09:30 Sabado, 23 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-08-2010

A elaboración dos plans hidrolóxicos debería ser un proceso participado pola cidadanía e organizado no tempo

Lei de augas de Galiza e Plan Hidrolóxico (Parte I)

Valorar (4)

MANUEL SOTO CASTIÑEIRA


Encoro da Fervenza (Concello de Zas)


Augas de Galicia
é o nome da entidade actualmente responsábel pola xestión da auga en Galiza, e será tamén o nome da futura entidade que a "Lei de Augas de Galicia" actualmente en tramitación prevé crear, tras eliminar o ente que xa existe. Paralelamente á tramitación desta nova "lei", a Xunta (é dicir, Augas de Galicia) continuou os traballos de adaptación e implantación da Directiva Marco da Auga naquela parte do territorio galego no que ten competencias. Como parte deste proceso, e con varios anos de atraso, ven de abrirse á exposición pública o borrador do novo plan hidrolóxico para as bacías de Galiza-Costa (do Eo ao Miño, excluídos estes), que deben constituír a cerna da política de augas, os recursos hídricos e os ecosistemas acuáticos.

A DIRECTIVA MARCO DA AUGA

A Directiva Marco da Auga (DMA) é unha peza normativa básica das políticas ambientais no seo da UE que no seu momento foi saudada e apoiada polos sectores ambientalistas, contando coa oposición dos sectores industrialistas, afectados no seus intereses enerxéticos e contaminadores. O resultado foi un extenso texto que recolle principios e obxectivos de grande interese para a prevención da deterioración ambiental en xeral, e dos ecosistemas acuáticos en particular, así como dos importantes recursos produtivos, ecolóxicos e sociais relacionados con estes medios e non a penas coa auga. Pola contra, a súa principal eiva é o emprego dunha linguaxe carente de forza xurídica, en que predominan termos do tipo promover, procurar, velar...

Aprobada e vixente desde o ao 2000, a DMA establece obxectivos tais como que I) ningunha actuación poderá conducir a unha deterioración adicional das masas de auga e os ecosistemas, e II) a adopción de medidas, a través basicamente dos plans hidrolóxicos, para acadar no horizonte de 2016 o "bo estado" dos ecosistemas acuáticos. A definición do "bo estado" das augas inclúe unha serie de indicadores biolóxicos de calidade dos ecosistemas acuáticos, como pode ser que a comunidade biolóxica non estea apreciablemente degradada ou que non teña ausencia de compoñentes básicos da mesma. Pensemos, nestes sentido, que medidas compre levar a cabo para restaurar a comunidade biolóxica propia da maioría dos grandes ríos galegos, que contan co 70% dos seus tramos inaccesíbeis ás especies migratorias, nomeadamente o salmón.

A DMA inclúe tamén indicadores hidromorfolóxicos, así como químicos e físicos, para auxiliar na definición e consecución do bo estado ecolóxico. Mais xulgamos de importancia os primeiros, no caso galego, relativos ao réxime hidrolóxico, en particular o réxime de caudais e a continuidade do río. É dicir, aqueles que informan da integridade dos ríos ou da súa amputación por obras hidráulicas, maiormente hidroeléctricas no caso galego.

No plano xeral, a DMA busca superar as deficiencias do enfoque tradicional que levou á elaboración de varias ducias de directivas sectoriais, a maioría delas relativas á contaminación das augas. Inclúe así obxectivos de:

a) modernización da administración hidráulica,

b) definición do estado de referencia, estado actual e presións antrópicas (impactos) para cada masa de auga,

c) estudo económico do uso da auga e políticas de prezos,

d) facer efectivas as medidas básicas previstas na actual lexislación e aquelas outras complementarias que sexan necesarias para atinxir os obxectivos,

e) desenvolver programas de seguimento nesta materia,

f) efectivizar os procesos de información e participación pública nas políticas da auga.

Algúns dos obxectivos da DMA, xa presentes en normativas previas son os relativos ao control xeral da contaminación, a redución progresiva dos vertidos de contaminantes prioritarios, a redución progresiva da presenza de contaminantes prioritarios na auga (adoptando para isto o dobre enfoque emisión-inmisión), a incentivación da eficiencia, o control das captacións, e a avaliación de impacto ambiental.

A elaboración dos plans hidrolóxicos debería ser un proceso participado pola cidadanía e organizado no tempo; un proceso de participación a iniciar 4 anos antes da fase final de consulta cidadá, a cal se prolongará por un período de 6 meses. A recente comunicación de que se abriu esta última fase (agosto 2010) é xa indicativa da deficiencia de todo o proceso de elaboración, sobre o que non houbo información nin debate público algún e menos participación e xestión desta.

En calquera caso, o borrador do plan veu unido ao anuncio por parte da mesma Xunta de novas minicentrais para os ríos galegos, o que constitúe toda unha declaración de intencións. A asociación ADEGA xa o denunciou como a escusa da Xunta para continuar co saqueo dos nosos ríos. Pola miña banda, agardarei ao seu coñecemento para dar unha opinión máis fundamentada.

 
A LEI 5/2006 DE PROTECCIÓN DOS RÍOS

Os gobernos do PP de Fraga foron responsábeis da política hidrolóxica desenvolvida ate o momento e dos primeiros atrasos na adopción da DMA. O bipartito deu un golpe de temón paralizando a construción dunhas poucas minicentrais (unha trintena) e canalizou a aprobación dunha Lei para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos (Lei 5, do 30 de xuño de 2006) cuxo borrador chegara ao parlamento como Iniciativa Lexislativa Popular. O PSdeG-PSOE encargouse de eliminar da proposta aqueles aspectos taxativos que podían obrigar a actuar, e a lei foi aprobada por unanimidade dos tres grupos parlamentarios. De aí en adiante, durante os dous anos e medio que seguiron co PSOE ao fronte das políticas ambientais, e de novo co PP, non se coñeceu ningún avance na aplicación da lei. A elaboración do plan hidrolóxico converteuse nunha cuestión escura e meramente intra-administrativa.

A Lei 5/2006 reclama o desenvolvemento urxente DMA en Galiza, e establece que se asumirán os obxectivos "máis avanzados" da DMA en canto a preservación dos valores naturais. Con este obxectivo, determina a inclusión nos plans hidrolóxicos de programas de restauración dos ecosistemas fluviais no referente aos indicadores de réxime hidrolóxico e continuidade do río. Cumpre agora analizarmos os contidos das propostas de plans hidrolóxicos e vermos como se tratan estas cuestións. Tampouco tivo lugar a elaboración de plans de educación ambiental para a redución do consumo de auga, a prevención da contaminación e o aforro enerxético, previstos no artigo 7 da Lei 5/2006.

Mais o artigo 5 incide directamente no debate sobre a nova Lei de Augas de Galicia. No apartado 1 do artigo 5 di o seguinte: "As diferentes actuacións relacionadas coa auga e cos ríos basearanse nos principios de xestión da demanda, recuperación de custos e consideración da auga e dos ríos como un activo ecosocial. Deberán establecerse dotacións de recurso de referencia, atendendo a criterios de dispoñibilidade, eficiencia e racionalidade no uso, e compatibilidade cos obxectivos ambientais de non deterioración e recuperación do bo estado das augas".

Asúmese así o establecemento dunha política de prezos como unha peza chave para a xestión da demanda con vistas a un uso eficiente do recurso, fixando o criterio mínimo da recuperación dos custos do servizo, sen prexuízo de proceder a unha certa internalización dos custos ambientais asociados (non repercutidos no custo do servizo), a través dalgún sistema de imposto ecolóxico.

A proposta "Lei de Augas de Galicia" para nada é unha proposta de lei xeral sobre a auga e os ecosistemas acuáticos, senón máis ben sobre a extracción, subministro e evacuación de augas para o consumo urbano e algúns outros usos non domésticos. É por tanto unha lei moi parcial, que acertaríamos a definir como a Lei de "Augas de Galicia", é dicir, o novo ente co que a Xunta do PP quere organizar o negocio da auga e asumir parte das competencias municipais nesta materia, aproveitándose da precariedade e falta de recursos da maioría destes. Mentres, a Xunta esquécese de reclamar as competencias sobre máis da metade do noso territorio en materia de planificación hidrolóxica (as bacías intercomunitarias do Eo, Navia, Támega, incluída toda a do "pai" Miño intercomunitario e internacional).

A pesar deste carácter reducionista, o debate sobre o borrador da Lei de Augas implica a toma de posición acerca de diferentes cuestións como poden ser as seguintes. É compatíbel unha política de taxas con vistas á recuperación dos custos do servizo cos criterios de políticas fiscais progresivas?. Que criterios se deben establecer para a definición das taxas polos diferentes servizos? A propia Lei 5/2006 di que "As dotacións de referencia serán aquelas que garantan a satisfacción das necesidades básicas das persoas"..., mais, canta auga é necesaria para satisfacer esas necesidades básicas? As persoas e os colectivos promotores da ILP tiñan chegado a un consenso sobre unha cantidade máxima: 150 litros por persoa e día. É realista esta dotación?. Alén destas cuestións, que valoración nos merece o borrador en tramitación da lei de augas?. Trátase dunha lei con meras intencións de facer dano á oposición política, nomeadamente creando dificultades aos actuais gobernantes das principais cidades do país?. Trataremos disto nunha segunda parte deste artigo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña