos os partidos políticos fosen iguais, os partidos, hoxe na oposición, usarían como arma política, contra o Partido Popular , a desgracia acontecida no combate ao turne que tivo lugar no concello pontevedrés de Fornelos de Montes .Tal é como fixo o Partido Popular no verán do 2006 cando usou como arma política con­tra a Conselleria de Medio Rural, dirixida politicamente polo BNG, a des­gracia de tres mortes acontecidas , non no combate ao lume, senón de xeito accidental . O cumio do uso de esta desgracia , fíxoa o Partido Popu­lar cando levou a unha neta dunha das persoas mortas, a falar nunha mani­festación que tivo lugar en Compostela, contra a Consellería do Medio Rural.

Mais tiña claro  que nin todas as persoas son iguais, nin todos os partidos son iguais. Hainos quen tentan de facer País para beneficio das maiorías sociais do pobo galego, e hainos, que tentan facer caixa para eles e para aos seus amigos. Neste segundo campo sitúase o Partido Popular (concurso cólico, subvencións para as empresas fores­tais e para as organizacións amigas, entrega dos montes a empresas privadas a través das SOFOR,...).

Logo da vaga de lumes do 2006, a maioría das organizacións relacionadas co monte e a Consellería de Medio Rural, dirixida politicamen­te polo BNG, chegaron a unha conclusión: o problema dos lumes nos mon­tes, teñen causas estucturais , derivadas do abandono do medio rural e de que os montes veciñais en man común cando foron recuperados polos veciños e veciñas comuneiros , estaban nun estado de abandono nun 50%, (as peores terras), e forestado en réxime de bicultivo, piñeiros e ecucaliptos noutro 50% (as millores térras). A alternativa pasaba , xa que logo, por levar adiante unha nova e, radicalmente distinta política de montes . Des­te xeito, e dito coa máxima cautela, gañaríase o combate ao turné , non a curto prazo, mais si a medio e longo plazo .

No tempo en que o BNG dirixiu politicamente a Consellería de Medio Rural, levouse adiante os primeiros pasos de esa nova e, sobre de todo, radicalmente distinta política de montes. Os eixos de esta nova po­litice de montes foron:

-A nivel do propio combate os lumes forestais .Entendeuse que o comba­te ao lume ,na súa faceta de extinción , tiña que ser levado adiante pola pro­pia Administración Galega. As comunidades de montes non deberían receber axudas para o combate ao lume e sí para as tarefas de prevención dos lumes . O resultado práctico de este cambio foi, que se antes en cada cam­paña, as comunidades de montes limpaban unha media de 4/5 has, agora limpaban unha media de 40/50 has .

-A nivel lexislativo. Promulgouse a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestáis que ordenaba as plantacions e prantexaba a xestión da biomasa forestal nos núcleos de poboación , nos camiños e nas pistas fores­tais .Crearonse as unidades de xestión forestal alternativa válida para os montes particulares .E quedou no camiño a Lei de Montes de Galiza , que reforzaba o concepto xermánico da titularidade veciñal e prantexaba alter­nativas para os montes en estado de grave abandono.

-A nivel de valorización dos montes . Sacáronse liñas de axudas para os montes que abranguían todos os seus aspectos de cara a lograr un monte vecinal multifuncional e sustentable. De tal xeito que se sacaron liñas de axudas novas como foron: plantación de frondosas autóctonas, proxectos dinamizadores do medio rural, valorización integral e multifuncionalidade dos montes...

-A nivel social. Leváronse adianto campañas de concienciación social de que os montes eran un ben común, un ben social e  perségueuse aos pre­suntos incendiarios.

O Partido Popular, leva máis dun ano gobernando Gali­za, que fixo neste tempo para combater os lumes forestais? Ogallá puideramos dicir que non fixo nada. Fixo algo peor. Desandou os pasos dados pola anterior Consellería de Medio Rural, pasos que no medio e no longo prazo sigificarían que os lumes nos nosos montes, deixarían de ser o atenta­do social, medioambiental e económico que hoxe son. En máis dun ano que leva no goberno de Galiza , o Partido Popular non axudou a por en prác­tica a lei de prevención e defensa contra os lumes forestais, eliminou todas as axudas, que non fosen de carácter forestal, aos montes veciñais en man común. É certo que no tempo que leva de goberno, o Partido Popular, sacou dúas liñas de axudas para o monte veciñal: a de fomento da silvicultura e a de prevención de lumes forestais.Mais da primeira aínda non as concedeu (o que significa na práctica que non a sacou), e da segunda reduci­das á metade, comezou a concedelas a partir do 10 de agosto, cos lumes xa nos montes.

Con esta política de desandar o andado, estamos afirmando que o Partido Popular prenden o lume que houbo nos montes este verán? Evidentemente non. Mais sí estamos afirmando que ao Partido Popular non lle preoucupa moito que haxa lume nos montes. Se cadra , interesalle que ardan algo os montes veciñais en man común. Deste xeito, terían unha xustificación para levar adiante a estratexia que ten nesta lexislatura para os montes veciñais. Estratexia que non é outra que entregarlle os montes veciñais en man común ao capital. É dicir, proceder a súa privatización. Terían o argumento, creado por eles, xa que así poderían dicir que os montes arden por­que os veciños e veciñas non saben xestionalo, cómpre a súa privatización.

A verdade é que esta táctica non é nova. É unha vella táctica usada historicamente polo fascismo. Culpar aos demais dos males, para logo, ter a xustificación para levar adiante as "súas" políticas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña