09:04 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-08-2010

Coa estabilización política e o cese dos conflitos bélicos internos a presenza económica portuguesa e brasileira recuperou o espazo perdido

A CPLP: expresión económica e política internacional da lusofonía (Parte I)

Valorar (3)

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN


Comunidade dos Paises Língua Portuguesa


O 17 de xullo de 1996 tivo lugar en Lisboa unha cimeira de Xefes de Estado e de Goberno de Portugal e as súas ex-colonias. Nesa reunión constituíuse formalmente a Comunidade dos Paises Língua Portuguesa - CPLP.

A reunión de Lisboa foi a última etapa dun percurso iniciado no Brasil en 1989, cando o Presidente José Sarney  convocou a unha reunión aos Xefes de Estado e de Goberno dos sete países lusófonos existentes naquela altura: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Mozambique, Portugal e San Tomé e Príncipe. O froito máis tanxíbel do encontro foi a decisión de criar o Instituto Internacional da Língua Portuguesa - IILP, con sede en Cabo Verde, como institución encargada de velar pola promoción e difusión do idioma lusófono. O IILP funcionou como un organismo autónomo ata o 2005, ano no que se integrou formalmente na estrutura da CPLP.

En 1994, os Ministros de Relacións Exteriores dos sete estados lusófonos reunidos en Brasilia, adoptaron unha resolución instando a convocar unha Cimeira de Xefes de Estado e Governo coa finalidade específica de instituír a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa. A Cimeira de Lisboa de 1996 é a resposta a esta resolución.

Segundo os seus estatutos, a CPLP "é o foro multilateral privilegiado para o aprofundamento da amizade mutua, da concertação político-doplomática e da cooperação entre os seus membros", tendo como obxectivos xerais "a concertação político-diplomática entre seus estados membros, nomeadamente para o reforço da sua presença no cenário internacional; a cooperação em todos os domínios, inclusive os da educação, saúde, ciência e tecnologia, defesa, agricultura, administração pública, comunicações, justiça, segurança pública, cultura, desporto e comunicação social; a materialização de projectos de promoção e difusão da língua portuguesa."

Cando a constitución da CPLP, o Timor Leste estaba ocupado por Indonesia e só coa proclamación da independencia - o 20 de maio de 2002 - se integrou na CPLP sendo considerado "membro fundador" en igualdade de condicións cos outros sete estados lusófonos.

Se o idioma común foi o desencadeante da súa formación, moi pronto se puxo en evidencia a existencia de outros aspectos, económicos e xeopolíticos, que lle dan á CPLP unha importancia crecente no escenario internacional. Arredor de 200 millóns de habitantes viven nos Países CPLP, o que se traduce en 200 millóns de actuais ou potenciais consumidores.

No aspecto económico, a CPLP engloba a varios Países con abundantes e valiosas materias primas: petróleo (Angola, Brasil, São Tomé e Príncipe, Timor Leste), gas natural (Angola, Mozambique, São Tomé e Príncipe, Timor Leste), ouro (Angola, Mozambique). A maiores, Angola alberga no seu solo importantes xacementos de diamantes, cobre, ferro, uranio, aluminio, fosfatos...

Nos últimos anos estase asistindo a un acelerado incremento do comercio, intercambios económicos e investimentos entre os seus propios integrantes. De moito tempo atrás son as relacións económicas e comerciais entre Portugal e Brasil e entre estes e as, noutro  tempo, colonias portuguesas que quedaron practicamente desmanteladas cos procesos independentistas. Coa estabilización política e o cese dos conflitos bélicos internos a presenza económica portuguesa e brasileira recuperou o espazo perdido e colleu novos azos; nos últimos anos máis de 500 empresas brasileiras instaláronse en Angola e superan as 200 as que teñen presenza en Mozambique, especialmente en sectores como o mineiro ou as obras públicas; Portugal ten unha presenza máis diversificada en Países e sectores, destacando nas áreas financeira, enerxética, turística e na construción civil.

Angola, grazas aos seus recursos enerxéticos está a converterse nunha potencia sub-rexional, aínda que, polo momento, lonxe da capacidade económica e da influencia política de Sudáfrica. O poder que lle outorga a súa inxente produción petrolífera permítelle impor certas condicións aos investidores estranxeiros, non permitindo que ningún deles se faga co monopolio real en ningún dos sectores económicos, industriais ou comerciais. Sendo obxectivo económico preferente de Brasil e Portugal, máis tamén da República Popular China e dos EE.UU., comeza pola súa parte a ter presenza económica activa en outros países, nomeadamente na Guiné-Bissau onde xa é un dos principais países investidores..

A estabilización política e a finalización dos conflitos armados internos - agás na Guiné-Bissau - introduciu algúns cambios substanciais en relación ao status quo económico vixente antes da independencia das colonias portuguesas en África e Asia. Portugal, certo é, recuperou unha parte do seu poder económico, mais xa non é o único - nin o principal - axente actuante. Brasil, polo seu poder económico e importancia xeopolítica é hoxe a principal potencia da CPLP, relegando a Portugal a un papel importante, porén secundario. Non hai dúbida de que o verdadeiro impulsor económico e político da CPLP é o Brasil.

Con todo, non mudou para nada o modelo económico da época colonial, polo que é obvio dicir que todo o enramado económico-comercial da CPLP no seu conxunto -  e en cada un dos seus integrantes - se sigue movendo dentro das lóxicas de explotación capitalista que, ao día de hoxe, se expresan mediante o modelo neoliberal.

A crecente importancia económica - e, por tanto, xeopolítica - da CPLP, está na orixe da morea de aspirantes non lusófonos a integrarse nela. Algúns deses candidatos - Guinea Ecuatorial, República de Mauricio e Senegal - xa son membros observadores desde hai anos, e a lista de espera engorda ano tras ano.

E a Galiza? Sendo como é un "espazo lusófono", podería ter cabida na CPLP?.

Na segunda parte desta colaboración nos aproximaremos a estes temas.


[26-08-2010 10:27] Artilheiro comentou:

-E a Galiza? Sendo como é un "espazo lusófono", podería ter cabida na CPLP?
A AGAL e a AGLP já estam a trabalhar no assunto desde hai anos. Quando asumirá o Bloco que a Galiza é um espaço lusófono?

[25-08-2010 09:35] abelardo xose del caño varela comentou:

Poderíamos-lle enviar o teu artigo o Presidente Feijo, cun pouco de sorte ao millor enterase de que vai a cousa e recúa. Agora co penso para recuar hai que reflexionar...e para eso ter pensamento proprio...En fin!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña